O Premio Castelao de Banda Deseñada, organizado pola Deputación da Coruña, é un dos premios máis prestixiosos da artes gráficas na Galiza. Artistas consagrados como David Rubín e Kiko da Silva, ou emerxentes, como Julia Amigo, recibiron o premio. Este ano os galardonados foron Paula Mayor, na modalidade xeral para todo o público, e Cristian Caruncho, na modalidade para o público xuvenil e infantil.

A Deputación da Coruña ven de publicar O bico da serea, a obra gañadora da anterior edición na modalidade xeral, guionizada por Uxía Larrosa e debuxada por Luis Yang. O bico da serea é unha lectura que deixa máis preguntas que respostas, a medio camiño entre entre a novela de iniciación e o realismo máxico. Sentámonos a tomar un café con Uxía e Luis para coñecer a fondo o proceso de creación da obra e, de paso, volver cun listado de recomendacións para iniciarse na banda deseñada.

O Premio Castelao de Banda Deseñada, organizado pola Deputación da Coruña, é un dos premios máis prestixiosos da artes gráficas na Galiza. Artistas consagrados como David Rubín e Kiko da Silva, ou emerxentes, como Julia Amigo, recibiron o premio. Este ano os galardonados foron Paula Mayor, na modalidade xeral para todo o público, e Cristian Caruncho, na modalidade para o público xuvenil e infantil.

DG: Que conta O Bico da Serea?

Uxía: A protagonista é Zeltia, unha rapaza de doce anos que vive o paso da infancia á adolescencia. Ten problemas para durmir, e nunha desas noites de insomnio apareceselle Eirín, unha serea que lle conta historias para que durma. Estas historias vanse entrelazando coa trama principal, na que se fala da relación cos seus pais divorciados, a súa avoa e o colexio.

DG: É a vosa primeira incursión na banda deseñada e coloraboración xuntos?

Uxía: Xa traballaramos en banda deseñada, pero nunca nun formato tan longo.

Luis: Eu xa autoeditara algún cómic de 40 páxinas [Moving para Shortbox]. Tamén fixen historias curtas e participei en varias antoloxías. Levo tempo metido na publicación underground.

Uxía: Cantas páxinas ten O Bico da Serea? 115?

Luis: Unhas 120 páxinas, por redondear (risas).

Uxía: Eu tamén preparara para o un Xuventude Crea un proxecto de 40 páxinas. Os dous debuxamos e coñecimonos facendo o bacharelato artístico na Coruña. O que nos une é o amor polos cómics, o manga e o anime, ademáis de levarnos ben (risas).

Luis: Flipamos cando de rapaces coñecimos o mundo da autoedición. Montamos o noso propio fanzine, Sacoponcho.

Uxía: Eramos catro persoas. Cada unha participaba cunha historia curta. Intentamos facelo anualmente, pero só sacamos dous números. O Bico da Serea é a nosa primeira experiencia publicando dun xeito máis convencional.

Luis: Realmente publicamos deste xeito grazas ao premio Castelao. No mundo do cómic, cando publicas recibes unha porcentaxe da tirada. Como en España non se le moito cómic, eses royalties son máis ben baixos. Ao mellor traballas un ano enteiro nun cómic e cobra pola obra 1.000 Euros. Obviamente, é exponencial, e se o peta ou editas en inglés ou francés, pois máis tiradas… Pero xeralmente non é o caso.

Uxía: Realmente estás un pouco abocado a vivir tamén da ilustración. O feito de que exista un premio cunha recompensa económica potente permíteche meterte nun proxecto máis grande. Facer tantas páxinas é moi comprometido, leva moito tempo. Eu son deseñadora gráfica e teño un traballo de oficina. O tempo que lle podes dedicar a crear, no meu caso é limitado.

Luis: No meu caso teño que compaxinalo co meu traballo de ilustrador. En relación co esforzo, unha ilustración para unha revista está mellor pagada. Nun cómic tes que facer moitas páxinas para contar unha historia.

Uxía: Cada páxina que les non é a primeira versión. Detrás hai moito traballo narrativo e de composición. A banda deseñada lese demasiado rápido para o tempo que leva facelo (risas).

DG: No Bico da Serea nótase que hai moito traballo detrás, cunha estrutura narrativa con historias intercaladas e moito aberto, algo que cunha obra curta é máis difícil.

