Soa a todo volume o novo proxecto de Ortiga, Chicho & sus Chichas, e non podemos facer máis nada que rendernos e entregarnos ao baile. Manuel García, aka Chicho, foi unha cara máis que coñecida nos festivais do verán e, para que a espera ata os próximos festis non se nos faga demasiado insoportable, agora preséntanos o seu novo traballo a ritmo de mambo, merengue e moita electrónica.

Como non atopabamos as palabras xustas para definir esta tremenda neoverbena, decidimos falar co artífice dos dez novos temas deste proxecto e que el mesmo diga qué le ocurre y qué le pasa.


1. Para quen non che coñeza, fuches en 50% de Esteban & Manuel e agora vas en solitario como Ortiga. Ademais, acaba de saír á venda o teu novo proxecto Chicho & sus Chichas, vaia, que isto non se para. Se tiveses que contarlle a alguén que non estea na era da internet e que aínda non escoitase os teus ritmos de que vai todo isto de Ortiga e que se atopará no teu novo disco, que lle dirías?

Diríalle que o que hai é un estudio estilístico dos xéneros que me gustan, todo baixo o meu punto de vista de “joven santiagués” de 2019. Intento que sea distendido, gracioso e que vala para facerme pasar un bo rato e divetirme.

2. Parécenos bastante curioso o nome do teu novo traballo, non sabemos se ten que ver algo co teu nome artístico (Ou Chicho do Funk) ou se é que che pasaches coas cervexas deste verán pasáronche factura e asoman os michelines. Por que Chicho & sus Chichas? Sentímolo, seguramente cho preguntaron xa unas cantas veces.

O meu amigo que me graba sempre me di que o meu nome artístico tiña que ter sido “Chicho y sus chichas”, e faime moita gracia. Ademáis, dáse a casualidade de que ao movemento cumbiero dos 70’s (peruano, maiormente) con guitarra eléctrica chámaselle “chicha”, e é moi acertado tamén. Encaixa á perfección. E sí, tamén vai en parte polos meus michelines, que aínda que agora están baixo control, no verán fóronseme un pouco das mans jajaja.

 

3. Estás a levar o reguetón a festivais de indie e convencendo ata aos máis puristas. Supoño que este será motivo dalgunha que outra risa, non?

Bueno, de reguetón como tal non teño ningunha canción, pero sí que hai ritmos “irmáns”. Eu creo que funcionan bastante ben. A xente parece que o pasa guai, así que eu encantado da vida. Que haxa sectores que detesten o que fago é moi posible e probable, pero a verdade é que non se me manifestan con frecuencia jajaja. Se algo non che gusta é mellor non dar a vara con eso. Respétao, non o consumas e xa está.

 

4. E por que parece que o movemento indie ten que rexeitar o reguetón? Que pasa con esta guerra fría?

Non creo que sexa o sector indie en concreto, está bastante xeneralizado. Non sei que pasa, a verdade. Ás veces dáme a sensación de que é un rollo pseudoracista, como se a xente de Sudamérica/América Latina non puidese cantar sobre o que lles dé a gana e no formato que lles dé a gana… Parece que se tocas unha guitarra eres moito máis listo, intelixente e culto que si programas una batería no ordenador. A min eso me non me gusta pensalo e paréceme unha estupidez. Será porque esa xente nunca se puxo a programar baterías… Cúndenme estos ritmos porque considero que agora mesmo é onde se está indo cara adiante, onde se están facendo cousas que non ocurriran ata a o momento e onde a xente non ten medo de evolucionar. Creo que noutros estilos máis “clásicos” a xente está algo acomodada. Todos queren sonar coma os seus ídolos, comprar as suás pedaleras e as súas guitarras, esquecendo que non son eles. Pero bueno, no fondo dáme igual, cada can que lamba o seu carallo. Respeto e xa está.

 

5. Mambo, merengue, moito de electrónica e un pouco de cumbia. A grandes liñas, eses son os sons que definen o teu novo traballo. Seguramente esta pregunta sexa un clixé en calquera entrevista a músicos ou grupos, pero no teu caso, dada a mestura, creo que interesa. Cales son as túas influencias?

As miñas influencias de sonido son sobre todo os movimentos merengueros e mamberos da República Dominicana, e toda América Latina en xeral. Flípame Omega el Fuerte, Los hermanos Rosario, Hector Lavoe, Los Mirlos, etc., etc. Tamén escoito bastante música urbana e, ao final, maniféstaseme así.


