Os próximos días 20, 21 e 22 de outubro O Grove acollerá a quinta edición do festival solidario Nos seus pés, evento que aúna gastronomía e música co obxectivo de recadar fondos para axudar ás persoas refuxiadas.

A Praza do Corgo e o Náutico de San Vicente do Mar albergarán un evento variado e divertido con actividades para todos os públicos. A presente edición arrancará o venres cun tapeo solidario con música de Tuchupabascaramelo DJ, ao que seguirá o ciclo A Ferver DJ Set no que se enmarcan as sesións de Thom Archi, YMK, TANKGIRL e Oujaypee. O sábado arrancará cunha sesión vermú da man de The Freshkiños e Michu da Rocha. Pola tarde abrirase o espazo Nos seus pesiños con actividades infantís, e pecharase a xornada cunha sesión nocturna animada por Lucía Aldao, Grampoder, Visi e Treintañeras Cañeras. Finalmente, o domingo, o festival trasládase ao citado Náutico de San Vicente do Mar, onde terán lugar un vermú e unha paella solidaria con Tomás Porteiro e Mürt.

No tapeo solidario do venres, ademais, participarán os destacados chefs Alberto Cruz do restaurante Landua de Mazaricos (Sol da Guía Repsol 2023), Álvaro Fuentes do Meloxeira Praia do Grove, Javier González da Rexidoira de Barbadás, Javier Olleros do Culler de Pau do Grove (dúas estrelas Michelin 2023), Marcos Otero de Afuego Tapería do Grove e Roberto Filgueira e Marta Fernández do Balado, en Boqueixón (Sol da Guía Repsol 2023).

O Nos Seus Pés xa leva moito andado dende a súa xénese en 2016, cando Mar Benavides, fundadora e organizadora da iniciativa, pasou un mes nun campo de refuxiados en Atenas como voluntaria da organización Project Elea. Á súa volta ao Grove ao ano seguinte, Mar leva consigo unha idea: organizar un festival cultural na vila co que recadar fondos para axudar ás persoas refuxiadas.

Con esa ambición na cabeza, entra en contacto con Javier Olleros, chef do restaurante Culler de Pau, e con Alberto Agrelo, voluntario de ProemAID. A colaboración de ambos foi crucial para que o festival chegase a onde está hoxe: o primeiro axudou a outorgarlle ao evento a temática gastronómica que en parte o caracteriza; o segundo, a poñer en contacto a Mar con ProemAID, organización á que foi destinada a recadación do festival dende o seu inicio (ata a terceira edición o recadado tamén ía á xa mencionada Project Elea, pero esta desapareceu o ano pasado).

ProemAID é unha ONG formada por profesionais das emerxencias (bombeiros, sanitarios, buceadores e nadadores de rescate) voluntarios que opera dende 2015 no sureste da illa de Lesbos e dende 2017 no Mediterráneo Central co fin de socorrer a aquelas persoas en risco grave no mar. Tamén, dentro do denominado Proxecto Auga, buscan axudar a aquelas persoas que vivisen unha experiencia traumática no mar fuxindo de conflitos a perderlle o medo á auga.

Paella solidaria na edición de 2019 | Cedida por NSP

Dende a súa primeira edición no 2017, o Nos Seus Pés recadou para as ONGs xa mencionadas un total de 32.000 euros entre as catro entregas celebradas. Ademais do festival como tal, tamén debemos ter en conta que dende hai uns meses se veñen organizando outras actividades satélites, como torneos de paddle ou concertos illados, co fin de que o nome de Nos seus pés se manteña vivo na memoria da xente local durante o resto do ano.

O éxito da iniciativa ten, ademais, moito que ver cunha rede de apoios establecida entre a veciñanza e cunha “implicación moi grande por parte de moita xente” para que os gastos derivados da produción do evento sexan o máis pequenos posibles. Iso, sumado ás habilidades persoais de cada persoa participante na organización, fan posible un festival caracterizado por un ambiente próximo e divertido e pola variedade de estilos musicais, formatos e públicos.

Leave a Reply