Afirmaba Jorge Luis Borges que, no seu maxín, concibía o Paraíso como unha biblioteca. Poida que esaxerase un chisco -había de estar baixo os efectos da síndrome de Stendhal despois de visitar algunha especialmente fermosa-, pero no que concordamos é en que as hai que son un verdadeiro oasis de pracer sensorial. Porque, ademais de seducirnos coa promesa de saciar a nosa sede de coñecementos, aliméntannos a vista.

Arquitecturas barrocas ou ultramodernas, decoracións propias de película de época ou mobiliarios dignos dunha sección de Ikea fan dalgunhas bibliotecas auténticas xemas ao alcance exclusivo d@s amantes dos libros. Nos nosos soños máis gorentosos, non sería estraño que fantasiásemos coa do Vaticano, coa mítica de Alexandría ou mesmo coa Nacional de España. Pero, por fortuna, non é preciso ir tan lonxe para canalizar ese fetichismo cool que é a bibliofilia.

O turismo cultural está en voga e as súas acepcións multiplícanse. Amén de extasiarnos observando cadros en museos e galerías, impóñense fórmulas que buscan poñer en valor o patrimonio local menos coñecido. Como as bibliotecas. Por iso, apuntámonos ao go local e saímos dar unha volta polas máis peculiares do noso contorno.

Biblioteca da Facultade de Xeografía e Historia da USC

Seguro que tes escoitado falar do Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, cos seus frescos de Fenolera e González que causan admiración. Pero, e da sala de lectura? Curiosamente, malia que ambos se atopan no edificio que hoxe ocupa a Facultade de Xeografía e Historia -de estilo neoclásico e con máis de dous séculos de existencia ás costas-, as pinturas eclipsaron ante o gran público os tesouros que agocha a biblioteca. E non só no plano documental -que tamén-, senón sobre todo no arquitectónico. Andeis de parede fabricados en madeira con ricas molduras, cun segundo nivel a xeito de tribuna para optimizar o espazo, reas e reas de edicións antigas de libros de consulta protexidas por redes de arame, lemas en latín coroándoos: esta biblioteca, inaugurada nos anos 20 do século XX, é unha porta aberta ao pasado.

Biblioteca e Arquivo de Galicia

Controversias orzamentarias e políticas á parte, a Cidade da Cultura está a se converter no buque insignia da modernidade en Galicia. Canto menos, arquitectónica. E entre edificios sinuosos e interpretacións sui generis da orografía orixinal do monte Gaiás, o proxecto de Peter Eisenman acolle no seu seo a Biblioteca e Arquivo de Galicia. A antigüidade dos seus fondos (co legado de Isaac Díaz Pardo, obras e gravados de Seoane, a biblioteca de Basilio Losada ou obras de Carlos Casares) contrasta co espazo físico que os acolle, rabiosamente minimalista. Diáfano, aberto,   sometido ao ditado dunha xeometría titánica. Un lugar para lembrar… e compartir en Instagram.

Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel

Podería ter sido unha biblioteca pública máis de non ser porque nos anos 90, o Concello de Vigo decidiu mercar a moi popular casa de Pedro Román -tamén coñecida como Edificio Ferro- no corazón da cidade vella e darlle unha nova vida rehabilitándoa e enchéndoa de libros. E así, desde 1995, este antigo local comercial, salón de baile e casino de arquitectura clásica, enormes cristaleiras e elegante decoración pasou a ser un dos polos culturais de Vigo. Do fermoso edificio orixinal queda pouco máis que o espírito e a fachada. Mais na sala de lectura aínda se sente a súa pegada.

Biblioteca da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC

Se crías que as bibliotecas universitarias eran por norma antigas e con cheiro a naftalina é que aínda che faltaba por coñecer esta. Integrada no modernísimo espazo deseñado por Álvaro Siza para acoller a Facultade de Ciencias da Comunicación en Santiago, está conectada en perpendicular co corpo do edificio. Todo nela, desde as cadeiras aos andeis, é froito da planificación do reputado arquitecto portugués. En 2019, este pedazo vivo da historia da arquitectura contemporánea cumprirá vinte anos desde a súa inauguración. Acaso precisamos máis escusa para visitalo?

Biblioteca América

Non hai estudante en Santiago de Compostela que non saiba da Biblioteca Xeral. Mais se fixésemos unha enquisa, poida que a maioría admitise descoñecer a Biblioteca América, coa que aquela, sen embargo, comparte localización. E é que a parte baixa do claustro de Fonseca alberga tamén a colección que Gumersindo Busto, un compostelán emigrado en Montevideo e Buenos Aires que quixo que na súa terra quedase un anaco de América. Ademais de libros e outros documentos, a colección comprende bustos de personalidades da política e da cultura do outro lado do Atlántico, bandeiras (como a cubana, doada polo propio Fidel Castro), billetes, fotografías e mapas. Todo iso, no marco incomparable dunha sala que data do 1926 e permanece inmaculada.

Chamémoslles Paraíso, Nirvana, oasis da mente ou refuxios da alma, hai bibliotecas que foron feitas para admirar por dentro e por fóra. E logo din que non debemos xulgar un libro pola cuberta.

Cecilia F. Santomé

Cecilia F. Santomé

Nacín no ano de Orwell e pasei media infancia desexando ter lentes e un Scalextric. O karma castigoume cunha molesta hipermetropía e un carné de conducir sen coche á vista. Leo (moito), escribo (e publícanme!), fago preguntas raras. Pódeme a curiosidade.

Leave a Reply