Que Galicia está chea de marabillas naturais é unha verdade inegable. Que somos o berce do feismo é algo que pregoamos menos dos Ancares para fóra, pero do que é fácil decatarse paseando por calquera cidade ou pobo. Desde os famosos somiers-cancela, á retirada dos “inservibles” hórreos, ata unha sorprendente torre de 20 plantas no medio da Ría de Vigo.

 

Ás veces estes desvíos do bo facer débense á falta de sentido común, pero moitas outras á falta de información. A cantos metros da costa podo construír? Como deben ser os valados? Que podo facer para coidar os sistemas dunares? Cales son as cores e materiais podo usar na fachada da miña casa?

Para dicir “nunca máis” a estas aberracións a Xunta decidiu dar respostas nas Guías da Paisaxe Galega. Estes manuais levan sendo publicados desde o ano 2012 atendendo ás diferentes demandas sociais e ás necesidades que van xurdindo. Ata o momento xa se publicaron un total de 11, pero hai varias máis en proceso de elaboración e outras propostas que se están a valorar.

As guías conteñen información técnica e xurídica, aspectos lexislativos, estratéxicos e boas prácticas para a realización de melloras na paisaxe. O coidado das paisaxes naturais acapara gran parte dos volumes publicados. Atopamos a Guía Estudos de Impacto e Integración Paisaxística (2012), a ​​Guía de boas prácticas de intervención en sistemas praia-duna (2013), ​​Guía de caracterización e integración paisaxística de valados (2017) Outras, conteñen itinerarios de actuación para sectores produtivos específicos, como a acuicultura ou as actividades extractivas, coa intención de minimizar o seu impacto na paisaxe.  Por suposto, os nucleos urbanos forman tamén parte desta colección e nas guías atoparemos indicacións para mellorar o futuro dos centros urbanos, os espazos públicos, ou os núcleos rurais. 

Chama a atención a Guía de cor e materiais de Galicia (2017), un manual para a regulación do emprego da cor e os materiais de revestimentos arquitectónicos elaborado a partir da análise da arquitectura tradicional. A guía está pensada para ser aplicada nas paisaxes rurais e urbanas e o estudo no que se fundamenta permitiu dividir Galicia en 12 grandes áreas paisaxísticas.

 

A colección non deixa de crecer e a Consellería de medio ambiente, territorio e vivenda ten xa previstos catro novos títulos que publicará nos vindeiros anos:  Guía de boas prácticas sobre deseño e instalación de cartelaría comercial, Guía de boas prácticas para a integración na paisaxe das instalacións de abastecemento, Guía de recomendacións básicas para evitar o impacto na paisaxe das instalacións portuarias e Guía de recomendacións básicas para a integración paisaxística de parques empresariais. 

Estas guías resultan de máxima utilidade na xestión cotiá das oficinas técnicas dos Concellos de Galicia: na elaboración dos seus plans estratéxicos, convocatorias e axudas, e na definición de normativas. Porén, moitas das súas directrices poden resultar de interese e proveito para a cidadanía, que pode acceder a elas a través da web da Consellería

Leave a Reply