O 3 de maio recibín o cartel de “Así sea”, a exposición de Lorena Varela no Atelier Fotográfico da Coruña. A amiga que compartiu a publicación comigo  díxome “sigo a esta rapaza hai moito, gústame un montón o que fai”, e mergulleime sen máis miramentos entre as súas publicacións. Axiña tiven claro que quería falar da obra de Lorena, pero como xa tiña outro compromiso o día da inauguración, propúxenlle quedar noutro momento para ver a exposición con ela e que me falara do proxecto con calma. As nosas axendas andaban pouco sincronizadas e non puidemos coñecernos ata o 23 de maio, unha semana antes da clausura da mostra. Xa era tarde para promocionar esa exhibición, pero eu seguía querendo falar de e con Lorena, así que compartimos dúas tardes nas que puiden achegarme á súa obra e á súa visión.

Lorena Varela Vázquez naceu en Pontevedra o 14 de febreiro do 1994. Filla única de Ramón Varela e Josefa Vázquez, creceu nunha aldea de Pontevedra cargada da maxia que caracteriza ao seu traballo. Vendo á Lorena de agora é doado imaxinar á que foi na súa nenez, da que conserva a imaxinación, a curiosidade e o brillo nos ollos. Esas gañas de explorar iniciaron como nena o camiño polo que agora desfila como adulta. Nalgún deses anos nos que a túa idade xa está conformada por dúas cifras pero aínda non es adolescente, na mañá despois da celebración do seu aniversario, Lorena tomou a súa primeira fotografía. Cun disparo capturou os restos da festa do día anterior, comezando sen sabelo a construír a poesía visual que agora a caracteriza.

Cando o carrete foi revelado e aquela foto apareceu ante a sorpresa dos seus pais, Lorena gardouse o segredo cun sorriso interno mentres comezaba a sentir o calorciño dese lume creativo. Con doce anos pediu polo seu aniversario unha cámara, e desde ese momento as lentes fotográficas convertéronse oficialmente nunha prolongación das súas mans e da súa boca. Varela retrataba aos seus amigos e veciños capturando os xogos do día a día, entre o cotiá e o lúdico. A fotografía acompañouna na escola e no instituto, e cando tivo que escoller o que estudar, era a resposta obvia. A Lorena adolescente marchou da aldea de Sanxenxo a Barcelona, onde estudou o Grao en Fotografía e Creación Dixital do CITM. Posteriormente estudou en Madrid o Máster en Desenvolvemento de Proxectos Fotográficos de Blank Paper, e recentemente cursou o Máster en Nova Fotografía Documental de LaBasad.

Como artista vive en formación e crecemento constante, pero do que máis aprende sempre é do traballo. Ademais de fotógrafa, é directora creativa, preferindo sempre os proxectos nos que pode aportar a súa visión. A nivel profesional é especialmente coñecida polo seu traballo como fotógrafa de moda, cun estilo marcado e vibrante que resulta en editoriais únicas. Lorena atopa na moda unha forma de expresión, facendo declaracións de intencións coa súa forma de vestir, afastada do uniforme imposto polos escaparates e que converte á súa presencia nun sopro de aire fresco alá onde vai.

A primeira tarde que pasei con Lorena foi a do 23 de maio no que quedamos para ver “Así sea” no Atelier Fotográfico da Coruña. Chegou cun conxunto vaqueiro estampado con siluetas de debuxos animados, un bolso de trapillo azul eléctrico ganchillado por unha amiga súa e un enorme sorriso na boca. Pasamos case dúas horas sentadas nun dos bancos da acolledora Praza da Cortaduría, conversando sobre cousas banais e cousas fundamentais. Xa antes de entrar a ver a exposición, sabía que me ía gustar.

“Así sea” é un proxecto persoal que pertence á Lorena que se adica á fotografía de autor. É difícil indicar cando comezou, parece máis doado falar de cando descubriu que o estaba facendo. Cando estudaba o mestrado da Blank Paper e tivo que escoller un tema sobre o que realizar o traballo final, decidiu falar da morriña, ese sentimento que tan ben coñecía desde a súa habitación en Malasaña, co que xa convivira en Barcelona. Converter á morriña (e, por ende, a Galicia) no eixo central da súa proposta serviulle para regresar cada mes co obxectivo de ir facendo fotografías que capturasen esa emoción.

A medida que retrataba a súa terra, deuse conta de que non era a morriña do que quería falar. Os brillantes ollos de Varela observan con profunda nitidez a atmosfera máxica que rodea á cultura e á terra galega. Ese era o tema sobre o que traballar: o misticismo, as lendas, as meigas, os trasnos, a santa compaña, os males de ollo… todo o que representa a ese reino que durante moito tempo foi o fin da terra.

