O pasado mes de abril saíu a luz Quérote. Eu tampouco, a primeira novela de Cecilia F. Santomé. Unha historia sobre amar e ser amado, sobre sobrevivir e fuxir cara adiante. Tivemos o placer de falar coa autora da súa primeira novela e isto foi o que nos contou:

Antes de empezar a falar da túa primeira novela Quérote. Eu tampouco (Xerais), queremos coñecerte un pouco mellor. Sabemos de ti que colaboras en Dot, que les e que escribes (moito), e que estás vinculada co mundo do marketing, a comunicación e a moda, pero… Quen é en realidade Cecilia?

Mmm… diríache que son unha persoa extremadamente curiosa. Interésame case calquera tema, por iso me gusta escoitar a xente, ler, devorar películas e, sobre todo, observar cos ollos ben abertos a realidade arredor de min e tomar notas. Pero tamén teño un lado máis prosaico, que representa a miña faceta de DIYer. Dáme material e ferramentas e son quen de armar dende un toucado de cerimonia a un circuíto eléctrico básico. Calquera actividade que implique un certo nivel de creatividade e traballo manual me atrae. E a fotografía, por suposto. Estou namorada da miña cámara instantánea.  

Fotografías por Te Valcárcel para MermaidPhoto.

O pasado abril saíu á luz a túa primeira novela Quérote. Eu tampouco e polo contraditorio do título parece que a súa lectura pretende enchernos de preguntas con respostas ambiguas… Que podemos atopar nas súas páxinas?

O certo é que antes de decidirme por “Quérote. Eu tampouco” considerei outras opcións. Todas pasaban por “Grace” e algo máis. Sen embargo, non remataban de convencerme. Parecíanme reducionistas. Porque, por moito que ela sexa a gran personalidade desta novela, non todo xira arredor dela. A intervención de Frank, mesmo a de Petula se me apuras, é determinante. Esta é unha historia coral, polifónica. Así que decidín buscar algo máis amplo, ambiguo –por que non-, que reflectise o conflito esencial. E o título desa canción mítica de Serge Gainsbourg e Jane Birkin, o aparente súmmum da sensualidade e o erotismo que é Je t’aime… moi non plus encaixaba á perfección. Que un amante declare o seu amor mentres o outro compoñente da parella lle contesta todo o contrario non só proba que en realidade non se están escoitando, senón que se atopan a anos luz de distancia emocional. Frank e Grace son as dúas metades dunha laranxa, si, pero no seu interior hai algún fungo que a está apodrentando. E cando iso se descubre, o seu mundo escacha en mil anacos. A onda expansiva alcanzará moi lonxe…    

Frank e Grace son as dúas metades dunha laranxa, si, pero no seu interior hai algún fungo que a está apodrentando.

Os personaxes da túa novela, Grace e Frank, tentan esquecer as pantasmas da súa nenez e fuxir cara a adiante. Cren que só o amor poderá salvalos. Claro que, como di Joy Division, love will tear us apart e, no caso destes dous amantes, non ía ser menos! Na túa novela o amor enténdese case como o último reduto no que esconderse, como a única oportunidade para deixar o pasado atrás. É así?

Máis que o amor, eu diría que o que ambos buscan con desesperación é a promesa de seguridade e estabilidade que supón para eles o compromiso ligado a unha relación estable. Queren querer, pero, sobre todo, sentirse queridos. As súas son familias que poderiamos definir como “desestruturadas” –se é que aínda ten sentido falar dun estándar familiar-, teñen un déficit de afecto brutal e entréganse á construción dunha vida xuntos dunha maneira febril. Nalgún sitio lin que ao amor se chega por moi diversas razóns, é dicir, este non sempre é ese sentimento puro que veneramos. Frank e Grace son dous náufragos emocionais que se aferran ao namoramento e á súa representación social como se dunha táboa de salvación se tratase.  

 

Por que decidiches escribir esta novela? Que che levou a meterche na pel de Grace e Frank?

Unha das cousas que máis me marcou da miña etapa londiniense foi experimentar a soidade inherente a unha megalópole coma esa. As distancias son inimigas do contacto humano, a inmensidade da cidade fai dela un territorio potencialmente hostil. E a velocidade á que todo acontece, á que nos movemos, á que coñecemos e descoñecemos xente… O obvio tería sido construír un relato autobiográfico ou un ensaio sobre esas cuestións. Pero creo que é máis interesante analizar identidades que non son alleas ao medio en cuestión. Frank e Grace non son outsiders per se –como sería unha persoa estranxeira-. Naceron en espazos urbanos ingleses (ela é londiniense!), en familias acomodadas, teñen unha educación e un certo nivel cultural. E, porén, a súa vida é tanto ou máis precaria que a de calquera inmigrante. O nivel de integración de Frank é moi baixo, nin tan sequera conta cun pequeno círculo de amigos aos que pedir auxilio. Grace é unha artista que renuncia a explotar o seu talento primeiro, por un traballo de supervivencia; logo, por xogar ás casiñas con Frank.    

Esta estraña parella habita un Londres de clases sociais marcadas e de costumes arraigados, un Londres que coñeces ben xa que viviches alí durante un tempo. Crees que o destino de Grace e Frank sería o mesmo se vivisen en Galicia?

