Pablo Galo (1975, A Coruña) é un dos ilustradores e pintores galegos contemporáneos máis prestixiosos. As súas ilustracións ocupan as portadas de editoriais como Anagrama, Espasa ou Seix Barral, artigos de revistas literarias e cartaces de música (como a do festival Azkena). Gallo desenvolveu unha sensibilidade e visións únicas, na que se mesturan elementos o pop, o surrealismo e o ocultismo. O seu maxín e creatividade esténdese tamén á escritura e edición de libros, á videocreación e ao proxecto musical Comando psicográfico. Aproveitamos a inauguración da súa exposición Doble Visión: Pintura e ilustración na Coruña para contactar con el e coñecer máis sobre a súa traxectoria e obra.

Na túa casa había un ambiente propicio para crear. O teu pai pinta e a túa nai escribe relatos, e ti lembras de debuxar dende ben pequeno. En que momento dixeches “Eu quero e creo que podo dedicarme á ilustración”?

Non teño lembranza de dicilo así. Sempre debuxei, dende moi pequeno, e foi dunha forma natural que seguín facéndoo ata que, sen darme moito de conta, adicábame por completo a debuxar e pintar. O da ilustración foi máis tardío. O primeiro libro que ilustrei foi Política de hechos consumados, de Nacho Vegas, no 2009, e para entón xa levaba 14 anos adicado a pintar e facer exposicións.

Tiña tamén curiosidade por saber como era o ambiente cultural e da arte tanto na Coruña como na Barcelona de principios dos noventa, mentres estudabas na escola Pablo Picasso e na Massana. Como che influíron? Dame a impresión de que varios artistas desa xeración tendes compartides o gusto polo ocultismo, e o cine de terror e de serie B.

Para min aquela foi unha época de busca e de experimentación. Na Escola Pablo Picasso tiña moitas materias como gravado, fotografía, escultura… moitas técnicas e visións diferentes para desenvolver proxectos. E da escola Massana de Barcelona, onde fixen a especialidade de pintura, lembro sobre todo a liberdade de vivir nunha cidade descoñecida, a ledicia de fuxir da miña cidade natal (algo moi necesario aos vinte anos), e pasar os días visitando museos e galerías. O gusto pola estética ocultista pode saír de diferentes lugares. Sempre me gustaron os gravados medievais relacionados coa alquimia, a maxia e a relixión. E máis tarde o pintor inglés Austin Osman Spare foi unha gran influencia.

A ilustración é un sector precarizado, no que é difícil adicarse a tempo completo a el. Dubidaches no teu camiño ata chegar a onde estás? Que che animou a continuar?

Tiven a sorte de que ao volver de Barcelona, con vintepoucos, na Coruña había una agrupación de empresarios novos que fixeron de mecenas con pintores que estábamos a comezar, e que nos mercaban un gran cadro cada mes. Era un pequeno soldo e axudounos moito. Ademais organizar algunha exposición colectiva para darnos a coñecer, como a que tivo lugar na Estación Marítima da cidade con cadros de grande formato. O certo é que nunca tiven dúbidas sobre adicarme a debuxar e pintar, e nunca desempeñei ningún outro traballo que non tievese que ver con isto.

Nas túas ilustracións e pinturas convive a iconografía pop co surrealismo. Noutras entrevistas citas como influencias, entre outros, a  Doré e William Blake. Como logras integrar tanta formación e información?

As influencias son moitas, si. Por un lado interésame xente máis pop, como David Hockney, Edward Hopper ou Peter Blake, e por outro lado artistas máis surrealistas ou relacioados co ocultismo e o simbolismo, como William Blake, Max Ernst, Ithell Colquhoun, Leonora Carrington, Austin Osman Spare, Hilma af Klint, Paul Klee… Supoño que as influencias, aínda que variopintas, mesturanse sen saber moi ben como, e ao final sae á luz unha visión propia.

Nunha entra recente de Instagram reseñaches Urbano Lugrís. Viaje al corazón del océano de Antón Patiño. Como che infliu a obra de Lugrís?

Lino este verán e gustoume moito. Fíxome lembrar cando, sendo un neno, visitaba cos meus pais a taberna Fornos as fines de semana, e ficaba abraiado cos murais que alí pintou Lugrís. Dalgunha maneira foi unha gran influencia no meu traballo. Ese surrealismo seu, de mar e tasca, profundo e cotiá o mesmo tempo, sempre me fascinou.

Outro dos elementos distintivos das túas obras é o uso de símbolos, tanto explícitamente (mans, ollos, lume, arquetipos mitolóxicos…) como por omisión (estou pensando nas caras e os ollos tapados polas mans ou o fume en Gabinete de apariciones). Como traballas este simbolismo? Buscas unha sensación ou impacto no público ou trátase dalgo máis instintivo?

Paréceme que os símbolos son importantes. Desentrañar os sinais que se presentan no camiño. Aínda que vivamos nun mundo que tournouse moi racionalista, temos sentimentos de trascendencia que herdamos dos nosos antepasados. E os símbolos conectanos con iso, seguen funcionando no noso cerebro e creando conexións inesperadas.