Uxía: O bo é que se premian cousas que ao mellor a industria editorial non ve tan claras que vaian funcionar, e podes experimentar. A historia e os debuxos fixemolos sen ningún tipo de restricción e sen pensar nun público obxectivo.

Luis: A obra ten que resoar co xurado, aínda que despois teña a súa propia vida. Nós de feito presentamola con acabado dixital, pero cando gañamos o premio decidín que me gustaba máis facelo a lapis. Xoga mellor coa narrativa onírica do cómic. Fixemos o cambio e ninguén nos dixo nada.

Como xurdiu a historia de O Bico da Serea?

Uxía: Este é un proxecto que empezamos vai tres anos. Tiñamos unha sinopse e a primeira vez que nos presentamos fixémelo con 12 en vez das 16 que pedían. Seguro que nos descalificaron (risas). Despois presentei unha sinorpse e unha pequena estrutura. Unha vez recibimos o premio, guionicei todo. Como eu tamén debuxo, fixen un storyboard, encaixando a trama segundo pensaba que se podía debuxar. Hai algunhas historias dos entremeses, fóra do arco principal, que son nova creación. Engadin os entremeses para cadrar ben o ritmo narrativo e que a obra tivera pausas.

DG: A historia naceu directamente para o cómic?

Uxía: Sí. Penso sempre en texto-imaxe.

Luis: Eu confiaba moito nas habilidades narrativas de Uxía. Aínda que eu fixen o debuxo final, Uxía debuxou por debaixo a narración no storyboard, tendo en mente como ía funcionar na propia linguaxe do cómico. Moita xente cando guioniza non ten na cabeza nas posibilidades desta linguaxe..

Uxía: Máis que en viñetas diría imaxes. Se te fixas o cómic é moi cadrado.

DG: Prácticamente toda a obra está dividida nun formato de 3×2 viñetas por páxina.

Luis: Cando Uxia me escribiu para participar o primeiro ano, non sabiamos se ía ir para diante ou non. Como tiña que dedicarlle tempo a facer seis páxinas, resolvimos deste xeito, no que a narración é máis doada de traballar.

Uxía: Aínda que ao final sí que foi complexo. Como nunca traballaramos nun proxecto desta envergadura, decatamonos de que cando fas 120 páxinas, tes que revisalas 120 veces! (risas) Non sei como fai a xente que fai cousas máis longas.

Luis: O formato 3×2 ten un ritmo pausado e moi marcado, sen grandes saltos. Cando gañamos o premio Uxía dixo: “Este cómic o resolvemos en 90 páxinas”. Pero lendo a sinopse decateime de que non, e tiñamos seis meses para completalo (risas).

Uxía: Eu son de extenderme, gústame moito recrearme nos detalles, din moito da historia. Tiven que cortar esta tendencia. Non queriamos que se fóra moito por enriba de 100 páxinas, e aínda así chegamos ás 120. Trinta páxinas son, como mínimo, un mes de traballo.

Non se trata só do debuxo final. Tes que colocar os globos, decidir os textos… Cada páxina ten o seu traballo. Na exposición que prepraramos para Viñetas dende o Atlántico pódense ver ben estas etapa a través do storyboard, o esbozo e o acabado final.

Ese esforzo de síntese vese moito nesas historias curtas intercaladas coa trama principal. Nunha cariña ou nunha cariña e media contades unha historia con vida propia.

Luis: Cando as imaxes van acompañadas dun texto descriptivo é máis doado comprimir a información. Cando a narración ten que ver con xente falando ou subindo escaleiras, esas esa escenas máis propias dun cómic necesitan máis espazo, quizáis ata tres páxinas.

DG: No debuxo hai un pequeno contraste entre o debuxo da trama principal e o destas historias.

Luis: Ao principio tiñamos pensado facelo máis marcado, pero ao final saiu bastante natural.

Uxía: O contraste obedece ao que contamos. A trama principal é un relato da vida cotiá, mentres que os entremeses teñen que ver coa fantasía e o oníroco.

DG: No relato do Vento e a cunchas das sereas aparece a ilustración con máis detalle do cómic.

Uxía: Neste caso está inspirado na A chuvia dourada de Tiziano. Hai un par de referencias a cadros. Gústame meter estes guiños na obra.

DG: Para a liña principal empregastes un estilo máis definido, de manga.

