Carlos Oroza cumpliría 100 anos este 2023 e, por isto, estanse a convocar múltiples actividades desde a  Asociación Évame: desde exposicións de pintura a recitais e mesmo un concerto do cantautor Paco Ibáñez. A diario, miles de persoas pisamos as letras metálicas que na rúa do Príncipe lembran coma un mantra o “Oh, Eva, Eva, évame Malú” do viveirense sen decatarnos da relevancia da súa voz.

O poeta con aura de maldito, recoñecido e valorado por algúns círculos en Madrid e considerado “menor” por outros círculos na súa Galiza natal (porque houbo un momento, por incrible que pareza, en que escribir en galego era o que daba prestixio) rexorde na cidade de Vigo grazas ao esforzo das persoas que o acompañaron nos seus últimos anos.

Pero, alén deste recoñecemento póstumo, por que é importante Oroza para a poesía a día de hoxe? En primeiro lugar, pola súa aposta pola oralidade. Os versos de Carlos Oroza están feitos para compartir de viva voz; de feito, resistiuse durante moito tempo a publicalos. Son poemas cunha sonoridade moi singular, nos que o ritmo e os xogos fonéticos teñen por veces máis importancia que o propio significado das palabras. Coller un libro de Oroza implica ter que lelo en voz alta para poder disfrutalo e o disfrute é completo cando a voz se comparte.

En segundo lugar, pola capacidade de estar dacabalo entre a sinxeleza e a intelectualidade. Non é necesario saber de poesía para gozar da musicalidade orociana (aquí cómpre preguntar: alguén realmente “sabe” de poesía), pero non estamos ante ripios simplóns e tópicos. As esdrúxulas inventadas que aparecen unha e outra vez na obra do poeta son cercanas e sutiles, algo non moi frecuente no xénero e que o fai universal e cercano.

E tamén a atemporalidade é un factor a ter en conta. Non precisamos dun contexto histórico  para submerxirnos no universo de Oroza; x lector/a/e sempre é quen de comprender e empatizar co poeta, calquera que sexa a súa idade.

Por isto, a reivindicación da figura de Carlos Oroza que está a facer de xeito entusiasta a Asociación Évame está máis que xustificada e atrévome a dicir que é moi necesaria na cidade de Vigo, onde naceu a lírica galego-portuguesa e onde a poesía é parte da nosa historia. Aínda queda medio ano para participar desta homenaxe en forma de actividades culturais, a maioría na sé da Asociación, na antigamente coñecida como “Casa da Collona”, no Casco Vello Alto. E así, conseguirase que non se cumpla o presaxio de que

Cabalum será un poema que se pierda

Leave a Reply