O 22 de xuño de 2023, no día anterior á noite meiga, Carmen Seijas inaugurou Altar na galería Sarao Studio. Esta era a cuarta exposición individual da artista. Chegaba tras unha pausa de oito anos durante os cales só expuxo o seu traballo en mostras colectivas, adicando as súas enerxías á autoxestión do seu proxecto profesional. Acudín coa miña amiga Ana á inauguración e ambas quedamos fascinadas coa obra de Seijas, que encheu o escaparate, as paredes e as repisas de Sarao con máis de 80 obras. Para esa primeira mostra individual tras case unha década participando unicamente en exposicións colectivas, a artista decidiu levar o seu estudo á galería, conseguindo facer do espazo unha experiencia inmersiva tan inspiradora como máxica.

Aquel día falei por primeira vez con Carmen. Sentámonos nun banco da rúa Real de Ferrol e contoume todo sobre Altar, conversa grazas á cal puiden escribir esta recensión. Falamos da exposición, da súa arte e do seu camiño. Explicoume que naceu e creceu en Betanzos e estudou en Pontevedra, Bélxica e Barcelona, establecéndose como artista na capital catalá. Hai case catro anos que regresou ao seu Betanzos natal, onde continua a desenvolver a súa carreira artística ao tempo que xestiona a súa tenda online. Vendo a atmosfera tan especial que creara en Sarao tomando o seu estudo como base, decidín que necesitaba coñecer o espazo orixinal.

O 30 de agosto -máis de dous meses despois daquela conversa inicial- entrei no primeiro baixo da rúa do Desengano e coñecín en persoa La Sombra, o estudo de Seijas. Quedáramos ás catro e eu cheguei algo antes, polo que puiden ver con calma o seu exterior. O ceo lucía un fermoso azul verán salpicado por algunhas nubes esponxosas que parecían pintadas con pincel. Nas escaleiras que baixan trala igrexa de Santa María do Azogue, o primeiro edificio da rúa lucía tamén azul e branco. Precisamente a franxa azul é a que envolve o estudo, que ocultaba o seu interior coas contraventás pechadas pero suxería a dedicación creativa nas flores, estrelas e nubes chuviosas pero felices que levaban a noite ao cristal e a natureza á parede, anunciando de forma velada as fantasías que se esconden tras esa porta de madeira verde e cristal.

Axiña apareceu Carmen cun gran sorriso, o pelo solto e a mistura de dozura, serenidade e paixón que a caracteriza. Nada máis entrar ofreceume unha infusión ao tempo que me ensinaba a pequena estancia na que almacena todo o relacionado cos envíos da tenda online. Deixou a porta da rúa aberta para que entrara o aire, explicoume que levaba uns días sen pasar por alí e acomodou dúas cadeiras para que falaramos no escritorio que descansa baixo a xanela.

Antes de sentar falamos do fermoso chibalete no que garda debuxos e prints. Contoume que foi un agasallo que lle fixo a súa nai, muller apaixonada dos mobles e as antigüidades e orgullosa dona de El rastro de Merce. Este moble estivo no estudo de Seijas en Barcelona e non podía faltar no estudo en Betanzos. Trátase dunha peza dunha gran beleza que foi restaurada con moito agarimo por outro betanceiro que se adica á restauración de libros e adaptou ese moble para gardar papeis. Este tipógrafo alberga agora parte da arte de Carmen, que aproveita a disposición dos caixóns para almacenar as súas láminas.

Hai un tempo, o restaurador pasou por diante do estudo,  recoñeceu o chibalete e contoulle a Carmen que foi precisamente nese baixo onde el o restaurou. Co regreso de Seijas ao seu Betanzos natal, o moble regresaba tamén ao espazo no que foi recuperado, unha casualidade poética que fala de pertencer, de deixarse levar e de atopar o teu lugar.

O resto de mobles proveñen tamén na súa maioría de El rastro de Merce e moitos deles fixeron con Carmen e o tipógrafo a viaxe Barcelona-Betanzos. Tres coloridas alfombras encárganse de facer acolledor o frío chan de baldosas e varios floreiros con ramos levan ao estudo a lembranza da brisa na herba e as pingas de resío reflectindo os raios de sol. Pregunteille se vai cambiando os elementos do estudo pensando que respondería que si, e sorprendeume ao contarme que adaptou e personalizou o espazo cando chegou a el a finais do 2019 e que desde entón non fixo apenas alteracións. A excepción a isto son as pezas de decoración que vai adquirindo e as obras orixinais que penduran das paredes nese lapso de tempo entre o escritorio da artista e o seu futuro fogar.

