MJ Pérez desfecha o cadeado do peito e expele o corazón polos beizos en canto escoita falar de música ou é ela mesma quen o fai. É desas persoas que se definen como “introvertidas e extravertidas ao mesmo tempo”. Diría que o feito de tocar uns acordes lle proporciona o sopro de aire preciso para acalmar un nerviosismo intrínseco, ao mesmo tempo que serve de altofalante duns sentimentos que semellan complexos no interior dunha mesma.

A cita foi na súa terra, en Arzúa, un par de horas de conversa nas que a libretiña coas preguntas previstas pasou desapercibida, facéndose protagonista a leria. Un par de horas de conversa que se resumirán nas seguintes liñas coa intención de que vos acheguedes a unha artista todoterreo que cumpre dez anos no ámbito musical.

 

No momento de compoñer que se che ocorre antes, a letra ou a música?

Haberá quen siga un método de fábrica pero tamén farán cancións de fábrica. Tendo en conta que eu non teño unha discográfica que me esixa prazos e que fago o que me sae das vísceras, teño moitas formas de facelo… Hai cancións que xorden dunha frase, por exemplo O fío do que pendo nace dun momento no que pensei “o fío do que pendo é o silencio que nos ata”, comecei a rascar o que había detrás destas palabras e de aí xurdiu a canción. En cambio, con Casandra naceu primeiro a música, custoume materializar a letra, pero é unha da que máis orgullosa estou.

Ás veces para min o máis difícil, sobre todo a nivel creativo, é aclararme comigo mesma, pois parece que estou rodeada de interrogantes. Eu desfruto moito cando teño as metas claras, como en Villanelle

 Aínda que teñas clara a meta pode que o camiño te sorprenda…

Si, pero sen embargo visualizas a fin. Cando non tes claro algo e te botas a andar, acabas dando voltas nun círculo. Eu estou nun momento no que me comparo cunha bebida de gas axitada, estou axitadísima pero non atopo por onde saír, ata que explote.

Pensas que o feito de “facer ti todo” (producir, realizar os videoclips, a música…) xoga ao teu favor ou na túa contra?

A nivel creativo teño liberdade absoluta. Se isto mo producise alguén pode que tivera máis limitacións. Pero a nivel económico é un cristo, pois todo sae do meu peto. Eu aforrei bastante e destineino ao disco, pero tivemos problemas e tiven que tirar cartos ao lixo, literalmente. Pero disto tamén se aprende.

Se non te dedicases á música, que serías?

Actualmente non me dedico plenamente á música. A min o audiovisual encántame, debo dicir que aquí atopo unha parcela na que me sinto a gusto. Tamén me mola o mundo da produción. Houbo unha época na que levei grupos e tamén me sentía moi cómoda nese ámbito. A min agrádame ver que os proxectos se fan realidade. O nexo común do que me gusta é a creación, todo o que eu fago pasa pola liña de creatividade.

MJ está creando algo agora?

Cando saquei A Luz prendida levei un golpe moi grande, pois coincidiu coa pandemia. Moitos aproveitaron para sacar a vena creativa, pero eu nese momento non. Viñamos arrastrando moitos males e a pandemia fixo detonar todo. Eu comecei a caer nun bucle de cousas malas, ata o punto de estar mal e non saber por que. O feito de subir un escenario e pensar que non queres estar alí, iso é que algo non vai ben.  Tiven un bloqueo creativo moi grande, ás veces este non é o problema, senón que supón un síntoma de que algo vai mal. Hai un tema no que estou traballando que precisamente fala da frustración. 

Nese momento a música foi de axuda?

A música sempre axuda. Por moi extravertida que parezo, sempre me custou dicir as cousas, sobre todo no relacionado cos sentimentos. Na música atopei un xeito de dicir as cousas como mellor sei, cantando.

MJ sempre se define como cantautora, “aínda que iso supoña pegarse un tiro no pé”. E aínda que xoga con moitos estilos musicais, o que caracteriza a esta artista é contar historias, a súa ou a doutros, mais deixando un anaco de si en cada peza. Di que A luz prendida foi a súa gran aprendizaxe no ámbito musical, pode que esta entrevista fose a miña no ámbito xornalístico.

Quédome cun corazón aberto, falando dende a parte máis escura e silenciada dos artistas. Quédome cos medos invisibilizados dos que se teñen que espir para subir ao escenario, aínda que continúen prendidos a eles cunha cadea de inseguridades. Quédome con MJ Pérez e coa súa última canción mentres agardo pola seguinte.

Leave a Reply