O sábado 1 de setembro o persoal do hotel Attica 21 da Coruña espertou co bulicio habitual dunha convención. O olor a café acabado de facer, o camiñar lento asistentes máis madrugadores e as carreiras da xente detrás dos stands. E ata aí calquera parecido con calquera outra convención. As cartas de presentación dos invitados eran prints e banners cheos de caveiras, coitelos e aguias. E os únicos traxes que se viron foron xaponeses e de corpo completo. Dende a porta do salón de actos escoitabase o zunido dun exército de máquinas marcando un recordo para toda a vida sobre as peles dos asistentes. Acudimos a Old Navy Expo, a primeira convención de tatuaxe da Coruña, onde puidemos desfrutar co traballo en directo de máis de ciencuenta tatuadores, incluindo grandes nomes e estudios do Estado, como El Bara (True Love Tattoo, Madrid) ou Javi Castaño (Barcelona Electric), e outros grandes artistas locais como Pérez (Rock for light, Sada).
As convencións teñen unha longa tradición no mundo da tatuaxe. Naceron como punto de encontro entre artistas de diferentes cidades e países, nun mundo pre-dixital no que a tatuaxe era aínda unha arte e oficio perseguido e aínda (máis) incomprendido. Ed Hardy, unhas das figuras máis importantes da recuperación da tatuaxe tradicional, conta na súa autobiografía: “Todo o que sempre quixen facer é arte e ser un artista. Non quixen ser xulgado polo meu medio de expresión”. Hoxe as convencións seguen a xogar un papel fundamental para manter viva a cultura da tatuaxe. Fronte ao frío das redes sociais, reivindican o sentimento de comunidade e o amor por unha arte único. Despois da resaca do evento aproveitamos para falar coa organización e asistentes sobre unha fin de semana que quedará para o recordo na historia da tatuaxe en Galiza.
A ollada dos asistentes: José Perro (Classic Tattoo Spain) e Christian Silva (Semente Tatuaxe)
Classic Tattoo Spain, podcast é un dos podcasts de referencia sobre a cultura e a comunidade da tatuaxe no Estado. O seu equipo aproveitou a convención para gravar en directo un dos seus programas. José Perro (@dogtattoo), metade do equipo, achegounos a súa valoración: “Foi unha convención de dez, familiar e ben organizada. Era necesario que alguén empezara con este tipo de convencións en España. Esperamos que a xente doutras comunidades siga o exemplo. Gravar aquí foi todo un pracer, grazas á organización foi doado”. Non puidemos deixar escapar a ocasión, e preguntámoslles sobre como ven a escena da tatuaxe galega: “A escena en Galiza é moi boa, non só polos tatuadores, que é obvio. En España cada vez hai máis bos tatuadores en cada comunidade. Sobre todo, gustaríame destacar o público e a clientela que formaron. A xente en Galiza interesase pola tattoo, por coleccionar e pola calidade. Unha clientela así só se consegue tras anos de bo trato e boas tatuaxes. Parabéns a todos os tatuadores locais”.
Polos micros do podcast pasou Christian Silva (@csilva_t), a mente e mans detrás de Semente Tatuaxe (Cangas,@sementetatuaxe), un estudio fundado coa visión de manter viva e abrir a cultura da tatuaxe. As sensacións de Silva tamén foron moi positivas: “Destacaría como efecto positivo o feito de achegar unha visión máis realista e humana da tatuaxe a quen se achegou á convención. É un sopro de comunidade e alegría que fixo que non me puidera sentir máis orgulloso do gremio ao que teño a sorte de pertencer. Nun momento afogado pola cultura das guerras de prezos constantes, o vivido na primeira fin de semana na convención, achegou artistas reais con respecto e paixón polo seu oficio, dispostas a ofrecer a súa mellor habilidade en facer as mellores tatuaxes! Por outro lado, vin un público entusiasmado coa idea de poder vivir algo así na cidade. Quen estivo alí pode dar conta de que o que máis vías eran sorrisos de ledicia! Máis o ano que ven!”.
A experiencia detrás das agullas: Juan e Aldara (Too Tattoo)
Aldara (@aldaratattoo) e Juan (@junnikuyatattoo) son dúas das artistas locais que tatuaron na convención. Achegámonos a Too Tattoo, o estudio no que traballan, para coñecer como foi a experiencia detrás das agullas. Arranca Juan: “[A convención] estivo moi ben montada, realmente funcionou como unha convención. Para min non foi como outras que se organizan en España, que funcionan máis como un concurso para alimentar a competitividade e o ego dalgúns tatuadores. Isto foi máis unha quedada para os tatuadores, na que puidemos compartir as nosas experiencias e visión da tatuaxe. Agradécese moito que os postos non foran stands cerrados, ao final o noso traballo aliméntase tamén de compartir e ver como traballan outras persoas. Comparando con outras convencións ás que puiden ir, para ser un primeiro ano creo que funcionou moi ben. Achegouse moitisima xente, tanto tatuadores como público xeral sen cita, para mercar prints ou ver como tatuabamos”.
