Si, non cabe dúbida de que consumir música, cine ou libros en versión orixinal é unha experiencia incomparable. Sempre e cando unha teña unha certa soltura no idioma en cuestión, obviamente. Descubrir que Reese Whitherspoon fala polo nariz, que Agatha Christie empregaba un inglés moi old school ou que o verdadeiro clímax de Terminator é “saionara, baby” constitúe unha pequena epifanía, un movemento de revelación absoluta que merece ser saboreado con calma.

Pero … e se unha é das que insiste en incluír o perfeccionamento (véxase aprendizaxe) dunha ou varias linguas estranxeiras na súa lista de propósitos para o ano novo confiando en que o papeliño –que rematará nalgún caixón, esquecido- se anime a obrar o milagre por si mesmo? Que acontece cando unha é unha inconstante alumna da escola de idiomas e tarda máis en aprender a rea de formas irregulares dos verbos en inglés que en conseguir un traballo fixo a xornada completa?

Moi sinxelo: que as editoriais galegas acoden ao rescate e propóñennos un tentador abano de traducións á nosa lingua de obras de éxito internacional. Poida que te sorprenda descubrir que están dispoñibles en galego autoras tan celebradas nos últimos tempos como Margaret Atwood ou Chimamanda Ngozie Adichie. Elas e outras voces de primeira fila forman parte desta selección de best sellers importados. A que agardas para lelos?

O hibisco púrpura,

Chimamanda Ngozie Adichie

(Rinoceronte Editora, 2017)

As conferencias TED converteron a Chimamanda Ngozie Adichie nunha figura global da defensa dos dereitos das mulleres e a crítica do pensamento eurocéntrico. A aparición da versión impresa de Todos teriamos que ser feministas (Sushi Books, 2017) pertence xa á categoría de obra de referencia actual, unha especie de manifesto do feminismo 3.0 para as masas citado coa mesma soltura por Beyonce e a directora creativa da maison Dior.

Mais non só de discursos comprometidos vive a escritora nixeriana. Entre a súa produción de ficción destaca O hibisco púrpura (Rinoceronte Editora, 2017), un arrepiante retrato do espertar á vida de Kambili e Jaja, dous irmáns sometidos a unha dobre tiranía: a do diñeiro, que os mantén illados dentro dunha burbulla de irrealidade; e a do fanatismo relixioso paterno, que bloquea calquera tentativa de saír dela. A irrupción da tía Ifeoma –instruída, progresista, independente, cultivada- abrirá unha pequena fenda pola que entrará primeiro unha lixeira brisa, logo un vendaval que alterará para sempre o inestable equilibrio do seu fogar. Definitivamente, un texto imprescindible para afondar un chisco na realidade social e política nixeriana contemporánea sen mediación da ollada estranxeira.

Oryx e Crake

Margaret Atwood

(Rinoceronte Editora, 2018)

2017 foi, sen dúbida, o ano da descuberta para o gran público de Margaret Atwood. O lanzamento da adaptación de The handmaid’s tale (1984) para a televisión feita pola cadea de pago HBO –recentemente emitida en España- trouxo á actualidade esta distopía arredor da condición feminina nun estado ultra-conservador e estimulou a reedición de boa parte da bibliografía da autora canadense. Tal e o caso de Oryx e Crake, orixinalmente publicada en 2003 e de cuxa tradución ao galego (Rinoceronte Editora, 2018) se encargou Estela Villar.

Botando man unha vez máis do recurso distópico para formular a súa crítica a determinados aspectos da nosa sociedade, Atwood  sitúase nun mundo post-apocalíptico para retratar a peregrinación por unha exuberante selva urbana de Jimmy, quizais o único humano supervivente. Á procura de respostas, verase asaltado por lembranzas dun pasado dominado por grandes corporacións, o illamento social e a experimentación xenética.

Doses de humor negro e unha extraordinaria lucidez completan esta novela inquietante, definida polos círculos literarios norteamericanos como unha parábola especialmente dirixida ao movemento contrario á globalización.   

O curioso incidente do can á media noite

Mark Haddon

(Rinoceronte Editora, 2017)

Clasificada como unha novela de fronteira (ou young adult, en inglés), o súper vendas de Mark Haddon transcende a dimensión literaria. Ao pouco de ser publicada, foi adaptada para o teatro musical e levada ás táboas do West End londiniense, onde conquistou ao público durante catro temporadas seguidas. E é que a historia de Christopher Boone (Rinoceronte Editora, 2017), un adolescente autista apaixonado polas ciencias e as matemáticas, cuxo maior pracer é recitar as capitais do mundo e os números primos ata o 7.507, é tan surrealista como emotiva.

A noite en que atopa a Wellington, o can da veciña, atravesado por unha forca de xardín, marca un antes e un despois na súa metódica rutina. Intrigado polo suceso, embárcase nunha investigación onde as peripecias –non sempre agradables- e os malentendidos estarán á orde do día. A través das anotacións que vai facendo, dálle forma a unha peculiar novela policial, poñendo en cuestión sen pretendelo a lóxica do universo que o rodea e as ideas recibidas sobre a súa propia familia. Velaquí un excelente relato onde as pílulas de humor nos axudan a avalar a necesaria reflexión arredor da diversidade funcional.

Fariña

Nacho Carretero

(Xerais, 2018)

Que erga a man quen aínda non tivese nas man o grande éxito editorial do ano (co permiso do incombustible Fernando Aramburu e a súa Patria). Despois de quedar temporalmente suspendida a súa comercialización e paralizada a súa publicación en galego, Fariña (Xerais, 2018) volve ocupar un lugar preeminente nas librarías de todo o país. O seu argumento é ben coñecido: trátase dunha crónica xornalística arredor do mundo do narcotráfico en Galicia e das grandes familias que o articularon e articulan.

Dos anos do contrabando de tabaco nas Rías Baixas á planificación e execución da Operación Nécora, Nacho Carretero leva a cabo un traballo de documentación que é digno herdeiro de La conexión gallega: del tabaco a la cocaína, de Perfecto Conde. Un poderoso recordatorio daqueles anos nos que a nosa terra estivo preto de se converter na Sicilia do Atlántico.

Cecilia F. Santomé

Cecilia F. Santomé

Nacín no ano de Orwell e pasei media infancia desexando ter lentes e un Scalextric. O karma castigoume cunha molesta hipermetropía e un carné de conducir sen coche á vista. Leo (moito), escribo (e publícanme!), fago preguntas raras. Pódeme a curiosidade.

Leave a Reply