A non ser que quedases traumatizad@ polas absurdas peripecias nocturnas de Ben Stiller como Larry Daley en Unha noite no museo e dende 2006 te negues por sistema a volver poñer un pé dentro dun a partir de certas horas, é posible que o 18 de maio  de cada ano estea sinalado na túa axenda cunha explosión de cor. O declarado Día Internacional dos Museos é a nova gran cita para amantes da cultura en formato ortodoxo, capsular, canonizada e ben presentada. As colas e aglomeracións das antigas rebaixas de xaneiro e xullo palidecen agora diante do furor que esperta a posibilidade de contemplar de preto un Picasso, un Giacometti, unha vaixela de Sèvres pertencente a tal ou cal maxestade, unha venus paleolítica ou un torques de ouro… gratis! Por se es d@s previsorxs que comezan a trazar un plan para a seguinte edición nada máis abrir os ollos despois de vivir unha Noite en Branco, aquí van algunhas suculentas suxestións. O mellor? Están todas a tiro.

 

Casa-Museo Emilia Pardo Bazán

Polo número 11 da rúa Tabernas (entón, o cinco) da Coruña correu –ou camiñou ben erguida, como correspondía ás nenas da súa clase- Emilia Pardo Bazán. Alí viviu cos seus pais e despois de casar con José Quiroga y Pérez de Deza, naceron os seus tres fillos, celebrou recepcións e faladoiros literarios. En 1956, tres décadas despois do pasamento da condesa, as súas herdeiras doáronlle a vivenda á Real Academia Galega co compromiso de manter viva a memoria daquela. Algúns elementos do mobiliario orixinal, servizos de mesa, imaxes relixiosas ou fotografías familiares ocupan agora o espazo do segundo andar. A carón deles, unha exposición reconstrúe as relacións literarias de Pardo Bazán.

Tip: Busca un pequeno grupo de xente que te acompañe e teredes unha visita guiada gratuíta. A colección de anécdotas que vos contarán paga a pena!

Museo Universitario A Domus do Mitreo

Esquece Mérida, Segóbriga, Tarragona. Para somerxerte no pasado romano da nosa terra non tes máis que dar unha volta por Lugo. E é que nos últimos anos, a arqueoloxía urbana atopou nesta cidade un filón inesgotable. Para mostra, os restos hoxe musealizados dunha magnífica domus situada nas inmediacións da actual catedral e que contiña no seu interior un espazo de culto dedicado ao deus persa Mitra. A Domus do Mitreo conserva fragmentos das pinturas murais orixinais, pezas de cerámica, moedas, xoias e xogos infantís. E no medio e medio do seu patio érguese… un anaco da muralla. Como pode ser iso? Terás que visitala para descubrilo…

Tip: Aproveita o verán para coñecer este museo. As baixas temperaturas e a elevada humidade no xacemento fan del un destino cultural ideal en plena vaga de calor.

Museo do humor

Non, non é unha broma –perfectamente admisible neste contexto-: existe un Museo do humor e está en Fene. Xaquín Marín e Siro López foron os seus promotores, preocupados alá pola década dos 80 polo declive da retranca galega no espazo público. En 1983, lanzaron a mostra itinerante “En defensa do humor”, e, un ano máis tarde, o concello de Fene embarcouse no proxecto de ofrecerlle un espazo estable. Coa colaboración de ilustradores e humoristas gráficos galegos foi enchéndose de sentido ata chegar aos seus 300 orixinais actuais. Dende os propios Xaquín Marín e Siro ata Reimundo Patiño, Quesada ou Forxán, pasando pola nova xeración con Luís Davila, Pinto&Chinto, Andrés Meixide, Kiko Dasilva, Leandro Barea ou Miguelanxo Prado o  humor en toda a súa extensión está aquí presente.

Tip: Porque non só da colección permanente vive este museo, non perdas de vista a súa axenda. Poderás asistir, por exemplo, a charlas e a ciclos de monólogos.

Museo de Historia Natural da USC

Hai algo na propia natureza dos gabinetes científicos do século XIX que os fai fascinantes. Ese interese por recoller, observar, analizar, catalogar e explicar fenómenos, formas, materiais e criaturas devólvenos de xeito invariable aos tempos das grandes exploracións, a Darwin e o Beagle, ao coñecemento científico como aspiración suprema. Un espírito que aínda hoxe alimenta o Museo de Historia Natural, herdeiro do Gabinete de Historial Natural creado en 1840 con coleccións orientadas á docencia universitaria. Sen dúbida, un lugar imprescindible para coñecer de preto a fauna, a flora e o terreo no que nos movemos.

Tip: Se es afeccionad@ á materia, non perdas a ocasión de visitar a súa colección de modelos cristalográficos en madeira única en España.

Cecilia F. Santomé

Cecilia F. Santomé

Nacín no ano de Orwell e pasei media infancia desexando ter lentes e un Scalextric. O karma castigoume cunha molesta hipermetropía e un carné de conducir sen coche á vista. Leo (moito), escribo (e publícanme!), fago preguntas raras. Pódeme a curiosidade.

Leave a Reply