Excitación visual: velaí o segredo do éxito de Instagram. Andamos á procura de estimulación sensorial, mais atrás ficaron os tempos da Interviu e cía. O onanismo hoxe é de orde virtual. Food porn, book porn: tanto monta, monta tanto. E despois do clímax acadado pola fotografía gastronómica e a súa sedutora mestura de cores, texturas e ingredientes, esta faise a un lado e deixa paso a unha nova variante de luxuria dixital: a que alimentan os libros. Os libros? Ehem… si, os libros. Pero non calquera. Editoriais como Blackie Books ou Malpaso son tendencia con propostas pop, deseños rechamantes e contidos actuais. Definitivamente, o “don’t judge a book by its cover” quedou obsoleto. Devecemos por inmortalizar lecturas e facerlle saber ao mundo a nosa opinión sobre elas. Ler é sexy, e en Galicia proliferan @s instagrammers que o proclaman aos catro ventos.
Libreir@s, filólog@s, escritorxs, poetas…: os perfís d@s bookstagrammers galeg@s son múltiples e variados, mais en común teñen unha íntima relación co universo da palabra escrita, xa sexa dun lado ou doutro do espello. Entre insiders anda o xogo.
Pensa por un instante no personaxe de Hugh Grant na comedia romántica Notting Hill. Telo? Perfecto! Agora réstalle os tatexos patolóxicos e o desastre do café vertido sobre a camiseta branca de Julia Roberts. O resultado é un libreiro cool entregado á causa do hedonismo cultural, unha versión extensa da definición que o propio Xacobe Pato Gigirey ofrece de si mesmo. Atoparalo detrás do mostrador da libraría Cronopios de Santiago e tamén en @xpgigirey. Aviso para navegantes: os seus pés de foto xeran adicción. Desexarás que o teu feed se encha das súas recomendacións.
Mais esa tarefa de prescrición tan ligada ás librarías e á xente que traballa nelas está a atopar novas e inesperadas voces. Como as de escritores e escritoras. Atrás quedou a televisiva frase de Umbral “yo aquí he venido a hablar de mi libro”. Numerosos creadores e creadoras saen da espiral da promoción persoal e deciden compartir a través de Instagram as súas lecturas do momento. Tal é o caso de Alba Cid (@ollobasilisco) e Ismael Ramos (@ismaelramosc), poetas da nova vaga galega. Os seus respectivos perfís nesta rede social son unha delicada mestura de fotografías do cotián, fragmentos introspectivos e diario de libros. Porque a literatura na era dixital será transmedia ou non será.
E que sería dela sen a figura d@s blogueir@s? Do mesmo xeito que as marcas de roupa fai tempo que repararon –e comezaron a rendibilizar- no impacto dos blogs de moda, as editoriais tecen relacións simbióticas con bloggers de libros. Novidades a cambio de recensións (preferiblemente, positivas). Dous dos blogs máis senlleiros do panorama literario galego son Palabra de Gatsby, do filólogo David González, e Lecturafilia, da xornalista Tensy Gesteira. As entrevistas, apuntes e reflexións que neles publican teñen o seu eco en cadanseu perfil de Instagram: @palabradegatsby e @lecturafilia.
Pero –non nos enganemos- o formato que agora manda é un híbrido entre Instagram e a bitácora de lecturas tradicional. Para que facer clic na ligazón da biografía podendo ler o parrafeo enteiro sintetizado nun pé de foto? A instagrammer Nuria Piñeiro Yáñez (@nuriapy) é o mellor exemplo desta economía de medios.
Hedonistas do mundo, que os libros preciosistas vos acompañen.