A primeira vez que lin o nome de Cora Novoa foi na cartela que acompañaba á súa obra “Pel de mimbre sobre pel”, que ocupaba o centro da galería ferrolá Sarao Studio rodeada de obras doutros artistas reunidas baixo o concepto “explorar”. A peza de Cora era unha cama desfeita sobre a que descansaba un móbil no que se reproducía un vídeo. O espectador vía un fragmento do corpo da artista, que abarcaba entre o embigo e o medio muslo. Sobre o seu monte de Venus, un montonciño de pel de vimbio era acariñado con coidado polas súas delicadas mans. Agudizando os sentidos e achegando a orella, escoitábase o ruído resultado do roce da pel de vimbio entre os dedos, un son cálido e áspero que resultaba case segredo nun espazo que dificultaba a súa audición.

Aquela peza pareceume moi potente na súa lixeireza. As sabas brancas e o edredón enrugado acollían ese vídeo que tantos visitantes esquivaban ao pensar que tiña algún compoñente obsceno pese a ser simplemente un xogo, unha exploración, unha apreciación tranquila de texturas e sons. Para algúns, o alboroto que sentían ao ver a pel de Cora impedía que coñeceran a pel de vimbio. Axiña comecei a seguila en Instagram para non perderme o seu traballo. A finais de agosto inaugurou “Espazo do eu” na galería Defímeras de Santiago de Compostela e decidín escribirlle para visitar a exposición e conversar con ela. Conseguimos cadrar os calendarios para reunirnos na tarde do 14 de setembro, nunha solarada tarde na que a cidade picheleira acollía a peregrinos e estudantes a partes iguais, a cabalo entre a fin do verán e o comezo do curso.

Defímeras encóntrase nun pequeno local na rúa de San Pedro que antes pertencía a Chan da Pólvora, unha libraría especializada en poesía que pechou o seu espazo físico pero continúa coa súa labor editorial. O recinto mantén a súa vocación artística da man de Beca e Carlos Martínez Casanova, dous irmáns artistas que decidiron fundar un espazo no que expoñer e compartir proxectos que lles pareceran interesantes. Inauguraron Defímeras hai un ano e levan doce meses mantendo a porta aberta á rúa, facendo barrio e incluíndo a todo o mundo, sen facer discriminación algunha.

Ollada limpa e decidida, sorriso grande e amable e pelo da cor do algodón de azucre, Cora recibiume cunha mistura de ledicia, orgullo e nerviosismo. Tivemos unha conversa acelerada e dispersa condicionada polo meu tren de volta e a infinidade de cousas a comentar. Ensinoume a exposición, que estaba composta por seis fotografías, cinco mans de escaiola, un tríptico escultórico de escaiola que conformaba outra man, un torso de escaiola, dúas cadeiras de madeira, unha máscara de xeo e a performance Unha e tres Coras.  Esa última foi a única peza que non puiden desfrutar porque tivo lugar no día da inauguración, semanas antes do noso encontro. O mero relato foi suficiente para lamentar ter faltado ese día.

Artista transdisciplinar, o seu traballo xira darredor da corporalidade, o proceso, a presenza, a fragmentación e deconstrución da identidade e a (auto)exploración. Cora explica de forma fermosa que entende as disciplinas artísticas coma linguaxes, concepción que lle permite desfrutalas e mesturalas dunha forma case lúdica que parte desde a necesidade de expresión e a paixón pola arte. “Espazo do eu” naceu no encerro de 2020 como traballo de fin de grao. Non se considera teórica nin académica, pero si que lle interesa a definición desde o achegamento poético. Precisamente iso foi o que abordou neste proxecto: como colofón aos seus estudos de Belas Artes decidiu facer unha sorte de autorretrato construído desde o diálogo, entendendo o eu como algo colectivo e non algo individual.

Explicoume que como artista é un ser social é que prefire sempre traballar desde o colaborativo. Cre fortemente nas sinerxías, na importancia do diálogo e na pluralidade de visións e opinións como forma de comprender a realidade. Vendo o valor que lle da á colectividade ten todo o sentido que encontrara o seu sitio na arte de acción, na performance. Falei con ela da súa relación coa arte e do seu camiño ata chegar a este momento: non foi doado pero si memorable.

Cora naceu un 7 de marzo de finais do século pasado e creceu nunha familia sen vinculación algunha co mundo artístico. Estudou o bacharelato científico e rematou farta, consciente de que ese non era o seu sitio. Súa nai lembra que cando elaborou a lista de posibles carreiras enumerou once, case todas rematadas en -ia (filosofía, bioloxía, psicoloxía…). No onceavo posto aparecía Belas Artes, relacionada quizais co hábito de debuxar que sempre a acompañou. Uns días antes da elección final tomou á que considera a súa mellor decisión: optar pola derradeira opción.

