Alejandro Guillán, o músico tras Baiuca, domesticou os nosos oídos convencéndonos a base de folclore e electrónica con Solpor, o seu primeiro traballo. Tres anos despois, temas como «Morriña» ou «Muiñeira» aínda seguen soando e non perderon nin a forza nin a frescura, nin tampouco o poder de levantarnos do asento e facer que bailemos enfeitizados pola melodía.

Por suposto, quedamos con ganas de máis despois deste debut sonoro tan potente… e por fin chegou o que queriamos! O 7 de maio Baiuca lanzou o seu segundo traballo de longa duración: Embruxo, un álbum con dez temas que é un minucioso exercicio de folktrónica pagá, de maxia branca infestada de ritmos ancestrais e de herdanza atávica.

Baiuca traballa en Embruxo coa precisión dun alquimista e volve mesturar a música tradicional da súa Galiza natal con electrónica de vangarda e estruturas e melodías pop. Esta mestura, aderezada cun pouco de bruxería, acaba por fusionarse e convéterse en ouro puro grazas ao lume e a temperatura que contén o concepto que dá solidez e forma a todo o disco: o do misticismo galego, núcleo deste novo traballo e sentido final do mesmo.

Tras os singles «Luar», «Veleno» e «Meigallo», un anticipo do novo imaxinario sonoro e conceptual sobre o que se edifica Embruxo, morriamos de curiosidade por saber que máis símbolos, códigos e espíritos contén este aquelarre. Agora, tras escoitar este novo álbum ao completo, non temos dúbidas de que será un dos proxectos que marquen o 2021.

Levados polo encanto, quixemos falar con Alejandro das súas pesquisas e investigacións sobre os nosos devanceiros e os seus ritos, sobre as romarías e os conxuros. Tras falar con Alejandro e caer no seu sortilexio, obtivemos todas as respostas:

(Foto: Elisabet Encina)

En Embruxo reina a simbiose perfecta entre o folklore e a electrónica á que xa nos tes afeitos, pero este disco ten un concepto máis sólido: o do misticismo da cultura galega. Que che levou a escoller este concepto como centro do teu novo traballo?

Tiña ganas de avanzar tras Solpor, que non ten un concepto definido e que foi un exercicio para unir tradición e electrónica sen un significado tan marcado detrás. Embruxo supón un paso adiante na miña maneira de enfocar a composición dun disco, na que non só a música mantén unha coherencia sonora, senón que tiña claro que debía existir unha temática e un concepto definidos do que quería contar. Deille voltas a varias ideas, pero finalmente comprendín que o peso do misticismo na nosa cultura era o que me interesaba de verdade. Quería explicar ao mundo enteiro relación coa morte que temos na Galiza e a antropoloxía que nos define. Quixen explorar esta senda porque a consideraba moi potente.

Supoño que terías que investigar sobre o tema para chegar ata a raíz, como foi esa procura? Como ten que prepararse un para falar dun concepto que todos temos na cabeza cando pensamos na nosa terra e que sentimos tan amplo que é difícil centralo?

Investiguei sobre todo en textos e referencias que me interesaban. Non foi unha investigación excesiva, pero si que quixen, a partir destes conceptos de «cultura espiritual» e de «misticismo», engadir no disco dunha forma ou outra as referencias que me serviron de inspiración. Busquei na poesía do século xix e principios do xx, como a de Luís Amado Carballo, Curros Enríquez ou Rosalía de Castro, e quixen meterme tamén nos cancioneiros tradicionais, como o Cancioneiro Popular Galego, de Dorothé Schubarth e Antón Santamaría, ou no arquivo dixital do Museo do Pobo Galego, que foi a base para recompilar coplas e cantos nos que os seres místicos ou os elementos da natureza son protagonistas. Elementos como as lavandeiras, as meigas, o diaño, a lúa, o carballo, as herbas de San Xoán… están plasmados na estética, nas letras e nas melodías.

No musical e na produción este disco tamén supón un paso máis? Vexo que en Embruxo tiraches polas gravacións instrumentais propias e non tanto polos samplers usados en Solpor.

Si, sen dúbida supón un paso máis. Canto ti gravas a túa propia música dominas desde o primeiro momento o que queres facer, e iso marca a diferencia e resulta moito máis intuitivo á hora de traballar. En Solpor quixen explorar a cultura do hip-hop e samplear músicas máis antigas para introducilas noutros ritmos, mentres que en Embruxo apetecíame todo o contrario: meterme no estudio e gravar. O que fago si neste novo álbum é samplear as miñas propias gravacións.

Embruxo é tamén un grupo de amigos, unha festa pagá na que a música vén da man do axitador folklórico Rodrigo Cuevas, das pandereteiras-cantareiras Lilaina, do percusionista Xosé Lois Romero e do flautista-gaiteiro Cristian Silva. Cóntame un pouco por que os quixeches a todos eles no teu equipo.