Luis: A primeira ver que participamos fixemolo na categoría Infantil e Xuvenil. O estilo sintético do manga pretendía que fora unha lectura amigable. Pero funciona perfectamente tamén para adultos. De feito, o xurado ten potestade de móvelo á calquera das dúas categorías.

DG: Como gañadores da edición anterior, este ano participastes no xurado. Como foi a experiencia?

Uxía: Ver todas as “tripas” do premio foi unha experiencia moi chula. Quizáis esperaba que se presentaran máis obras.

DG: Na historia hai algo de realismo máxico, costa diferenciar que é real e que é soño. Sigo dándolle voltas á historia. Todavía non teño claro se a serea é boa ou mala, ou que representa.

Uxía: Tivemos esa conversa (risas). Ao principio a serea tiña uns olliños redondos e un rostro máis amigable, pero eu quería que fora máis escura. Esa sensación ambiguedade e de escuridade é buscada.

Luis: Na propia portada tamén xogamos con esa idea [Uxía abre aa capa]. Na portada sae só Zeltia, pero a serea está agochada nas contracapas, abrazándoa.

DG: As historias que conta Eirín son orixinais?

Uxía: A primeira é un mito africano e está sacado dun libro de Mia Couto, As areas do emperador. Cando lin a historia encantoume e pensei “Isto temos que ilustralo”. A orixinalidade no cómic ven das imaxes que superpoñemos, de pescadores. O resto das historias son orixinais, agás a de Ulises.

DG: Que artistas ou obras vos influiron á hora de debuxar e guionizar?

Luis: Estilísticamente diría o manga. Taiyo Matsumoto sempre foi un referente para min. Mentres traballaba no cómic fixeime bastante en Fumiyo Kōno. Teño os seus cómic en xaponés e non lin nada dela, pero narrativamente mirei moito os seus debuxos. Sintetiza moi ben as formas das personaxes. Eu traballo en branco e negro porque gústame o manga. Cando les manga acostumaste a non ter cor, e meteste na lectura. É a algo que non necesitas, imaxinas as cousas igual.

Uxía: Se coloreas tamén é unha capa máis que engades ao tempo e proceso de revisión (risas).

DG: Durante o proceso deixastes de ler material relacionado coa obra?

Uxía: Aí somos diferentes. Eu leo tanto literatura como cómics.

Luis: Eu leo sobre todo cómics.

Uxía: Tamén podes inspirarte nun videoxogo ou outro formato. Eu non deixei de ler en ningún momento. Á hora de narrar non sabería dicirche… Quizáis o de empregar viñetas da mesma proporción ten que ver co cine, é como pensar en planos.

Luis: Un autor que traballa moi ben este formato é Olivier Schrauwen. Traballa moi ben a relación imaxe-debuxo e xoga coa imaxinería. Por exemplo, ás veces non debuxo o fondo e simplemente pon “planta” e “ventá”. O cómic ten unha linguaxe propia que é moi diferente da animación e do cine. Pódeselle sacar moito proveito pero é moi difícil, tes que entender moi ben o medio.

Uxía: O Bico ten tamén outras influencias fóra da narración. Por exemplo, as imaxes do vento sacamolas doutras obras. Hai un fotograma dunha película de Wes Anderson. A fotografía dunha muller limpando chapapote é unha foto de Allan Sekula, que é un fotógrafo que me encanta.

Luis: É inevitable. Cando che gusta algún artista ou obra, acaba influindote de xeito inconsciente. Cando estou bloqueado tiro da miña biblioteca de mangas para inspirarme ou ver como resolveu unha escena outro autor. No caso do Bico, como Uxía fixo o storyboard puiden centrarme en ver qué podía engadir á escena.

Uxía: Eu tendo a repetir encadres e iso a Luis non lle gusta nada (risas).

Luis: A nivel de ritmo narrativo repetir un plano e que a personaxe se mova por el é un recurso moi chulo. Pero a min os planos de plano-contraplano de xente falando me parecen aburridos.

Uxía: Gústame o que fan Jason e Tom Gauld, planos de caras falando. Flípame a xente que pon imaxes que xogan co texto, pero dende o punto de vista artístico ten menos valor. A imaxe estache aportando menos.

DG: Como é traballar nun cómic a catro ollos/mans?

Uxía: Gustoume moito a experiencia, aínda que nalgún momento pelexamonos. Non sei se Luis opina o mesmos (risas).

Luis: Sí, gustoume, aínda que nalgún momento pasámolo mal. Tiñamos que rematalo en seis meses, e ao final tivemos que pedir unha prórroga, é pouco tempo.