No caso da Aldara, tratábase da primeira vez que participaba nunha convención. “Ao principio estaba un pouco asustada, pero a experiencia foi moi boa. Tanto pola parte dos tatuadores como do público houbo moi bo rollo, realmente foi unha finde de compartir tempo entre tatuadores e clientes. Ao principio estabamos un pouco cagados”. Juan apunta: “Cando confirmamos a nosa participación só sabiamos que viñan El Bara e Marcos Ortega. Despois xa confirmaron a Gonzalo, Sinsentido, a xente de Classic Tattoo Spain, el Monga, ou Javi Castaño… xente que leva moitísimo tempo tatuando e que creou escola en España”. Aldata continúa: “A tenda na que traballamos é bastante caótica (risas). No verán temos moitos walk-ins, e moita xente pasando e ruído, así que o formato da convención non foi moito shock, estamos acostumados. Quizais o máis difícil foi a primeira tatuaxe, estaba un pouco abrumada por tantos estímulos (risas): máquinas ao lado, xente pasando… Pero estaba todo moi ben pensado e organizado. Unha vez rematei a primeira, o resto xa foi rodado. A xente foi bastante respectuosa e non invadía o noso espazo, se quería pasar ou achegarse a ti e preguntábache antes. Ao final fixen unhas once tatuaxes, tanto de xente con cita previa como xente que se animou durante a convención”.
Juan tamén valorou a asistencia de público e o impacto do evento na escena local: “A Coruña é unha cidade pequena, e á xente que lle gusta a tatuaxe tradicional os ubicas fácil, podes recoñecer o traballo de artistas de aquí. Na convención vin xente de fóra, con tatuaxes de artistas que non recoñecía. De feito, a semana anterior tivemos na tenda de guest a un tatuador de Granada que viu á convención, e tamén coñecemos xente que se achegou dende Madrid, Oviedo e Gijón. Coido que é unha data que a xente de Galiza vai ter marcada no calendario. Se isto se mantén no tempo, cvai continuar atraendo xente, tanto do panorama estatal como seguramente do internacional. O bo que ten o círculo da tatuaxe tradicional é que sempre hai bo rollo, non hai ese espírito competitivo. Creo que vai ser un antes e un despois para a tatuaxe na Coruña e Galiza. A nivel estatal, Galiza ten tatuadores de tradi moi potentes, e isto vai a axudar a asentalo aínda máis”.
Marko González (Frontline Tattoo): “Puxémonos mans á obra para montar algo que nos representase”
Detrás da loxística, organización e redes sociais do evento está a xente de Frontline Tattoo (A Coruña). Marko González e Raquel Barbeito contáronnos como xurdiu o proxecto e valoraron a súa acollida: “Old Navy Expo nace dun xeito contestatario. De aquí a uns anos vimos que empezaron a organizarse no Estado convencións que distaban bastante da nosa forma de entender a cultura da tatuaxe, así que puxémonos mans á obra para montar algo que nos representase. Quixemos celebralo xa no 2022, pero botousenos o tempo enriba. Quixemos facelo ben e intentamos ser autoesixentes, tiñamos unha idea moi clara de como queriamos organizalo. A organización levou máis dun ano, cuns últimos meses moi intensos. Custounos, pero a verdade é que estamos moi contentos. A acollida foi brutal e o público respondeu moi ben. Achegouse xente doutras partes e de fora Estado. Os tatuadores deron moi bo feedback do evento, houbo moi bo rollo e a xente traballou. Sendo a primeira edición, non podemos pedir máis. E por suposto vai haber máis edicións. Despois desta acollida, agardamos que sexa a primeira de moitas. A partires de novembro comezaremos a organizar a seguinte, caerá polas mesmas datas. Só podemos dar as grazas a todos os tatuadores e amigas que nos botaron unha man. Sen elas non poderiamos ter sacado isto adiante. Vémonos na próxima edición!”.
Podedes estar desfrutar do traballo dos artistas invitados nas redes sociais de @oldnavytattooexpo e estar atentos ás novidades sobre a convención na súa web www.frontlinetattoo.es/convencion/