Estamos na época post-pandemia. Toda a cultura e educación están dominadas pola globalización e as modas. Toda??? Non!!! Pequenos e irreductibles proxectos resisten a invasión.

Na lupa sobre o mapa de Galicia vemos o Barrio das flores de Vigo. Aquí atopamos un pequeno proxecto que comeza no ano 2021 no CEIP Vicente Risco: Son das flores, unha orquestra infantil durante o horario extraescolar. As nenas e nenos aprenden a tocar un instrumento e a cantar. Grazas a isto desenvolven as súas capacidades e medran como persoas.

Soa moi ben, pero… que diferencia este proxecto doutras actividades extraescolares? Para descubrilo, Sandra Fernández, mestra de música do cole e creadora da orquestra, explicounos con moita paixón e alegría que é Son das Flores.

De onde nace a idea?

En primeiro lugar é preciso explicar cal é a situación social onde se enmarca o proxecto. Está situado nun barrio humilde da cidade e na escola atópanse familias con situación complexas. Ademais, os lugares de procedencia do alumnado son moi diversos (Galicia, Rumanía,  Venezuela, Ucraína, Paraguai, Perú, Senegal…), o que implica maiores dificultades para a inclusión social, xa que non se conta cunha rede de apoio e soporte no barrio.

Cando Sandra chega ó cole e observa esta situación ten a idea de pór en marcha unha actividade que permita transformar a realidade social do seu entorno.

A través da tele coñece a fundación española Acción por la música, que busca a transformación social a través da práctica musical en grupo. Baséase na metodoloxía do Sistema de Orquestas y Coros Juveniles e Infantiles de Venezuela do Mestre Abreu. Grazas á fundación, recíbese o apoio e orientacións necesarios para poñer en marcha a idea e seguir desenvolvéndoa na actualidade.

Como empeza?

Son das flores arranca no primeiro trimestre do curso 21-22 coa vontade de ser unha actividade aberta e gratuíta para todo o alumnado. Das, máis ou menos, 80 alumnas e alumnos de Primaria do centro, 40 anótanse á actividade!

Os encontros musicais comezan construíndo os instrumentos con papel e cartón. Cada nena e neno, coa axuda das familias e do profesorado, fabrica o seu material á vez que se familiariza coas súas partes, pezas e manexo. Ó tempo, practica e aprende cancións cantadas sobre diferentes conceptos: figuras musicais, notas, manexo dos instrumentos e os arcos, etc. Traballando sempre en grupo.

En marzo dan o seu primeiro concerto de cartón no cole, diante das compañeiras e familias. A partir de aquí, comezaron a traballar con instrumentos reais. Ollo! Conseguidos grazas á doazóns, polo que tamén foi necesario que o alumnado o compartise e se axudase.

A finais de curso Son das Flores dá o seu primeiro grande concerto no auditorio de Teis onde pode, por fin, mostrar todo o seu traballo e esforzo diante do público.

Cómo está indo?

Grazas á grande evolución do pasado curso, puido darse un pasiño máis. Neste puido obterse financiación grazas á colaboración desinteresada de particulares, alguna empresa e a Fundación Paideia. Isto permitiu contratar dous profesores especialistas de instrumento, que xunto co apoio do profesorado do centro e o equipo de persoas voluntarias, permitiu asentar o proxecto e comezar a pensar no futuro.

Comezouse con dous grupos. Por unha banda, unha orquestra real na que o alumnado do pasado curso puido continuar traballando a nivel máis avanzado. Pola outra, a orquestra de instrumentos de cartón na que o alumnado novo puido iniciarse. Dende xaneiro, unificáronse os dous grupos traballando con instrumentos reais. Isto permitiu afondar no traballo en grupo e cooperativo, así como na dimensión social desta grande orquestra.

A evolución do alumnado e do proxecto reflíctese na axenda da orquestra: inauguración do curso no Conservatorio Superior de Música de Vigo, concerto de Nadal no auditorio de Teis, aniversario de FOANPAS no Verbum, gravación dos coros dunha canción con Suso Valcárcel, a Festiña das Flores… E as que están por vir! Pois a axenda da orquestra nas próximas semanas está chea de concertos tanto na cidade como por fóra.

Cales son os plans de futuro?

É imprescindible lograr a permanencia no tempo e poder garantir a acollida a todo o alumnado que o necesite e, incluso, extenderse a outros centros educativos que tamén busquen transformar a súa realidade social.

Para o vindeiro curso hai dous propósitos principais. Entre os propósitos para o vindeiro curso están: crear un coro infantil, que permita complementar o traballo cos instrumentos; crear un banco de instrumentos para que o alumnado os poida usar en préstamo e evolucione ó ritmo que precise.

Como é posible que a música e a educación estean a transformar o barrio?

Porque ós beneficios da música se unen os do traballo en grupo. O alumnado pode desenvolverse integralmente como persoa, o que tamén permite transformar o seu entorno.

A música e o grupo son as ferramentas para desenvolver habilidades tan importantes como as de socialización, de comunicación, de convivencia ou a empatía. Tamén permiten o desenvolvemento do alumnado a nivel cognitivo e emocional. Axuda a mellorar a autoestima e a propia imaxe.

Isto abre á porta á transformación social. Como? Ofrecendo unha alternativa de ocio saudable no propio barrio. Debido á realidade social, gran parte do alumnado non tiña acceso a ningunha alternativa de ocio. Crear no entorno próximo unha actividade lúdica e educativa gratuíta permitiu o acceso real a un tempo de ocio diferente e facilitou as relacións do alumnado cos seus iguais. Todo nun espazo coñecido, cercano e seguro.

Son das flores está transformando o barrio. O proxecto ábrese a toda a comunidade: persoas e empresas que colaboran voluntariamente, entidades que permiten desenvolver o proxecto, os concertos que se dan… Ademais, a participación das familias do alumnado permite que se poidan relacionar e coñecerse, e tamén tecer redes de apoio. Isto axuda a crear esa cultura de barrio que se está a perder e comezar a romper as situacións de exclusión social.

Xuntámonos arredor da fogueira!

Parece que a invasión se está a conter… polo momento! Por se as moscas estaría ben coñecer un pouco máis toooooodo o traballo de Son das flores… Bótalle un ollo nas súas redes

Web: https://www.sondasflores.org/ 

Instagram: @sondasflores

Facebook: Son das Flores

Pablo Sobrino Nóvoa

Pablo Sobrino Nóvoa

Nacer no 91 ten as súas vantaxes, como pode desfrutar de toooodo o Xabarín Club. Despois das tardes de merenda e tele houbo que afrontar a terrible idea de chegar á adultez… Que se fai agora? De momento aprender todo o que poida das persoas pequenas, é que teño o mellor traballo do mundo: son mestre :)

Leave a Reply