O pasado 21 de abril saía á luz a bailábel versión da canción tradicional Eu chorar chorei

Ortiga (Santiago de Compostela, 1994) é un dos principais artistas en canto a música alternativa do país. Xunto con Pili Pampín (Rois, 1971), veterana da verbena galega, estrean unha sorprendente versión de Eu chorar chorei. Unha perfecta combinación entre salsa e sons melódicos actuais que se escoitou por vez primeira encima do escenario de Luar.

Presentaban a canción na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC o mesmo día que saía á luz o videoclip da mesma, o 21 de abril. Comezaba o son da guitarra e o acordeón de João, aínda os cantantes non separaran os beizos para cantar, e xa os alumnos levantaban as mans ao ceo para aplaudir o Eu chorar chorei.

O artista compostelán presentou o pasado 6 de maio o seu último álbum na Sala Capitol. Un directo moi especial onde Chicho estivo acompañado por Grande Amore, Carlangas e a propia Pili Pampín entre outros.

Pili Pampín e Ortiga - Eu chorar chorei

Imaxe: Álvaro Alvite Peillet

Pili Pampín e Ortiga, dous referentes da verbena, mais cada un co seu estilo… Como xorde esta xuntanza?

Ortiga: A xente de Land Rober quería xuntarnos a Boyanka Kostova, un dos meus grupos, con Pili para facer un “experimento”. E foi aí o primeiro contacto que tivemos entre nós.

Por que con “Eu chorar chorei”? Algún vínculo coa canción?

Pili: Non… foi unha petición para o fin de ano de Luar, querían que fixeramos un tema Chicho e eu. Como non nos daba tempo a crear un, pois Chicho púxose mans á obra e colleu “Eu chorar chorei”, versionouno el á súa maneira e a min encantoume a verdade.

E como se che ocorre esa escolla?

O: Pois é un tema que sempre me molou bastante, a súa letra paréceme curiosa e o xeito na cal a versiona Manu Chao… é algo que me toca un pouco. E tamén o que dicía Pili, non había moito tempo, entón decidimos tirar das cousas tradicionais que tamén para iso están.

Tivestes algún medo á hora de presentar esta versión?

P: Medo nós? Ningún (risas)

O: Medo a nada. Nunca! (máis risas)

Contades cada un cun público diferente, sobretodo porque pertencedes a xeracións distintas… Na música, como se adoita preguntar co amor, importa a idade? 

P: Eu penso que non.

O: En absoluto. Ao final a música que é? Sons ou acordes que non pasan de moda, pois é do que se basea. Ao final, que Pili cante sobre unha base miña ou que eu reinterprete unha canción dela é indistinto.

Como vedes na actualidade o panorama musical galego?

P: Empezamos a rexurdir. Levamos dous anos parados, os dous anos de pandemia. Pero pouco a pouco imos saíndo todos…

En algunha ocasión, o presentar un tema en galego vos supuxo unha traba ou impedimento?

P: A min non.

O: A min tampouco. Non é algo que teña moi en conta. Teño temas en italiano, en castelán e en galego. Todas son cancións e para diante!

Que é o máis destacábel en vós como artistas?

P: Eu destacaría a constancia. A constancia de estar sempre para o público, atendelo e non pasar nunca del. Que me sintan próxima, unha deles. Iso é moi importante á hora de conectar co público.

O: A min a verdade tamén me identifica bastante. Ao final a música é un traballo. Logo o que hai que facer é traballar, estar aí día tras día e ano tras ano. Unha carreira fórmase tendo carreira.

Chicho, que foi o que máis che sorprendeu de Pili?

O: Pois a súa naturalidade e proximidade. A verdade dá gusto, dende o primeiro momento era como falar cunha compañeira de toda a vida e iso agradécese moito.

Pili, e a ti de Ortiga?

P: Igual, igual… Cando me propuxeron o de Boyanka Kostova en Land Rober, dixen eu: “sabe Deus quen serán estes dous!”. Teño que admitir que non os coñecía. Mais recoñezo que desde que estou con Ortiga subíronme os seguidores de Instagram! (risas)

Ortiga, ti xa traballaras conxuntamente en Esteban y Manuel, agora en Boyanka Kostova con Cibrán ou en Los rastreadores con Grande Amore… como alcumariades esta xuntanza Pampín-Chicho?

O: Eu xa no Land Rober propuxera “Pili y Los Pampines”

Gústame!

P: Eu sería máis galega… “Ortiga y Los Fieitos”

O: Ou “A Fieita”

E para ir rematando, que pensades que é o máis fermoso de dedicarse á música?

P: Que é o máis fermoso? Pois desfrutar do que estás facendo. Eu penso que o día que non desfrute cantando será o día que non volva a subir a un escenario.

O: Ao final tes que vivir para facer cancións, experimentar situacións e xente para seguir creando. O meu obxectivo é desfrutar para que os demais desfruten!

Leave a Reply