O outro día estabamos as compañeiras profes tomando un café antes de comezar a tarde de traballo no cole. Pasou unha persoa coñecida e saudounos.

– Que tal? Xa empezando o curso a tope, non?
– Si, aquí estamos cun café antes de entrar agora pola tarde.
– Ah… pero tamén traballades pola tarde?
– Si, si! Hoxe temos tarde de reunións coas familias e entre nós… así que nos toca día largo
– Buenoooo!!! Tedes queixa vós, que vivides de puta madre! Dous meses de vacacións, sólo ides polas mañás,
librades cando libran os rapaces… Quen mo dera a min
– Oe! Pois sin fallo, sólo tes que estar 25 persoas pequenas 10 meses do ano, xa podes empezar mañá!
– Ostiá! Xa esa parte xa é máis dura…

Evidentemente, xa non é a primeira conversa deste tipo que eu ou algunha compañeira mantemos, de feito creo que necesitaríamos centenas para contalas… Pero despois de pensar isto, veume a idea á cabeza de escribir isto que estades lendo para contarvos que penso eu do “ben que vivimos as profes” e que “non nos podemos queixar”.
Empecemos polo principio. Interésanos vivir de p**a madre, así que imos ser profes, da pública por suposto! 😉

Primeiro paso: estudamos catro anos de maxisterio ou estuda un grao + un mestrado para profesorado.
Segundo paso: preparamos as oposicións, ao tempo que buscamos o xeito de manternos vivos neste sistema. Veña!
Estudamos o temario, a lexislación, facemos algún curso que outro para poder ter máis puntos, preparamos unha programación, ensaiamos, quizais traballamos nun cole un pouco… Pero cachis! Non nos chega e temos que repetir este paso unhas cantas veces.

Imaxinemos que despois duns anos intentando a opo e pasando por case todos os centros escolares de Galicia substituíndo acadamos a nosa ansiada praza coa súa “paguita” wapa.

Bieeeeeen!!!

Agora si podemos vivir de puta madre! Vacacións todo o ano, só curramos pola mañá, incrible! Pero coidado, que sempre está iso que lle chaman realidade…

Como profes agora debemos atender a 25 (ou 35) persoas diferentes, coas súas necesidades, inquietudes, fortalezas, inseguridades… Debemos axudarlles a que vaian medrando e desenvolvéndose, ó tempo que conviven con toda a xente que pasa por un cole.

Ademais diso, temos que manter un rexistro de todo o que facemos, programar un curso, reunirnos con todas as familias do alumnado, reunirnos coas nosas compañeiras, asistir a cursos de formación, preparar proxectos, cubrir papeleo… E ata chega o tempo para estar co noso alumnado!

Decatámonos de que se polas mañás temos que dar as clases e pola tarde reunirnos e atender ás familias… Cando temos tempo de pararnos, preparar o que o noso alumnado quere aprender, preparar as adaptacións para axudarlle? Pois non queda outra que facelo fóra do noso horario laboral.

Imaxinades que as familias confíen en vós para deixarvos as súas criaturas, e non vos guste este traballo? Imaxinades estar 10 meses ao ano intentando coidar e axudar a esas persoíñas, e que non vos guste este traballo? Imaxinades estar 10 meses ao ano pensando 24/7 no voso alumnado para que se atope o mellor posible, e que non vos guste este traballo?

Así que a cuestión importante é:
¿As profes viven de p**a madre?

Pablo Sobrino Nóvoa

Pablo Sobrino Nóvoa

Nacer no 91 ten as súas vantaxes, como pode desfrutar de toooodo o Xabarín Club. Despois das tardes de merenda e tele houbo que afrontar a terrible idea de chegar á adultez… Que se fai agora? De momento aprender todo o que poida das persoas pequenas, é que teño o mellor traballo do mundo: son mestre :)

Leave a Reply