Imagen de Jinetes del trópico

O grupo publicará nos vindeiros meses o seu novo disco, Guateque Beach, un espectáculo con moitas novidades que transportará ao público a un chiringuito de praia.

Los Jinetes del Trópico nace no 2015, cando Laura Solla e Toñito García se atreven a apostar polo buenrollismo. Eran un dúo acústico no cal Solla achegaba o aporte country e García o reggae e ska. “Ela era a jineta e eu o trópico” di o compositor e cantante.

Sete anos despois a situación do grupo mudou bastante. Xa están consolidados no panorama musical galego e son coñecidos por cancións como Namoreime dunha pulpeira ou Cadeleo. Ademais, do dúo inicial xa só queda Toñito, acompañado actualmente por Nico e Porri.

Tras un verán cheo de actuacións por toda Galicia, o 26 de novembro viaxaron ata Xenebra levando a festa á cidade suíza. O 3 de decembro a cidade compostelá será a encargada de acoller ao grupo, mentres que o 10 dese mesmo mes actuarán en Vigo. Nos vindeiros meses sairá tamén o seu próximo disco, Guateque Beach.

Cando comezastes, aló polo 2015, erades dos poucos que realizaba este tipo de música en Galicia. Tivestes algún tipo de traba? 

Non, traba non. É certo que daquela non era algo que estivese de moda. Nós sempre apostamos polo traballo. Sempre quixemos afondar nas raíces, coller músicas latinas e mesturalas coas galegas.

Consideras que abristes un camiño no panorama musical galego? Pois na actualidade hai máis grupos que se atreven con ritmos diferentes e únicos…

Non o sei nin me gusta dicilo… Poderíase dicir que si. Cando nos xuntamos con colegas doutras bandas como La Quinkillada, por exemplo, din que nos escoitaban dende hai tempo. É un orgullo que haxa bandas actuais que nos escoitaran, e se fomos unha influencia para eles pois xenial!

Por que decidistes crear en galego?

A nosa música non é 100% en galego, pero si o 99%. Eu son o que compón, o que fai as letras e a música. O galego é o idioma que falo dende sempre, paréceme unha lingua bonita e moi práctica para compoñer. Eu penso en galego, soño en galego e compoño en galego.

Á hora de compoñer, que vos inspira?
Xeralmente as anécdotas do día a día. Por exemplo ir comer o pulpo ao Carballiño e namorarse dunha pulpeira. Tamén adaptamos unha canción de Ana Kiro porque miña avoa é moi fan dela. Todo o que vivimos é o que nos inspira.

Falando de Ana Kiro e remontándonos ao que nos dicías antes da importancia das raíces, cal é a significación do tradicional dentro do voso repertorio? 

Os tres que formamos o grupo sempre estivemos vinculados á música tradicional galega. Eu toquei o tambor, fixen baile tradicional… Porri tamén estivo moitísimos anos vinculado ao baile tradicional. E Nico, aínda que é venezolano, dedícase a facer instrumentos tradicionais galegos. Ao final sempre inclúes algo diso… Digamos que non nos atrevemos a facer música tradicional porque non temos tanta experiencia, pero si que collemos moitos elementos dela.

Cal é a canción que non pode faltar nun concerto?

A favorita do público é Namoreime dunha pulpeira. Se o concerto dura 75 minutos, a xente bota 74 minutos pedíndoa. Aínda que para nós Furancho é imprescindible.

Haberá novo disco e con el espectáculo novo, non si?

Estamos traballando nunha nova posta de escena. O escenario non vai ser un escenario, vai ser un chiringuito tropical, imos estar coma na praia. De feito o novo disco chamarase Guateque Beach. Todo o que gañamos este verán imos a investilo nel.

En breves entraremos en estudio, contamos con telo listo para saír en decembro ou xaneiro. Vai a ser algo moito máis brutal, máis explosivo, unha evolución!

Leave a Reply