Lorena atopa nas imaxes que captura as respostas ás preguntas que non sabía que se estaba a facer. Nunha desas viaxes de visita para traballar no proxecto atopou un obxecto estraño facendo limpeza no fogar que, sen ela sabelo, era a peza que faltaba no seu proxecto. Tratábase dun sobre dentro do cal había unha fotografía cunha cruz de Caravaca pegada no anverso e un peculiar texto escrito a máquina no reverso. O achado impresionou e removeu a Lorena, que esquecera por completo a existencia daquel obxecto que en realidade era un amuleto. A historia ven de lonxe. Cando tiña seis anos e vivía despreocupada xogando pola aldea, púxose moi enferma unha semana da que só recorda a insoportable dor de barriga. Estivo ingresada no hospital, onde os médicos non atopaban a causa do seu mal nin a forma de alivialo. Seu pai, moi crente no poder das curandeiras, acudiu a unha meiga en busca de axuda. Desa reunión sae ese obxecto, que no reverso reza o seguinte:

“A mi Lorena Varela Vázquez, nacida el día 14 de febrero de 1994 en la Santa Iglesia Parroquial de Nantes, para que nadie nunca pueda hacerle más daño, ni vivos ni muertos, por los siglos de los siglos, AMÉN. Así sea, así sea, así sea…”

Contan seus pais que despois diso curou e volveu a xogar sen molestia algunha. Lorena non ten clara a súa postura: creceu rodeada de misticismo e visitando anualmente á meiga Isabel, pero a súa parte racional e espiritual viven en conflito. “Habelas hainas” seguramente sexa a mellor forma de resumilo. Sexa como for, o amuleto é indubidablemente poderoso, unha materialización do amor incondicional coa que a queren os seus pais, dispostos a recurrir a quen fixera falta para curar á súa filla. “Así sea” parte desa carta de amor de Ramón e Josefa para converterse na súa carta de amor a Galicia, da que captura os verdes, os azuis e os grises; á que percorre para falar coas súas xentes e retratar as súas vidas, as súas peles, as súas feridas.

Na súa exposición no Atelier Fotográfico puiden ver isto e máis. Foi ela quen escolleu a disposición das pezas, guiándose principalmente polo seu instinto. Ademais de ter unha clara coherencia estética, atopei nas agrupacións das imaxes diálogos e narrativas que ela non pensara activamente pero que eran visiblemente seus. Foi fermoso ver o transparente que é tanto no persoal como no artístico, e a forma tan xenerosa que ten de compartir a súa ollada e o seu interior na súa obra.

A segunda tarde que pasei con Lorena foi a do 9 de xuño, desta vez en Santiago de Compostela. O meu obxectivo era coñecela como artista e como consumidora de arte. O meu tren chegaba á estación cinco minutos antes, así que agardei sen problema por ela. Axiña apareceu como un raio de sol no encapotado ceo santiagués, vestida cun conxunto de punto de liñas sinuosas en branco e amarelo ovo e co seu habitual sorriso no rostro. Paseamos con calma pola capital galega ata o CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea), onde visitamos a exposición das Guerrilla Girls comisariada por Yolanda Torrubia e Santiago Olmo e “Pisando charcos”, a mostra individual do traballo de Almudena Fernández Fariña.

Lorena interactúa coa arte como interactúa coa vida, con respecto e con intensidade, ollando atentamente e desfrutando, xogando incluso. Falamos dalgunhas das pezas, fotografou algunhas outras. Limos os textos, compartimos impresións, e quedamos en repetir máis pronto que tarde. Camiñando por Santiago fixo varias fotografías coa cámara do móbil, sempre desculpándose polas molestias aínda que para min fora unha auténtica ledicia. Antes de abrir a cámara xa sabía onde estaba a foto, en cuestión de segundos capturaba graffitis, arquitecturas ou banderíns danzando coa brisa. Comprobei que, efectivamente, a fotografía forma parte da súa forma de ser, é unha extensión da súa forma de ver. Despois de deambular polas rúas da zona vella e rematamos sentadas nun banco da Alameda, onde novamente falamos de todo e de nada ata que chegou o momento de emprender o camiño de volta á estación.

Ambas tardes me souberon a pouco, porque Lorena paréceme unha artista fascinante e pasaría unha semana enteira vendo como traballa e como vive. Ogallá o mundo fora tan vibrante, colorido e amable como ela o captura. Ogallá todos víramos a vida así, como algo que respectar, espremer e co que xogar. Moitas grazas por estas dúas tardes, Lorena, agardo que sexan moitas máis.

Leave a Reply