Xa case non queda ninguén” di Flora, veciña de Cardeiro.

Mais ese “case” conforma o latexar do corazón de Galicia. No interior dunha terra verde atópase, entre o Tambre e varias carballeiras, Boimorto. Un lugar fillo daqueles que loitaron con sacho na man. Daqueles que se van, deixando pegada na terra traballada. Un pequeno concello que, dende hai tres anos, conta con menos de 2.000 habitantes. Veciños distribuídos en trece parroquias, Cardeiro unha delas.

Os que quedamos somos case todos vellos”. Na vila tan só hai 166 menores de vinte anos. Mentres que os maiores de sesenta supoñen máis de 880 veciños. Unha poboación envellecida que lembra os anos pasados do mellor dos xeitos. “Eses si que eran tempos”.

Imaxes de Flora no lavadoiro de Cardeiro. Fotografías por Alejandra B. Tojo 

Calquera momento era bo para se xuntar”. Levar as vacas ao monte, ir por auga a fonte ou mesmo lavar as prendas no lavadoiro. Malia a miseria e o duro traballo desfrutaban do momento, por pequeno que fose. “Igual estabas sachando na terra e había quen botase algunha cantiga”.

 Se queres que o carro cante  

móllalle o eixe no río

 e despois de ben mollado 

canta coma un asubío. 

Se queres que o carro cante 

compañeiro, meu veciño, 

se queres que o carro cante 

móllalle o eixe no río.

A carballeira da Mota. Fotografía por Alejandra B. Tojo

Abondaba o son que desprendía o eixo do carro. Unha melodía coñecida e comezaba calquera co cantar. Un xeito de facer amena a xornada marcada polo traballo. A cultura que se herda, que é preciso conservar. Un xeito de manter viva á xente que desfrutou, aínda que fose pouco tempo, da música tradicional.

LOITAR POR GARDAR A TRADICIÓN

Houbo quen se dedicou a investigar e recoller polos lugares os bailes e cantares propios de cada zona. Unha forma de protexer e evitar o esquecemento da arte popular galega: as recollidas. A xente vaise mais a música continúa, a cultura que une as xeracións co pasar dos anos.

En 1989 a editorial Galaxia edita o libro de Manuel Rico Verea: Cancioneiro popular das Terras do Tamarela. Un proxecto froito daqueles que resgardaron a cultura como o mellor dos tesouros na súa memoria.

O propio Concello relata que “o cancioneiro popular de Boimorto, comeza a tomar corpo  no ano 1978 a partir dunha experiencia pedagóxica realizada cos alumnos e alumnas do Colexio Público Armando Cotarelo Valledor. O obxectivo desta primeira recolleita era prestixia-la lingua, estudala e profundar nos recursos literarios que nos ofrecían as cantigas”.

Cantos para crianzas e vellos. Para desfrutar, para lembrar con señardade, para herdar con orgullo. A herdanza daqueles que marcharon co cantar nos beizos. Aqueles que sendo estrelas brillan construíndo o ritmo que harmoniza a vida dos que quedan. A herdanza dun pobo. Porque Pepa, tódolos boimortenses saben que o ferreiro vai fóra.

A Conrobla é a xornada de troula do concello. A frescura do bailar de verán. Unha foliada máis pero non unha calquera. En xullo, veciños e foráneos xúntanse para facer música, facer cultura. Unha romaría marcada polas ferreñas das pandeiretas e o son das gaitas na que mesmo participaron as Tanxugueiras ou Xabier Díaz. Unha festa que se veu afectada pola pandemia, mais lonxe de deixar de facela, “A Conrobliña” foi a solución o pasado ano.

Houbo outra iniciativa destacábel no concello que, por desgraza, xa non se realiza. O Certame de Cantares de Reis. A unión de cantareiros e cantareiras defendendo a música. Unhas pezas propias do Nadal como agasallo para a vila.

A LONGA NOITE DE PEDRA DO ENTROIDO

Lembra María Segade, unha veciña centenaria, que a música fora precisamente a culpábel do seu matrimonio. “O meu home cantaba, cantaba moi ben. E eu… bailaba”. É ela unha desas mulleres que empregan gran parte da súa memoria no resgardo da cultura.

Mª Carmen Barreiro pertence á Agrupación Folclórica Santiaguiños de Boimorto. Pódese dicir que é a cabeza visíbel dunha familia que une o amor pola música. Son moitas as xeracións que levan as verbas dos Santiaguiños gravadas a ferro nalgunha etapa da súa vida.

Ela tamén recolleu a tradición do lugar. A agrupación loita para que a cultura estea presente e continúe nun futuro. Un exemplo deste magnífico traballo materialízase na recuperación dun baile propio do entroido que se tinguira de negrura no ano 36, cando comezou a guerra.

A barbarie supuxo a fin deste baile en Boimorto, aínda que en parroquias como a de Dormeá conseguiu sobrevivir un pouco máis. “Hai 40 anos falounos do baile Ramón do Carmelo, un mutilado de guerra, dos últimos que o bailou. Tamén nos falou del María Segade, Teresa Seoane, Antonia e Alicia de Boimorto, as Juanitas de Dormeá, a Morena dos Ánxeles…”. Non eran moitos os que se lembraban do danzar, mais cada un deles supuxo unha peza do crebacabezas que saíu a luz no 2018.

Oitenta anos despois os boimortenses volveron vestirse de branco, colgaron do pescozo un feixe de colares, colocáronse os sombreiros floreados e abanearon as longas cintas de cores. Oitenta anos despois fíxose xustiza e volveu o baile de entroido á vila.

Tras oitenta anos os Santiaguiños bailaron o danzar propio do Entroido na vila. Imaxes do Facebook: Conrobla Conrobla Conrobla. Fotografías por José Vázquez (Cardelle)

Boimorto, ao igual que outros lugares, vai perdendo xente, perdendo tradición. É preciso evitar o esquecemento, espertar as ganas de coñecer e saborear a cultura propia. 

E xa para rematar, como se cantaba nalgún tempo, como se canta e como oxalá se cante, ao marchar das casas e tras pedir o aguinaldo:

Quédense con Dios señores

ata o ano que volvamos,

se para o ano non volvemos

que no ceo nos vexamos.

Leave a Reply