O festival de danza contemporánea en espazos públicos de Santiago de Compostela chega á súa VII edición.

 Visibilizar a danza contemporánea

Se pensamos en artes escénicas coma a música ou o teatro, seguramente podamos enumerar varios festivais e proxectos que levan estas disciplinas á rúa, ou lembramos multitude de eventos nos que puidemos desfrutar destas artes en vivo. En cambio, non é tan común atoparnos cunha peza de danza contemporánea no espazo público.

O festival herDanza leva xa 7 anos xerando unha simbiose entre as prazas, claustros e lugares singulares do casco histórico de Compostela e as pezas de danza contemporánea.

Este ano abriron o festival en Casa Felisa Elsa Pereira e Fonsi Millán coa súa peza Composición Instantánea, unha improvisación de electrónica e movemento que xa percorreu varios lugares alternativos da cidade. Seguiron intervindo as rúas con danza Clara Ferrao Diz e Salomón Penso con La Cura, na praza de Cervantes; María Ganzaráin Pina con Campo Abierto na Igrexa das Ánimas; Eva Comesaña con Cómo alabar en voz alta no Museo do Pobo Galego; Lazaro Godoy na praza da Inmaculada con Brookdale; o colectivo La Veleta con El espacio que (no)habitamos nos Arcos de Bonaval e Cristina Montero e Pedro Montilla fixeron a súa peza Deixis na praza de Mazarelos.

Cun forte compromiso de divulgar a artistas galegas, vivan ou non en Galiza, cada ano tamén lanza unha convocatoria para artistas emerxentes ou en fase de creación. Tendo en conta a escasa programación pública de danza, herDanza supón unha das poucas plataformas para as compañías e pezas de nova creación, que non atopan lugar nos circuítos convencionais.

Producido por Can Cun Quinqué e baixo a dirección de Isabel Sánchez temprano e Leodan Rodríguez Casas, o festival herDanza é xa unha das citas anuais máis alternativas e integradas na vida cultural da capital.

Un festival feito con moito agarimo e poucos cartos, e cuns inicios difíciles polas eternas trabas administrativas. Pero parece que por fin a cidade (e o Concello) de Santiago comezan a decatarse do enorme valor que ten un evento coma este.

Arrebolar polas escaleiras da Quintana

O programa de herDanza non só son as actuacións na rúa. En cada edición prográmanse obradoiros con profesionais e residencias creativas.

Este ano, houbo formacións a cargo de Clara Ferrao Diz (Como nos movemos? Movemento no aire: dominando a inercia e o impulso na danza), Marcia Vázquez e Clarissa Costagliola (Acomodarse á arquitectura) e Lazaro Godoy (Mobilidade perpetua).

E é que en nigún outro momento do ano poderías permitirte pasar unha mañá experimentando co teu corpo e a arquitectura da cidade, e arrebolar polas escaleiras da Quintana.

Ese é un dos agasallos que nos fai cada ano herDanza, poder observar a nosa cidade a través de pezas site-specific que fan resignificar os espazos que transitamos rutinariamente. Coma na peza El espacio que (no)habitamos, do colectivo La Veleta, que converteu o parque de Bonaval nun espazo de xogos e imaxinación durante a chuviosa mañá do sábado.

Ademais dos espectáculos e a formación, cada ano, durante a semana que dura o festival, realízase unha residencia creativa. Este ano, esta residencia tivo lugar no Centro Xove da Almáciga, estivo a cargo de Ana Beatriz Pérez e foi o peche da edición. Deu como resultado a peza Malditos, que por mor da chuvia non puido ser representada na praza de San Martín Pinario como estaba previsto, e trasladouse ao lugar de creación, o Centro Xove.

Voltar a casa por herDanza

O festival lévase a cabo grazas á colaboración do Concello de santiago, o Auditorio de Galicia, o centro Xove da Almáciga, o Museo do Pobo Galego, Gadis e bares da cidade como Casa Felisa, a Gramola ou o Embora.

Pero o verdadeiro motor é a paixón coa que está feito, e o sostén é a comunidade que ano tras ano vai medrando: unha equipa de voluntarios e voluntarias fieis que cada edición voltan a casa por herDanza. Bailaríns e bailarinas, amigos e amigas e xente de diferentes disciplinas que se van achegando ao mundo da creación escénica contemporánea grazas ao afán divulgativo e pedagóxico do festival.

Fotos: Xurxo Barcala e Gus S. Temprano

Leave a Reply