CRNDS será o encargado de dar comezo ao Melona Fest. Un festival que terá lugar en Santiago de Compostela os días 14, 15 e 16 de abril

A Semana Santa compostelá estará chea de música, de boa música. Pois o Melona Fest está promovido por La Melona, unha produtora de eventos culturais vencellada á fusión do talento local co potencial da escena nacional e internacional. Serán tres xornadas nas que o público poderá gozar de persoeiros como Mahía, dani, Aplauso F5 ou Teresa Ferreiro entre outros moitos.

O encomendado para facer mover os pés no comezo do festival é CRNDS. Mais detrás deste nome artístico atópase Alberto Cernadas. Naceu na cidade de cristal, na Coruña. Con trinta anos pode facer gala da publicación de CERNADAS, o seu primeiro álbum, e de numerosas colaboracións: Cibrán Seixo, Fran Barcia, Clara Friol, Sandra Monfort… Destaca debido a que o seu traballo é unha mestura de elementos característicos da música tradicional galega coa electrónica.

É compositor, produtor e fundador do selo independente Lindisfarne. Pero é sobretodo un neno que comezaba a súa andaina na música con tan só 10 anos. Un neno que foi descubrindo pouco a pouco o que lle gustaba, como a meirande parte dos meniños. Co soño de ir a Barcelona cumprido o neno deixa de ser neno para ser CRNDS. Un artista que fará desfrutar ao público do Melona Fest o xoves a partir das 22:00.

CRNDS

Como foron os teus inicios na música? 

Comecei a tocar a guitarra no conservatorio con dez anos. De pequeno intereseime por moitas cousas, pero pouco a pouco acabeime centrando na música. Concretamente o que estudaba no conservatorio non me flipaba, era un contido moi rancio, súper desconectado da realidade. Pola miña conta fun aprendendo cousas que me molaban máis. Tocaba a guitarra eléctrica e o baixo, e gravaba e producía como podía os meus temas.

Que che aporta a música? 

A música aportoume moitísimas cousas a verdade. Moitas veces o proceso creativo foi catártico a nivel emocional, aínda que non me mola romantizar isto. A nivel execución co instrumento e todo iso aprendín moito do meu corpo e a respectar os tempos das cousas. Aínda que o máis valioso que me levo do meu curro é a moita da xente que coñecín grazas a el. 

Non foron todo cousas boas, supoño…

Por desgracia non me aportou só cousas positivas. Tiven moita ansiedade e frustración asociadas ao meu traballo. De todas formas eu supoño que realmente isto é bastante máis culpa da situación de precariedade laboral no ámbito artístico que da música en sí.

E ti que lle aportas á música?

Non o teño claro. Tampouco me importa demasiado. Interésame máis aportarlle algo á xente. Se a peña se emociona dalgunha forma ou atopa algo de acougo escoitando a música que fago, estou ultra satisfeito.

Se che propoño definirte nunha canción, cal sería? 

“Cançao do Mar” de Dulce Pontes.

Por que esta escolla?

Hai un pouco da miña infancia nese tema, de miña irmá, da miña familia. É unha movida porque cada vez que o redescubro flipo. Creo que o son dese tema é unha especie de influencia inconsciente, igual que pasa con moitas outras músicas que soaban na miña casa cando era pequeno.

A música que realizas é unha fusión entre tradición e electrónica. Como se che ocorre esta unión de estilos?

O son de CERNADAS foi unha consecuencia da música que viña producindo xunto a Cibrán Seixo cando compartiamos estudo. Non me gusta dicir que fago música que se fusiona coa música tradicional. O meu achegamento á música tradi foi super externo, chegoume a través de Internet e da música gravada, e non polas canles de transmisión oral. Realmente co que traballo é coa miña lectura ultra contaminada da tradición.

Algún referente?

En canto a referentes dentro do mundo da música tradicional, Fransy González por suposto.

Consideras que facer algo tan rompedor como o electrofolk xogou ao teu favor?

Non sei se xogou ao meu favor. O que sí que penso é que a nivel de recepción, a situación do panorama musical desde xa fai uns anos, é favorable a propostas como a miña.

Houbo momentos de medo ou inseguridade ao lanzarte cun estilo tan arriscado?

Non me da medo traballar influenciado pola música tradicional, pero si que lle teño moito respecto. Sí que tiven un pouco de medo a como se recibiría o disco xusto antes de publicar. Pero en realidade penso que nunca sabes como vai chegar o que fagas, independentemente do estilo que sexa.

Pensas que a tradición está a realizar unha revolución no panorama musical actual?

Si, a verdade que si. De todas formas non me estraña nada que estea pasando. Hai moita música tradicional na Península e moita xente producindo.

Resultaba imaxinábel ver a xente bailar muiñeiras en discotecas ou pubs. Pensas que o feito de fusionar folclore tradicional galego con outros estilos é un xeito de profanar esa tradición da que falamos? Ou pola contra é necesaria esta fusión para preservala?

Estou super a favor de que ocorran todo tipo de derivacións e de rupturas co tradicional. Non creo que o feito da fusión co tradi corrompa o tradi, nin tampouco que sexa necesaria para que este se preserve. É certo que a música tradicional en Galiza maltratouse moitas veces facéndoa encaixar en esquemas hexemónicos. Houbo moitas lecturas da música tradicional que pasaron por alto afinacións non temperadas que se poden escoitar nalgunhas recollidas, ou patróns rítmicos que non encaixan nun 3/4 de conservatorio. De todas formas dende un punto de vista de rexistro etnográfico ou musicolóxico, quenes de verdade deberían ter a responsabilidade son as institucións.

Un momento encima do escenario inesquecíbel…

No bolo de presentación do disco para o MUTEK con Fransy González. Fixemos concertos mellor executados, pero o dese día marcounos especialmente.

Nuns días actuarás no Melona Fest. Un adianto do que nos atoparemos…

Algún dos temas novos nos que estou traballando…

Compartes cartel con Mahía ou Dani Costas entre moitos. Algún co que che faga especial ilusión?

Faime moita ilusión compartir cartaz de novo con Conferência Inferno e por suposto con Da Rocha, e Inma e Facu (Grima) de Aplauso F5.

Algunha colaboración en mente?

Estou traballando en varias colaboracións pero aínda non podo dicir nada.

Algo que che gustaría que o público fixese nun concerto

Que o desfruten como lles saia facelo. Paréceme perfecto tanto que o perreen enteiro como que se queden durmidos no chan.

Cartel melona fest

Logo pois, o vindeiro xoves só se permite desfrutar como “saia facelo”. Perreando ou durmidos, pero desfrutar con CRNDS e coas novidades que estreará no Melona Fest.

One Comment

Leave a Reply