Non destacaría o espazo por grande nin por pequeno; diría que é do tamaño perfecto para albergar, alimentar e desenvolver a inspiración da artista. Precisamente Seijas está fortemente comprometida coa conservación e exaltación da súa inspiración, que coida con celo e nutre con cariño. Ten vivido etapas de bloqueo creativo nas que a relación co seu facer artístico quedaba practicamente paralizada, dificultando gravemente o traballo. Decidida a defender o seu, investigou ata atopar e deseñar diferentes exercicios que orientados a poñer fin á parálise e alimentar a creatividade atendendo, explorando e xogando.

Coñecedora de que este tipo de bloqueos afectan a case todo aquel que desenvolve o seu lado artístico, comezou a ofrecer unhas mentorías creativas nas que acompaña e guía neste tipo de procesos, axudando aos interesados a conectar, abrazar e entender a súa creatividade. Para apoiar estas mentorías elaborou un caderno de exploración da creatividade no que recopilaba todos eses exercicios que foi probando. Axiña deuse conta de que o caderno era de gran axuda, polo que decidiu poñelo a venta de forma independente, deixando de ser unicamente un recurso das mentorías e podendo ser adquirido por todo o mundo. Este caderno está en formato dixital e en constante evolución, pero desexa algún día telo en formato físico.

Carmen cre firmemente na importancia comuñón entre a creatividade, a intelixencia emocional e o desenvolvemento persoal, e por iso actualmente está traballando nun diario de intuición que verá a luz este outono. Trátase dun caderno de exploración da intuición que serve como guía para conectar coa voz propia. Explicoume que é un diario acompañado no que se traballan conceptos como a escritura automática, a escritura consciente e a escritura libre. As primeiras páxinas conteñen unha introdución que menciona conceptos como as emocións, a importancia da linguaxe e o análise de soños sen pretender sentar cátedra sobre nada, simplemente buscando prender unha chama de curiosidade. Pese a tratarse dun diario guiado a artista non pretende que os usuarios sigan todo ao pé da letra, todo o contrario. Asegura que non hai normas e que está todo para saltalo, que o importante é aproveitar a información que resulte útil e explorar os camiños que parezan interesantes, deixando ir todo o demais sen remorso algún.

Esa fluidez e liberdade son algo característico dela presente nos seus movementos, na súa forma de vestir e na súa relación co seu estudo. Esta última é un tanto anárquica: non ten uns horarios específicos e escoita moito o que lle piden corpo e mente. Ela concibe o estudo como un espazo de creación principalmente pictórica, priorizando o desenvolvemento das actividades literarias na natureza. Ao ter nese pequeno cuartiño no que garda as infusións todos os materiais para os envíos da tenda online, esa parte menos creativa tamén ten lugar no estudo por cuestións loxísticas. Iso si, o traballo loxístico e que lle resulta máis aburrido-xestións do correo electrónico e da tenda principalmente- prefire facelo fora do estudo, na natureza ou nunha cafetería.

Carmen permítese ser mutable, fuxindo da rixidez espacial e horaria. Díxome que durante moitos anos foi especialmente nocturna na súa actividade, traballando ata altas horas da madrugada. Hai xa un tempo que as súas horas de traballo están máis protagonizadas polo sol que pola lúa, e xeralmente a xornada laboral finaliza darredor das sete da tarde. Deixou de impoñerse rutinas porque considera que o exceso de estrutura rompe o proceso creativo, aínda que sempre hai excepcións no caso de entregas ou causas de forza maior.

A obra de Carmen Seijas destaca por ser profundamente autorreferencial e autoconsciente sen deixar de estar en contacto coa natureza. Nas súas pezas combina o seu mundo interior con todo o mundo exterior equilibrando delicadeza e fortaleza e transmitindo intimidade e universalidade. O seu traballo está fortemente vinculado coas súas prácticas persoais e as reflexións que extrae dos seus diarios e da análise dos seus soños, traballando de forma consciente o inconsciente. Atopa a inspiración nos seus procesos de crecemento persoal, na espiritualidade, na natureza e en prácticas somáticas como o ioga.

Carmen é unha muller riseira e segura que transmite moita paz, sensación que se amplifica ao visitar o seu estudo. Contoume que ela sempre presta atención á relación da xente cos espazos, pois considera que hai moita información nesa conexión: unha cousa é estar nun espazo e outra diferente habitalo. Visitando o seu estudo entendín o que xa percibira na exposición de Sarao: que Carmen vive en contacto co mundo que a rodea, formando parte dos lugares que habita e aprendendo, escoitando e xogando co seu mundo interior e con todo o universo. A súa obra parte da súa vivencia persoal para abarcar cuestións universais, nun exercicio tremendamente xeneroso, inspirador e poderoso. Canta maxia esconde a rúa do Desengano, que sorte tela visitado.

Leave a Reply