Estás a ilustrar para Anagrama a obra completa de Patricia Highsmith, unha autora cunha vida e obra non vinculada directamente ao oculto, pero que tivo unha vida rodeada de bastante misterio. Gustariame saber como estás a afrontar este proxecto… empapacheste da súa obra para construir un concepto, ou traballas máis libremente?

Levo ilustradas oito portadas para novelas de Highsmith e houbo diferentes maneiras de afrontalo. Ás veces lín a novela, e ás veces coa sinopse xa se me ocorre unha idea ou venme unha imaxe e parto diso para facela. Dende a editorial Anagrama sempre me deron total liberdade para crealas, e iso é algo que se agradece moito.

Outra das túas facetas como “creador” é a edición de libros. No podcast de Aldo Linares, dixeches unha frase que me gustou moito: “Quero facer un libro que me gustaría que existira”. Cal é o pulso que che leva a facer estes proxectos?

Pois sí, esa é a maneira de afrontar ese tipo de proxectos persoais. Os sete libros que teño de momento como autor os fixen así: imaxino un libro que me gustaría que existise, e se vexo que non hai algo semellante, lánzome a facelo. Pero ten que haber ese primeiro impulso, e presentarse dunha maneira poderosa e insistente.

Quería falar tamén de Bestiario del norte (La Felguera). Como foi navegar na mitoloxía do Norte tanto a nivel antropolóxico como a nivel de ilustración? 

Non son ningún erudito en mitoloxía pero interésame moito tanto a parte relacionada coa imaxinación como a parte psicolóxica, os arquetipos que se repiten por todo o mundo en diferentes culturas. Así que imaxinei un libro que transitase polas mitoloxías de Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco, dende o lugar onde nacín (A Coruña) ata onde vivo dende fai 18 anos (Bilbao). Disfrutei imaxinando e retratando todas esas criaturas mitolóxicas e aprendín moito facéndoo.

Empregas a música como ferramenta para inspirarte e “entrar trance”, pero tamén como ferramenta creativa co proxecto Comando Psicográfico. Como xorde o proxecto? Que sintes no trance de debuxar?

Xurdiu cando tiña 20 anos. Ás veces facía debuxos a cegas, pola noite, e 20 anos despois pensei en facelo en directo proxectando o resultado ao mesmo tempo. Conteillo ao meu amigo e músico Iago Alvite, e enseguida díxome que el podería poñer a música. Así naceu o Comando Psicográfico. A verdade é que cando debuxo a cegas en directo esquezo ao público, e fágoo cunha liberdade inusual. Por outro lado ten tamén unha parte de xogo, de función teatral, de performance gamberra.

Unha das cousas que máis me sorprendeu escoitarte é a falta de apego aos proxectos, unha vez terminas con eles. Como consegues separarte da obra? “A realidade non está do voso lado” é o corte número 15 de Líneas espectrales , e a frase coa que iniciades o ritual dos vosos concertos. Pode axudarnos a arte a atopar a verdadeira ou outras realidades?

Eu desfruto moito co proceso, cando estou inmerso no debuxo ou a pintura. Pero cando dou por rematada unha obra non me custa nada perdela de vista. No proceso accedo sen dúbida a outra realidade e o tempo non transcorre do mesmo xeito. A verdadeira arte abre portas, as portas da percepción que dicía William Blake.

Case sempre traballas con medios analóxicos (óleo, acrílico, tinta china…).  Quería saber a túa opinión sobre os medios dixitais. Crees que cortan a creatividade e a capacidade dos artistas para conectar co seu inconsciente e actuar como médiums?

É certo que teño por costume utilizar medios tradicionais no meu traballo. Pero non vexo nada de malo nos medios dixitais. Simplemente son unha ferramenta máis, e pódense facer cousas igual de horribles ou marabillosas con elas.

Que podemos esperar os visitantes da exposición Doble Visión?

É un reflexo do desdobramento que fago no meu traballo, a cabalo entre a pintura e a ilustración. Na exposición pódense ver 11 pinturas recentes feitas no 2023 e 15 ilustracións de diferentes proxectos. Por un lado, a experimentación e a querencia pola macha na pintura, e por outro lado, o trazo máis limpo e debuxístico da ilustración.

Para pechar, un consello para as artistas que están comezando.

A min funcionoume unha mestura de tesón, confianza e bastante tolemia.

Podedes visitar Doble Visión: Pintura e ilustración  ata o 31 de outubro no local de Ascega da Coruña (Rúa Antón Vilar Ponte 9). Bestiario del norte. Seres mitológicos y animales fantásticos de Galicia, Asturias, Cantabria y País Vasco foi editado pola editorial La Felguera. As fotografías que acompañan á entrevista son cortesía de Pablo Gallo. E podedes desfrutar das creacións de Pablo na súa web: Visión interior.

Leave a Reply