Frank e Grace non poderían ser Lois e Maruxa. Hai algo na idiosincrasia inglesa que non encaixa coa galega. Non pretendo tirar de clixés nin lugares comúns, pero o certo é que a miña vivencia dime que a educación emocional nun e noutro contexto é moi diferente. Nós cultivamos unha certa afectividade, a familia ten aínda unha importancia social, as dimensións das nosas cidades seguen a favorecer o contacto humano. O proceso de emancipación non se fai a costa de cortar de maneira radical os vencellos cos pais e as nais, senón de relaxalos. No caso de Frank e de Grace, as súas vidas transcorren nun universo paralelo ás dos seus. Rara vez existe contacto real entre eles.

Esta estraña parella habita un Londres de clases sociais marcadas e de costumes arraigados, un Londres que coñeces ben xa que viviches alí durante un tempo. Crees que o destino de Grace e Frank sería o mesmo se vivisen en Galicia?

Frank e Grace non poderían ser Lois e Maruxa. Hai algo na idiosincrasia inglesa que non encaixa coa galega. Non pretendo tirar de clixés nin lugares comúns, pero o certo é que a miña vivencia dime que a educación emocional nun e noutro contexto é moi diferente. Nós cultivamos unha certa afectividade, a familia ten aínda unha importancia social, as dimensións das nosas cidades seguen a favorecer o contacto humano. O proceso de emancipación non se fai a costa de cortar de maneira radical os vencellos cos pais e as nais, senón de relaxalos. No caso de Frank e de Grace, as súas vidas transcorren nun universo paralelo ás dos seus. Rara vez existe contacto real entre eles.

Parece que as túas páxinas achégannos un reflexo fiel e cruel da sociedade do momento. Sobre todo da deses mozos (ou adultescentes) aos que lles vén un pouco grande a idade adulta e non saben como superar a soidade en masa, a precariedade económica, o cansazo vital e a falta de ambición. Pensaches en retratar á túa xeración ao escribilas?

Hai quen di que esta ben podería ser unha novela xeracional. Quizais si. Recoñezo que non era a miña ambición, pero son consciente de que moitas lectoras e lectores están a descubrir trazos seus ou do seu ambiente en Quérote. Eu tampouco. A falla de posibilidades, a frustración, a prolongación ata límites insospeitados das dinámicas xuvenís, a práctica imposibilidade material de sentirse unha persoa adulta e independente…: todo iso constitúe o pano de fondo da historia de amor-desamor de Grace e Frank.  

@ramoningez

Sabemos que en ocasións é difícil separar a realidade da ficción… Queremos poñernos íntimos e preguntarche canto de autobiográfico hai na túa novela.

Sempre hai algo persoal no que unha escribe. De feito, diríache que me parece imposible facelo doutro xeito. Non creo que sexa posible realizar un exercicio de abstracción tal que nada do novelado conteña un chisco de verdade. Que tire a primeira pedra quen sexa quen! Nin tan sequera cando se trata de escribir ciencia ficción ou ficción distópica. Aínda que só sexa un sorriso, un tic, o ton dunha prenda, un son da nosa realidade: a escritura bebe da experiencia. Cousa distinta é dicir que Quérote. Eu tampouco sexa un relato autobiográfico. Hai elementos nel que poden estar vagamente inspirados en obxectos, lugares, persoas que pasaron pola miña vida. É un exercicio de fabulación sen saír da dimensión do plausible.  

 

Esperamos que sigas escribindo, así que temos que preguntarche… que hai do futuro? Gustaríache repetir cunha nova obra?

Aínda que veña de ser publicada, Quérote. Eu tampouco ten algo máis de dous anos. Os procesos editoriais e creativos non sempre avanzan ao mesmo ritmo! Había tempo que barallaba a posibilidade de dar o paso e comezar a escribir ficción, pero faltábame dar coa historia adecuada. Grace e Frank son as miñas criaturas imperfectas e alégrome moito da boa acollida que están tendo.

Antes mesmo de que esta novela se publicase, xa rematara outra. Agora estou na fase de lectura e correccións, pero pódoche adiantar que a nivel temático é radicalmente distinta. Tampouco repito técnica narrativa. Non me chama demasiado iso de crear unha fórmula e repetila ata a extenuación. Quérote. Eu tampouco pode ser considerada un drama, pero tamén levo dentro moita comedia, algo de thriller, algo de costumismo… Os meus futuros libros serán tan diversos como diversos son os meus intereses.   

Hai elementos nel que poden estar vagamente inspirados en obxectos, lugares, persoas que pasaron pola miña vida. É un exercicio de fabulación sen saír da dimensión do plausible.

E unha última pregunta… que tres libros de narradores ou poetas galegos recomendarías como lectura agora que se achega o verán?

Nos últimos meses descubrín case de xeito accidental a Gonzalo Hermo. Lembrábao a el dos meus anos universitarios e por amigos en común, pero non caera nas miñas mans ningún libro de poemas seu. Fascíname Celebración (Apiario, 2014).

Na miña lista de futuras lecturas está O último barco (Galaxia, 2019), de Domingo Villar. O hype é altísimo e apetéceme inaugurar o meu verán cunha boa intriga, así que atrévome a recomendarche esta novela sen coñecemento de causa!

Outra que me apetece moito é a primeira de Jabois, Malaherba (Alfaguara, 2019). El é galego, pero está publicada en castelán. Conta? Se non, sempre me quedará suxerir unha nova lectura d’Os dous de sempre, de Castelao, un imprescindible no meu fondo de armario literario.  

Estela Gómez

Estela Gómez

Mi nombre es Estela y nací en el 92 —como Cobi— al lado del mar. Abro textos en canal y leo hasta en la ducha. Soy aprendiz de todo y especialista en nada, tengo incontinencia verbal crónica, y, gracias a la mejor de las suertes, las palabras me dan de comer.

One Comment

Leave a Reply