Unhas copas de máis, unha decisión mal tomada e unha porta que non abre. Así comeza Somos Cárcere, a última curtametraxe dirixida pola lucense Irene Pin, para quen este é o seu oitavo traballo audiovisual dirixido, malia a súa xuventude. Pin parte de algo anecdótico: unha moza que queda pechada na casa doutra persoa despois de pasar a noite alí, algo que, confesa, lle aconteceu a ela mesma, para trasladar o encerramento a un plano máis esencial e subxectivo. 

Sara Ferrao nun fotograma de Somos Cárcere

Hai todo un desafío visual en Somos Cárcere: falar do que pasa por dentro da personaxe mentres permanece soa nunha casa allea coa única compañía dun gato. Todo un reto resolto de xeito maxistral a través da escasa acción, que provoca que o espectador teña que descubrir pouco a pouco e practicar a espera activa, xusto como a protagonista. Irene explica que quería “conectar coas vivencias próximas de moitas persoas, polo que o xogo está en suxerir para que cada unha complete cos seus propios recordos”. Unha metáfora redonda para un filme sensorial que consegue falarnos das relacións amorosas, os medos, a envexa case infantil ou os celos con moi poucos recursos moi ben utilizados.

Pin está agora inmersa na gravación da segunda tempada de Amnesia 3.0, a primeira webserie interactiva gravada en galego. Un proxecto innovador que trascurre nun futuro distópico no que os humanos levan un software implantado no cerebro. O formato permite ao espectador elixir algunhas das decisións que toman os personaxes, modificando a historia e reaccionando a ela.

 

Leave a Reply