DG: Sempre penso que a ilustración e a banda deseñada son o parullo feo das artes galegas. Pese ao premio Castelao, todavía hai un baleiro

Luis: O problema é que non temos unha industria do cómic. Estes premios existen porque quere construirse cultura en galego. Temos creadores moi bos que estarían facendo máis cousas, pero que non poden adicarlle tempo. Non é viable económicamente ou tes que compaxinalo cun traballo a tempo completo.

Uxía: O tipo de consumo e a industria tamén empurra a iso. Hai máis traballo de deseñador ou publicidade.

Luis: Por exemplo, en Francia sí que hai máis lectores e unha cultura de banda deseñada. Moitos creadores de España acaban publicando para ese público.

Uxía: En España hai máis público de literatura que de banda deseñada. O lector de cómic é máis esporádico. O público adulto non se anima, salvo que teñas no teu entorno alguén que cho achegue ou que estea dentro do mundiño.

Luis: A xente nova le manga xaponés, que é o que se traduce, ou cómic de superheroes, pero non explora máis aló.

Uxía: Norma intentou impulsar algo, pero en España non se produce manga.

Luis: Agora hai unha revista, Planeta Manga, de autores de manga de España.

Uxía: Nin sequera os autores internacionais de banda deseñada chegan ao gran público. O propio Tayio Matsumoto non é moi coñecido en España. De feito en Francia os mangakas máis autorais se traducen e recoñecen, pero aquí non. Por exemplo, en Francia nunha biblioteca podes atopar a obra completa de Jiro Taniguchi.

Luis: Sí, pero estás falando dun autor que está moi influenciado polo cómic europeo. Podes dicir calquer outro nome, porque o problema de fondo é que non hai cultura de cómic. Coñécese Mortadelo e Filemón, e con sorte a Paco Roca ou David Rubín. E por suposto, os nomes típicos do manga, como Dragon Ball ou One Piece.

DG: Que obra nos recomendades para que nos iniciemos no cómic?

Uxía: Jiro Taniguchi é unha boa recomendación para o público adulto.

Luis: Á xente gústalle o que fai Ghibli. Para min o Miyazaki mangaka é, moitas veces, mellor que o director.

Nausicaä do val do vento é unha adaptación dun manga que debuxou el mesmo. O manga é incríble, cada vez que o leo é unha clase maxistral de como facer un cómic. Se buscas algo lixeiro e de humor sobre a vida cotiá tiraría de Yotsuba.

DG: E a nivel galego, que autoras recomendades?

Luis: O traballo de Emma Ríos é moi guai. Ten un estilo que é unha mestura influencias americanas co manga. Traballou moito coa industria americana, e agora está a traballar nunha obra propia, Anzuelo. A súa obra máis famosa é Pretty deadly.

Uxía: Hai autores moi bos entre os gañadores do Castelao, como Julia Lago, Begoña García-Alén e Andrés Magán. O cómic de Bea Lema tamén me gustou. Son xente que está a facer cousas contemporáneas, quizáis nun rexistro máis indie ou experimental, pero en diálogo coas últimas tendencias do cómic internacional.

Luis: Despois nun rexistro máis divertido está Roberta Vázquez. En Galiza temos unha canteira de artistas moi bos.

DG: Que significou para vós recibir o premio?

Luis: Publicar algo longo baixo o meu nome, era unha das miñas metas. Gustaríame facer algo completamente meu, pero isto demostroume que son capaz de debuxar un proxecto grande. Cando o intentaba pola miña conta bloqueabame e dubidaba de que fora capaz. O feito de facelo con Uxía e contar cun prazo axudoume moito.

Uxía: É un gran recoñecemento e un pulo moi grande. Cústame moitísimo arrincar os proxectos. Eu non me dedico a tempo completo a isto e ás veces cóstame. Ter a presión de entregar o que prometemos ao premio obrigoume a saír da rutina e a traballar no que realmente me gusta, que é isto. Tamén axuda o feito de saber que cho van publicar, que hai alguén esperando por el.

Podedes visitar a exposición dos gañadores do XVII Premio Castelao ata o 12 de setembro, como parte das actividades do festival Viñetas dende o Atlántico na Coruña. Ademáis, podedes seguir as novidades do traballo de Luis e Uxía nas súas redes sociais @suscrofad e @uximuxi_

Leave a Reply