Actualmente calcúlase que existen máis de 7000 linguas arredor do mundo. A lingua propia é a ferramenta a través da que procesamos e entendemos o noso mundo. A lingua, como explica Coseriu, é unha forma primaria de cultura que reflicte os saberes e crenzas sobre o que se coñece; relaciónase coa vida social, coa política, co pensamento, coa arte, etc. En definitiva, permítenos coñecer e entender a realidade na que vivimos.

Neste recuncho do mundo no que nos atopamos temos a sorte de poder empregar á vez dúas linguas para expresarnos e relacionarnos. Xa que logo, debería ser fundamental garantir que podemos empregalas en todo momento en igualdade de condicións.

Sen embargo, e desde hai moitos anos, o coñecemento e uso do galego está diminuíndo de xeito constante, especialmente entre a xente máis nova:

  • Segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE) o número de persoas que se comunica en galego leva en descenso dende o 2003 ata actualidade, ó igual que as persoas que saben falar galego con certa competencia.
  • Un estudo da Real Academia Galega feito no 2021 descubriu que o galego se está a ver desprazado polo castelán nas escolas. Neste contexto, moitas criaturas que entran no sistema escolar falando acaban cambiando ó castelán pola presión do contexto social.
  • La Voz de Galicia publicaba un barómetro, de marzo deste ano, sobre a lingua habitual de expresión. Neste recóllese que o castelán é a lingua máis usada na familia, no traballo e na educación. Tamén é preocupante a suba do castelán entre as nenas e nenos e que o galego diminúe nas persoas de máis idade. Ademais, nas zonas máis poboadas tamén predomina o castelán sobre o galego.

Como resposta a esta realidade xurdiron moitas iniciativas que buscan preservar a transmisión da lingua galega e o seu uso na vida diaria. Unha destas son as Escolas Semente.

As Semente son centros nos que se aposta pola inmersión lingüística en galego para que poida adquirir o idioma e mellorar a súa competencia na nosa lingua. Para isto, preséntanse situacións reais de comunicación, situacións de xogo, colaboración coas familias, actividades na contorna… Deste xeito, pode empregar o galego en situacións cotiás, nun ambiente seguro e sen presión social.

Pero ademais, o modelo de inmersión das Semente pretende formar galegofalantes plurilingües. As nenas e nenos poden ter referentes de galego no centro, cos seus iguais e tamén na súa casa, grazas á implicación das familias. A partir de aquí amplíase o “rango de uso” do galego: actividades no barrio, encontros con outras escolas, achegamento ó ámbito lusófono, etc.

Outro dos puntos fortes destas escolas é o uso da metodoloxía cooperativa. Ademais de favorecer que o alumnado adquira os coñecemento de xeito significativo, permítelle traballar as súas habilidades sociais e relacionarse coas nenas e nenos de outras idades mentres empregan o galego para facelo.

As nenas e nenos son o centro do proceso de ensino.

Apóstase pola liberdade responsable das nenas e nenos no proceso de ensino e atopan nas persoas educadoras unha guía para desenvolverse.

As docentes, crean os espazos e recursos necesarios para o desenvolvemento do seu alumnado. Para isto acondicionan os diferentes espazos das escolas e tamén se abren ó barrio e ó entorno próximo.

Grazas a isto a escola pode coñecer o seu entorno e os espazos naturais próximos. O alumnado coñece o lugar onde vive e pode aproveitar os espazos que existen cos seus iguais e ao seu ritmo.

Son escolas asemblearias. Ademais de docentes e alumnado, as familias son parte activa do día a día do centro participando na toma de decisións, nas actividades realizadas e traballando en conxunto coas educadoras para beneficio das nenas e nenos.

As escolas non só crean un espazo amigable para que as nenas e nenos aprendan e falen galego, tamén son axentes culturais. Dende estes centros organízanse múltiples actividades como obradoiros de regueifas, grupos deportivos, actividades ambientais, música, cociña, fomento das festas tradicionais galegas… E tamén producen e editan material educativo en galego.

Este proxecto comezou no 2011 en Santiago de Compostela e logrouse consolidar e ampliar. Actualmente, tamén hai centros Semente en Lugo, A Coruña, Trasancos, Vigo e Ourense.

Todo este traballo lógrase grazas ó movemento social: os centros están financiados polas familias do alumnado e persoas colaboradoras. Unha vez máis, é a sociedade quen toma a iniciativa de defender a cultura e conservar o que é propio.

Pablo Sobrino Nóvoa

Pablo Sobrino Nóvoa

Nacer no 91 ten as súas vantaxes, como pode desfrutar de toooodo o Xabarín Club. Despois das tardes de merenda e tele houbo que afrontar a terrible idea de chegar á adultez… Que se fai agora? De momento aprender todo o que poida das persoas pequenas, é que teño o mellor traballo do mundo: son mestre :)

Leave a Reply