Non temos dúbidas coa nosa aposta musical do mes de xaneiro: todo a Néboa!

A banda sonora que nos acompaña estes días vén patrocinada por A realidade enganosa, un bucle sen saída no que soan e soan sen parar os dez hipnóticos temas deste novo álbum gravado no Náutico de San Vicente.

Camiñando entre canción e canción atopamos oasis con forma de casiña de aldea ou de impoñente rañaceo en plena metrópole, anacos de realidades opostas irmandadas entre si co fin de dar vida a este proxecto ecléctico que xa nos atrapou irremediablemente.

Para coñecer as reviravoltas de A realidade enganosa falamos con Lucas, encargado das láminas, os sintetizadores e a batería de Néboa. Aquí nos conta como xurdiu a banda, cales son as súas influencias e que hai do futuro nestes malos tempos para la lírica:

Para quen ande despistado e aínda non vos coñeza… quen sodes? Contádenos máis sobre instrumentos e as voces e dan vida a Néboa e como nace este novo proxecto.

Somos un grupo de amigos, algúns levamos xuntos desde a infancia, pero a case todos acabou xuntándonos a música. Desde que comezamos, a banda experimentou algúns cambios, e a día de hoxe os titulares somos Sandra Chon, que se encarga das láminas, da batería, da percusión tradicional e da electrónica; Aloia López, que é a voz principal; Tomás Porteiro, que toca as guitarras e fai coros; Jacobo Dufont, que toca baixos e sintetizadores e eu, Lucas, que toco as láminas, os sintetizadores e a batería. De todos os xeitos, a banda tampouco sería o mesmo se non fose polos nosos amigos e colaboradores Nico the Chef e, sobre todo, João Neves e Susana Nunes, que cantan no disco en varios temas, levan varios anos facendo música connosco e xogaron un papel determinante no son de A realidade enganosa.

Presentarádesnos un EP e varios singles para abrir boca, pero parece que o voso proxecto tomou forma en A realidade enganosa, o voso primeiro álbum. Se tivésedes que definir nunhas liñas que atoparémonos nesta experiencia sonora, que nos contariades?

Difícil de explicar… moitas veces os artistas facemos unha obra coas intencións moi claras e despois a recepción do público non ten nada que ver. Así e todo, diría que o disco está cheo de pop que non o é.

A lingua galega é un eixo que vertebra este disco e, ademais, presentades dúas cancións en portugués. Que vos leva a expresar a vosa música botando man destas dúas linguas irmás?

En realidade, tamén temos unha canción en castelán, Valente (folión), inspirada nos versos do poeta ourensán Ángel Valente. Para nós facer música en portugués quizais non sexa igual de natural que facela en galego, pero está moi preto. Tanto Sandra coma min vivimos e aprendemos música durante varios anos en Lisboa, e tanto a cidade como a súa lingua e a súa música deixaron unha pegada importante en nós. Proba disto é que realmente o disco tamén conta con músicos portugueses.

Estamos impresionados coa vosa capacidade á hora de mesturar estilos moi diversos, logrando así unha simbiose tan perfecta que case dá rabia. Os vosos temas soan a pequenos pobos recónditos, a cidades enormes infestadas de rañaceos; colledes elementos de indietrónica, da música tradicional galega, da poesía elíptica, do pop alternativo… Esta amálgama de estilos que a priori parece pouco funcional é voso selo, e encima saídes airosos con tal mestura! Que vos leva a beber de tantas fontes?

A verdade é que se nos saíu un disco cun son así de ecléctico non foi algo intencionado. Para min, como fan e ouvinte a tempo completo de música, é natural escoitar moitos artistas diferentes nun mesmo día. Sen ir máis aló, aínda non son nin as 12 do mediodía e xa escoitei un disco de Cecilia e tamén algo de Justin Timberlake e de Keith Jarrett… E sei que para os meus compañeiros de banda tamén é así, polo que estas mesturas pode que sexan inevitables. Pese a todo, hai moitas etiquetas coas que non comulgamos demasiado: indie, indietrónica, jazz de vodevil, música de raíz, etc. Pero estamos encantados de que nos saquen todos eses parecidos, iso quere dicir que nos escoitan!