Estudou a carreira en Pontevedra e alí converteuse nunha artista multidisciplinar (ou, seguindo coa súa metáfora, políglota). Pasou das dúas dimensións do papel ás tres dimensións da escultura, a instalación, o gravado, o vídeo. Ao tempo que estudaba traballou en diferentes lugares, vivindo experiencias boas e non tan boas e aprendendo de todo e todos. Rematando os estudos deuse conta de que a performance era un dos seus intereses principais, ao que se estivera achegando mediante a fotografía sen saber moi ben que estaba coqueteando con outras disciplinas. Non recibiu formación relacionada coa arte de acción na facultade de Pontevedra, pero non dubidou en exploralo pola súa conta. “Espazo do eu”, o seu TFG, foi un proxecto relacionado con esas exploracións. Despois dunha experiencia un tanto mala en Barcelona e en plena pandemia mundial, foi un proceso de moita aprendizaxe e moita liberación.

Despois deste descubrimento, escolleu ir a Sevilla a facer o Mestrado en Artes do Espectáculo Vivo, que non tiña moito que ver coa performance e era moito máis teórico do que lle gustaría, pero no que aprendeu de danza e de teatro posdramático, continuando coa súa exploración da corporalidade. O traballo de fin de mestrado foi como unha pequena tese: decidiu adicarlle un ano mais e anotarse a todos os obradoiros que lle permitiron o tempo e o peto, chegando incluso a organizar ela algúns en Aldán para traer a artistas da performance a Galiza. Cora fala dos obradoiros cunha enerxía contaxiosa, afirmando que son experiencias que recomenda a todo o mundo, independentemente da súa formación e ámbito profesional.

As súas inquedanzas artísticas e o seu forte compromiso coa terra tradúcense en propostas que leva a cabo e xestiona cunha enerxía incansable. Un exemplo sería “Nomes propios”, que naceu como un traballo de clase para unha asignatura de xestión no último ano da carreira pero que está agora na súa segunda edición. É un proxecto comisariado por Cora e Sergio MAG que consiste nunha exposición urbana de artistas emerxentes vinculadas a Galiza.

Conscientes das poucas oportunidades que teñen os artistas novos, do valor da visibilidade e da importancia de alzar á voz e reclamar espazos, organizaron esta exposición urbana colaborativa na que todo o mundo pode participar axudando a colocar carteis coas obras do s artistas seleccionados nas principais vilas galegas, convertendo as rúas en museos. Pese á escaseza de medios, preparan carteis coas obras en formato físico e un catálogo dixital. A primeira edición foi no 2019 e contou coa participación de 74 artistas. Nesta segunda edición contan con máis de medio centenar. Aspiran a continuar facendo futuras edicións co financiamento dalgunha entidade.

O outro gran exemplo serían os xa mencionados obradoiros de Aldán, organizados por unha artista decidida a facer de Galiza un lugar no que a performance deixe de ser unha actividade limitada a uns poucos. Faino por ela, que quere vivir da súa paixón na súa terra, e faino por todos: non se limita a recomendar á xente que faga por participar nunha destas actividades, fai o esforzo de facilitalo. Afirma que é unha forma diferente de achegarte aos demais, de experimentar, de convivir, de colaborar, de participar, de conectar e de crear sinerxías. Anima á xente á que apreza a vivir este tipo de experiencias porque considera que nestes encontros un aprende moito dos demais e dun mesmo, en conexión con ese eu colectivo que explorou no traballo de fin de grao.

As horas que pasei con Cora o 14 de setembro non chegaron para todo o que tiñamos que comentar. Houbo varios audios posteriores nos que falamos de cuestións como inspiración e aspiracións. Contoume que quere explorar a música, colaborar con artistas dedicados ao sonoro. Aspira a traballar na súa terra con xente con ganas de crear, pero recoñece que é moi difícil porque a emigración está a orde do día, especialmente aquí. Ela mesma está actualmente en Valencia comezando uns estudos de doutoramento, mudanza motivada pola escena da performance valenciana, especialmente polo traballo de Lorena Izquierdo e Mario Montoya, dúo responsable de Diàleg Obert. A artista bebe de todo o que a rodea e busca de modo incansable, en constante crecemento e formación. Atopa inspiración no cotiá: traballa co precario, co posto e coa xente que a rodea. O seu círculo non está formado unicamente por artistas, nin moito menos, pero todas as persoas que a acompañan potencian a súa creatividade dun modo ou outro.

Cora namorouse da performance, a linguaxe artística que lle cambiou a vida. O seu discurso é inspirador porque agradece ao tempo que reivindica, un exemplo de paixón, traballo e esforzo. Na nosa conversa mencionou a decenas de artistas locais e internacionais que considera referentes, falando con admiración e respecto da súa obra e chea de boas palabras para todos. Falou con especial cariño de Eva Antelo e de Ana Gesto, a quen considera a súa e madriña no mundo da arte de acción. Pareceume moi xenerosa esa forma tan bonita de mencionar a compañeiros, moi en liña con toda a súa filosofía.

Díxome que aspira a unha vida digna, non ligada á precariedade, ampliando o circulo con xente coa que se sinta a gusto, sempre interesada en traballar desde o colaborativo moito máis que no individual. Estou segura de que esas aspiracións serán máis que satisfeitas porque é un exemplo de forza, persistencia e decisión. Cora fala de xerar espazos, tecer redes, tender pontes e facer comunidade e nada disto queda nun discurso: emprega os poucos medios que ten para organizar cousas grandes pensando sempre nos demais. Desexando ver todo o que fai por Galiza esta muller doce de pelo rosa que ten tan clara a súa visión.

Leave a Reply