As colaboracións xurdiron a medida que eu ía compoñendo os temas e fixando ideas. Por exemplo, sabía que quería a alguén que tocara a flauta en «Cortegada» e ahí entrou Cristian. Sabía también que precisaba unha voz masculina en «Veleno», así que contei con Rodrigo. Iso si, pensei en todo momento en xente coa que me sentía cómodo e á que ademais admiraba artísticamente. No caso de Xosé Lois e no caso de Lilaina, tiña claro que ían aparecer no disco, estaba claro desde o principio. O traballo de Xosé Lois sempre é enriquecedor porque o sabe todo sobre instrumentos tradicionais e non podía faltar. Tamén quería contar con voces de mulleres, así que nada mellor que Lilaina; elas son o máis salvaxe que hai na Galiza.

Na arte do disco e no audiovisual contarás de novo con Adrián Canoura. Con que imaxinario vai acompañar este novo álbum?

En Embruxo a idea é a de gravar imaxes desde cero, aínda que algunha poda parecer na súa estética unha imaxe de arquivo como as que usabamos en Solpor. A parte visual tiña que ir acorde coa parte musical: eu quería pasar dos samplers ás gravacións propias neste disco, pois no vídeo tiña que pasar tamén o mesmo. Así que Adrián púxose a gravar desde cero para crear un imaxinario novo.

Levabas uns anos de andaina e de súpeto unha pandemia mundial. O teu traballo, que estaba a subir como a escuma, tivo que verse moi tocado pola situación. Agora que parece que poderemos volver a concertos con aforo reducido e aos poucos recuperar a normalidade, non sei se o teu é o concerto con aforo máis reducido ou se tes ganas de tocar nalgún festival, formato no que experimentaches algo menos.

Pois aínda que leve case tres anos xirando non teño claro o que desfruto máis. Nos concertos ás veces vou eu só e outras vou con Adrián, e gústame precisamente iso: que sexa algo pequeno e que o que pase no escenario poida transmitirse a un público reducido, como nun evento familiar. Tamén desfruto nun escenario grande aínda que hai moitas veces que os festivais non son os mellores sitios, pero si que che dan un escaparate que non consegues noutros lados. Facer un concertó nunha praza grande, por exemplo, si que é algo moi especial. Polo de agora non me pecho a ningún formato, porque gozo de calquera deles.

Como cres que vai ser a acollida do disco?

Non o sei. Eu teño o meu traballo feito e penso que esa é a parte máis importante. As expectativas non me presionan e síntome libre co que fago porque conecta coa xente dalgún xeito. Non hai nada que me invite a ter paxaros na cabeza que me fagan pensar se vai gustar ou non. Estou moi contento co resultado do disco e toca mostralo e nada máis. Polo de agora a acollida dos tres primeiros singles foi moi boa e vexo que hai nova xente interesada polo proxecto. É bo sinal.

Sempre reivindicas que a túa música é música para o mundo e que o idioma non debe ser en ningún caso unha barreira.

Vas a Madrid a cantar en galego e todo o mundo pensa que mola, e se o pensa tanta xente que descoñece o idioma será porque mola de verdade! Eu teño a oportunidade de tocar un repertorio en galego alá onde vaia e a xente o desfruta, iso demostra que o importante é o proxecto e que o idioma pode traspasar calquera fronteira.

Cales foron os teus referentes e influencias nos comezos?

Na parte tradicional Milladoiro e Carlos Núñez, ambos eran o que máis me flipaba e co que máis me identificaba desde o inicio. Na parte de electrónica algúns productores latinoamericanos como Nicola Cruz ou Chancha Vía Circuiro, ver como traballaban eles foi o que fixo que pensase que se cadra eu podería facer algo así coa música galega.

Como ves o futuro?

Rematei o novo disco en xuño do ano pasado e pasei unha fase de desconexión e de non facer música para no viciar a miña producción. Tras estes meses de parón estou con ganas de crear música de novo, pero seguramente faga o mesmo que con Solpor e saque cousas soltas, sinxelos e o que xurda. Tamén estou interesado no traballo de produción e non estaría nada mal estar na sombra nos temas doutros artistas.

Para rematar, recoméndanos algún tema ou disco que che estea axudando a acougar os nervios nestes días previos ao lanzamento de Embruxo.

Gustoume moito «Un poquito», de María Grep, producida por Manu Blanco de Blanco Palamera, penso que é un dos temas do verán. Teño tamén na cabeza o novo disco de Verde Prato, escoiteino bastante estes días porque a mestura de sons é moi interesante.

Estela Gómez

Estela Gómez

Mi nombre es Estela y nací en el 92 —como Cobi— al lado del mar. Abro textos en canal y leo hasta en la ducha. Soy aprendiz de todo y especialista en nada, tengo incontinencia verbal crónica, y, gracias a la mejor de las suertes, las palabras me dan de comer.

Leave a Reply