6. Todo o imaxinario de Ortiga, a estética, os ritmos, a posta en escena, o ambiente de verbena, ten moito de orquestra. Claro que, esta é unha orquestra do século xxi que aposta polo autotune e por ritmos puramente electrónicos. Es algo así como a nova orquestra dos festivais ou nada que ver?

Podería ser jajaja. Moitas veces, de feito, causa ese efecto. Pero bueno, a verdade é que non lle presto demasiada atención a esas cousas. Con tal de ir aos sitios e que a xente quede contenta, para min é suficiente.

7. Con todo este mix de influencias, ritmos e estéticas… como é o público que adoita ir aos teus concertos? Xa non dicimos o dos festivais, xa que aí sempre hai unha boa mestura porque non tocas só, pero, por exemplo, cando tocas en salas máis pequenas, quen se compra a entrada?

Non o sei moi ben porque aínda non fixen prácticamente bolos en salas. De tódolos xeitos, vexo que o público é bastante heteroxéneo, que é algo que me encanta. Gústame que poidan vir persoas de tódalas idades, os meus amigos de sempre e os máis desfasados, os meus familiares, nenos, etc., etc. Encóntroo máis divertido así.


8. Tamén sabemos que es o 50% de Boyanka Kostova xunto a Saibran Yiyi, de onde saíu todo isto do trap máis enxebre? Porque nos ten uns pouco tolos.

Con ese proxecto xa levamos 3 anos e medio e estamos moi contentos. Tamén conseguimos algo moi persoal e concreto. A xente responde marabillosamente aos vídeoclips e concertos, e nós encantados. O 8 de novembro sae o noso primeiro traballo largo, Nova Canción Galega (Mushroom Pillow), que terá 10 temas que fixemos ao longo de 2017 e 2018.


9. E o futuro? Non nos queremos poñer demasiado transcendentais e por agora a túa traxectoria non fixo máis que empezar, pero como ves a proxección da túa música dentro de, por exemplo, dez anos?

Ostras! Espero que siga nesta liña ascendente. Teño bastantes proxectos en mente e moita música feita e por facer, así que de momento aínda hai traballo para un tempiño.

 

10. Agora imos coa prensa rosa, queremos saber un pouco do que hai detrás de Ortiga, a que che dedicabas antes de que todo isto da música dese os seus froitos?

Estiven matriculado nunha carreira universitaria que foi un desastre. Logo decidín poñerme en serio coa música. Estiven encerrao un par de anos aprendendo a usar as caixas de ritmos e o sampler. Íao intercalando con algún curro, algún concerto e tocar na rúa para conseguir pasta. Despois púxenme a buscar bolos como un tolo e pouco a pouco as cousas foron saíndo, ata agora mesmo, que estou e síntome moi guai.

 

11. Con que música estás obsesionado ultimamente? Que soa nos teus cascos día e noite estes días?

O que máis escoito de día é Bad Gyal, Omega el Fuerte e Dellafuente. De noite doulle sobre todo a Oh Ayatollah, Erik Urano, BigJuan GordoLoco e ao novo disco de Tool.

 

12. E para rematar, supoñemos invistes tempo noutras cousas que non son a música. Non sabemos se es dos que vas á ópera ou ao fútbol, nin tampouco como ves o panorama cultural (fóra da música) a nivel Galicia. Cóntanos:

Os meus principais pasatempos suelen estar relacionados con comer jajaja. Encántame ir ás feiras, sobre todo co meu tío e os seus amigos, que son vaqueiros e xente do gando. É o mellor que hai. Cómese moito e ben, algo que valoro bastante.

O panorama cultural galego véxoo moi particular, orixinal e potente. Por exemplo, O que arde, a película de Óliver Laxe (que aínda non a vin e teño moitas ganas) está tendo unha acollida boísima nos principais festivais de cine. E gústame moito a visión que ten sobre o rural e o arte en xeral. Pero ao final é o de sempre: o pouco apoio polas institucións e o sentimento tan galego de autoodio fan que, en moitas ocasións, non se lle acabe de dar o prestixio e peso que ten. De tódolos xeitos, eso non debería desanimarnos a seguir intentando levar proxectos adiante.

Estela Gómez

Estela Gómez

Mi nombre es Estela y nací en el 92 —como Cobi— al lado del mar. Abro textos en canal y leo hasta en la ducha. Soy aprendiz de todo y especialista en nada, tengo incontinencia verbal crónica, y, gracias a la mejor de las suertes, las palabras me dan de comer.

Leave a Reply