Xanma, cantante e guitarrista de The Rapants: “Podería caer o palco abaixo que mentres soe unha guitarra seguiremos bailando”
A banda muradana será un dos grupos que actuará a finais de agosto no Festival da Luz
Boimorto acollerá a máis dunha trintena de artistas entre o 26 e 28 de agosto. Tras varias edicións marcadas pola pandemia volve a normalidade á terra de Luz Casal. O cartel está composto por Mala Rodríguez, Ilegales, Grande Amore ou Heredeiros da Crus entre moitos outros. A quenda de The Rapants, que repite por segundo ano, chegará o último día do festival.
The Rapants é unha banda Indie e Garage que xorde no 2018 en Muros. Está formada por Matías, Xaquín, Samuel e Xanma. Falamos con este último para coñecer un pouco máis ao grupo que actuará o vindeiro 28 de agosto no Festival da Luz.
Sabemos que o primeiro EP de The Rapants saiu á luz en 2018, mais como xorde a banda?
Os catro membros levabamos coincidindo en distintos proxectos dende moi novos. Samuel e eu levabamos dende os 13 anos cadrando en varias agrupacións, por iso en 2018 e tras un par de anos sen tocar, as ganas de facer música volveron xuntarnos na Nasmo, a sala de ensaio pública do concello. Fixemos un par de ensaios con 6 AM, Trankimazin e algunhas versións de Terbutalina, Novedades Caminha ou os Hives, e decidimos buscar un batería e un baixista. Nese momento entraron Xaquín e Matías. Con poucos ensaios e moita chulería sacamos a primeira maqueta gravada na propia Sala Nasmo e puxémonos a xirar o máximo posible.
Como definirías o grupo?
The Rápants é, como lle gusta dicir a Samuel en palabras do Saltamontes: la máquina del buen rollo. Supoño que todas as bandas xorden coa idea divertirse e pasalo ben con amigos, pero nós ese elemento témolo intrínseco no noso ADN ata niveis preocupantes para a supervivencia da especie humana. Estou seguro de que podería caer o palco abaixo que mentres soe unha guitarra seguiremos bailando.
Que é o máis especial que cada un dos integrantes lle aporta á banda?
Somos unha banda moi equilibrada a nivel profesional, sabemos a que membro escoitar en cada aspecto. A nivel técnico e produción contamos con Xaquín, que toca todos os instrumentos e dedícase profesionalmente ao son en RNE. En canto a estética, escenografía e vestiario Mati está a outro nivel. Samuel personifica o carácter completo do grupo ademais de ser un gran compositor e o segundo mellor guitarrista da historia galega por detrás de Hermes Alogo. Pola miña parte, ademais de compoñer e ser guapo, son egoísta e un auténtico gilipollas. Un deses ten que habelo en todas as bandas… porque el buen rollo si, pero tamén me gusta tocar dado de alta.
Pola miña parte, ademais de compoñer e ser guapo, son egoísta e un auténtico gilipollas.
Aínda que contades cun estilo moi diferenciado, é certo que se pode apreciar algunha semellanza con Terbutalina, Novedades Carminha… Que influencias son importantes á hora de compoñer?
A nivel musical a referencia de ambas bandas é obvia, nunca escondemos a culpa que teñen os Terbutalina de que a día de hoxe esteamos tocando. Con todo, na actualidade buscamos crear un estilo propio e para iso hai que ampliar horizontes e escoitar moitas artistas. Estamos bebendo moito dos Smiths, Strokes, Parcels, Growlers, Donna Summer, Libertines ou Madonna.
Xa non só no atinente á música, tedes unha personalidade moi marcada que se deixa ver na vestimenta, no xeito de actuar… De onde vén esta idiosincrasia?
De Matías. Así como Samuel sabe extraer das mellores cancións a esencia que as fai singulares para aplicala ao noso estilo, Matías fíxonos comprender dende os inicios o importante que é na escena rock ter un carácter auténtico diferencial e sobre todo fiel as nosas personalidades.
E iso consiste en…
En ser seguros de nós mesmos, experimentar e atoparnos cómodos co que facemos. Cremos fielmente que cadaquén debe expresarse como sinta, polo que evitamos cohibirnos por mor de prexuízos ou críticas.