A Rúa da Fonte de Santo Antonio é a encargada de acoller o trisco de arte que acubilla a cidade de Compostela, Galería DUPLA, un espazo que denantes fora unha tenda vegana e mesmo un salón de peiteado.

Ao pasar ao seu carón, coma se do enfornado dunha bola de pan se tratase, engaiola aos viandantes cun arrecendo a, neste caso, creatividade. E lembra a ese aroma forneiro porque, de xeito inconsciente, consegue que o bandullo sinta a necesidade de alimentarse. Pola súa banda, o que provoca DUPLA non é o fartamento do ventre, senón encher de ledicia o músculo latente, o corazón.

Marc Chagall, un dos artistas máis relevantes do vangardismo, dicía que “a arte é, sobre todo, un estado da alma”. “Para min a arte é un modo de vida, o vínculo que eu teño con ela é unha forma de estar no mundo”, resposta Lucía C. Suárez cando, de xeito atrevido, lle pregunto que significaba para ela este termo. E digo de forma ousada porque a arte pode, incluso, significar a nudez da persoa, un valor íntimo intrínseco á parte espiritual do ser humano.

Lucía estudou Historia da Arte en Santiago de Compostela, cidade onde abriu no ano 2017 Federica no era tonta, a súa primeira galería. O nome facía referencia á obra kafkiana de Eugenio Granell, pois segundo a galerista “Federica semellábase á arte contemporánea, ela era moi incomprendida pero ao final triunfou. Federica era o que queríamos que pasase coa galería”.

Mais non sempre estivo asentada neste vila, de feito houbo unha época na que residiu en Madrid. “Tomeimo como algo transitorio, tiña claro que quería volver”. A profesional da arte estaba segura do seu retorno á capital galega, mais non volvía soa, volvía cun proxecto da man, volvía con DUPLA.

En parella

“Na maioría dos casos hai dous artistas”, comenta a galerista. O nome da galería fai referencia ao que dentro se pode atopar, obras que se coñecen por vez primeira nese espazo, pois pertencen a dous profesionais diferentes. “É complexo facer que coincidan porque cada un ten as súas peculiaridades”, mais esta combinación provoca o enriquecemento da compaña, eleva o valor do exposto. “Hai outra diversidade, conséguese establecer un diálogo”.

Galegos, cataláns madrileños… Moitos de relevancia internacional e outros que están a dar os seus primeiros pasos nese mundo. “Temos artistas moi consagrados e artistas emerxentes” . A Galería DUPLA é un lugar que acolle, non só aos profesionais, senón a todo aquel predisposto a achegarse ao ámbito da arte. “Se acodes a un concerto non reparas en se entendes ou non entendes, vas e listo. Pois con isto igual”.

Na nenez

“Debemos colaborar con que os máis pequenos entren nas galerías, van ser os coleccionistas de mañá”, defende Lucía. “Teñen que ter unha relación absolutamente normalizada coas artes plásticas”. Este é un dos desafíos que dende DUPLA propoñen, é por isto que organizan obradoiros para que os nenos e nenas se acheguen a este ámbito artístico.

O feito de que os máis pequenos se aproximen á arte é fundamental para estimular a aprendizaxe, o desenvolvemento da percepción ou mesmo para a interacción social. Esta galería santiaguesa ofrece diferentes actividades para que os meniños desfruten da creatividade ao mesmo tempo que se benefician dela.

“Os obradoiros son temáticos, depende das técnicas que empreguen os artistas que se están a expoñer no momento”. Non son talleres fixos, senón que varían as actividades dependendo dos proxectos presentes na galería nese intre. “O caso é achegar as técnicas e os artistas á sociedade”.

O feito de que os máis pequenos se aproximen á arte é fundamental para estimular a aprendizaxe, o desenvolvemento da percepción ou mesmo para a interacción social. 

A costela de Adán

Durante mes e medio DUPLA acollerá aos artistas María Hesse e David Fidalgo. A ilustradora e o animador serán os encargados de encher a galería de arte nesta tempada. A costela de Adán” é o nome da mostra que, dende o 5 de maio, se pode visitar neste espazo.

Persoeiros como Lilith ou Pandora estarán en Compostela da man da andaluza. Hesse conta cun longo percorrido de logros ás súas costas. Traballou para a editorial Edelvives, ademais de ilustrar en revistas como Jot Down ou Glamour, e mesmo colaborar con diversas marcas, Brugal ou Martini entre elas.

Pola súa banda, Fidalgo vén de gañar un Mestre Mateo por Sandwich Cat, unha curtametraxe de animación. É o responsábel doutras curtas como Cartas a Superman ou Homomaquia, nominado aos Premios Goya.

Mais como non existen palabras para definir as obras que en DUPLA se están a expoñer, deixámosvos unha mostra de imaxes e o convite de vivir esta experiencia en primeira persoa.

Leave a Reply