Parte da produción de A realidade enganosa levouse a cabo no máis que icónico Náutico de San Vicente. Ademais, Hevi (líder de proxectos emblemáticos como algúns álbums de Malandrómeda ou de Novidades Carminha) meteu man nos temas ata facelos brillar. Contádenos o por que destas eleccións para gravar e editar este traballo e que sensacións tedes agora que está listo?

Gravar no Náutico foi todo un privilexio e, ao mesmo tempo, unha decisión cómoda e accesible. San Vicente a finais de outono, cando gravamos, non ten nada que ver co lugar no que se transforma no verán, e tanto para Aloia como para Brais Ruibal —o enxeñeiro destas sesións— e para min, que somos arousáns de toda a vida, nos parecía un lugar a reivindicar durante todo o ano. Estivemos comodísimos grazas á acollida de Miguel e gozamos dunha paz que non poderiamos atopar neses momentos en case ningún lugar de Galicia.

Mentres que gravar en San Vicente supuxo unha decisión continuísta, xa que Brais xa tiña sido o enxeñeiro das sesións do anterior EP, entrar no Laboratorio Soyuz supuña toda unha aventura, así que gardamos para aquí os temas con máis carga coral e ideas experimentais. Pero sabiamos que nos poñiamos nas mellores mans, Hevi é unha figura chave na escena musical galega.

Atreveríame a dicir que hai algunhas influencias claras nas vosas cancións, influencias dispares que pasan por Radiohead e chegan ata Os Piratas. Se vós tivésedes que enumerar ás vosas principais influencias e contar canto hai delas en temas tan novidosos como «Noctambulismo #2» ou «Coidar dunhas Colmeas», que nos diriades?

Radiohead é unha influencia innegable, probablemente das poucas bandas que todos en Néboa temos como referentes. E os Piratas foron unha das miñas bandas da adolescencia, así que quedou un substrato que seguro que se acaba notando.

O das influencias é complicado, porque para min a lista é eterna. Por exemplo, non hai case ningunha canción do disco para a que non procurase inspiración nalgún tema de James Blake. A nivel produción de estudo, a influencia de artistas como Björk, Bon Iver, o último David Bowie, o propio Hevi e bandas da tradición electrónica británica resultou esencial. Despois, na forma de entender a música e o proceso creativo están Refree, Rocío Márquez ou Xan Campos. Pero tamén xente doutros campos, coma Chévere ou a libraría Kómic.

Verémosvos en concerto pronto? Como vedes o futuro da música en vivo e, por suposto, como vedes ao grupo neste momento tan crítico para a cultura?

Á música en 2020 roubáronlle o futuro, sobre todo ás artistas independentes que non teñen acceso aos grandes festivais e ao circuíto mainstream. A preocupación política polo estado da cultura nos últimos meses demostra que as institucións para isto nin están nin se lles espera. Toca recuperar espazos pero, se non, como di Hevi, o mellor que podes facer é montar unha churrascada para os colegas e tocarlle unhas pezas, apostar pola túa comunidade. Aínda así, espero que non sexa a única solución, que hai que controlar o ácido úrico.

Por se houbese outro confinamento, recomendádenos algún álbum que nos salve do peche e lévenos lugares distintos.

Voume tomar a licencia de recomendar dous discos e un libro: Preamar, de HAĒMA; The Book of Traps and Lessons, de Kate Tempest e o poemario Toda Hora, de Manuel Mata.

Estela Gómez

Estela Gómez

Mi nombre es Estela y nací en el 92 —como Cobi— al lado del mar. Abro textos en canal y leo hasta en la ducha. Soy aprendiz de todo y especialista en nada, tengo incontinencia verbal crónica, y, gracias a la mejor de las suertes, las palabras me dan de comer.

Leave a Reply