Todos os días vemos letras, en todas partes. Están nos nosos libros, nos cartaces que vemos pola rúa, nos rótulos deses garaxes antigos, na túa computadora… En calquera sitio ao que dirixas a vista, case. Todas esas letras significan deseñadores de tipos, rotulistas, fundicións tipográficas, que traballaron durante meses e quizáis anos para que esas letras visen a luz. O mundo das letras, e refírome á tipografía, é un mundo extenso, cheo de posibilidades e diferentes visións, unha arte comunicativa única. Pero hoxe imos a falar dunha visión en concreto e dun nome xa coñecido entre todos os apaixonados da tipografía en Galicia, María Ramos.

Comezou estudando publicidade, pero os derroteiros da vida leváronna a interesarse polo deseño dende a universidade. Agora é un nome no mundo da tipografía, unha muller cunha traxectoria excelente e un traballo con significado. Xunto ao seu compañeiro Noel Pretorius levan a fundición tipográfica dixital NM Type, creadores de diversas tipografías, un dos seus últimos traballos sendo a Xunta Sans. A primeira vez que escoitei a María Ramos na EASD Pablo Picasso, fascinoume todo o que tiña que aportar as novas xeracións de deseñadores. Tivemos a posibilidade de falar con ela co fin de que nos contase un pouco máis sobre a súa fundición dixital, e tamén sobre a súa propia traxectoria profesional.

Como comeza o proxecto de NM Type?
Xurdiu en Inglaterra, porque tanto Noel coma eu estudamos un mestrado de tipografía na Universidade de Reading. Alí nos coñecemos e nos metimos máis neste mundo do deseño de tipografías. Houbo unha conexión porque as nosas ideas se complementaban bastante,  tamén xurdiu unha amizade, pensamos que estaría ben, no futuro, poder facer algo xuntos.

Cando falabamos desta idea pensabamos facer un proxecto e non tiñamos a idea de crear un estudio. Rematou o curso e cando eu voltei a Galicia e Noel a Suecia comezamos un proxecto conxunto de tipografía. Segundo iamos avanzando pensabamos como distribuir esta tipografía. Ainda que chegamos a contactar con algún estudio tiñamos moi claro como queríamos publicala e presentala, e tendo en conta que ambos tiñamos experiencia en publicidade, decidimos facelo nós mesmos. Así foi como xurdiu NM Type.

Cal foi o voso proxecto máis desafiante?
En canto a prazo diría que Movement, tamén era un proxecto moi importante para nos a nivel de exposición e difusión. Foi unha tipografía que se fixo nun prazo moi curto, e ademáis, foi un proceso moi complexo xa que parte do equipo estaba moi lonxe, en Sudáfrica. O proxecto arrincou depois de poñernos en contacto co bailarín e ter o primeiro material no mes de outubro/novembro. Tiñamos aproximadamente tres meses para desenvolver a fonte xa que o lanzamento era en febreiro. Había que facer a web, todos os materias… Foi unha loucura, pero mereceu a pena.

En canto ao nivel de responsabilidade, e isto falo a nivel personal, a Xunta Sans, sen dúbida. Foi unha tipografía que ia a ter un uso moi específico, que tiña que funcionar si ou si en sistemas moi diversos e tamén en formatos moi distintos. Íase usar moito e por moita xente diferente, e ademais tiña que ser o suficientemente sinxela para ter unha boa comunicación. Esta tipografía en concreto é case un servizo público, ao ser unha tipografía pública e para un organismo público.

Que dirías que caracteriza máis o voso traballo?
En todos os nosos proxectos de tipografía é moi importante o concepto e a historia. Creo que un pouco pola nosa traxectoria profesional. Eu estudei publicidade e Noel tamén traballou moito neste campo, e nese mundo é moi importante que todo teña unha historia. Por iso creo que é un dos punto que temos bastante definidos. Tamén somos apaixonados da arte e moitas influencias veñen de alí.

Como funciona o equipo á hora de crear unha tipografía?
Os dous estamos involucrados na fase de deseño. Partimos dun traballo en paralelo: primeiro unha fase de investigación, despois facemos unha posta en común para ver onde se dirixe o deseño, realizamos bosquexos a man para definir e orientar, e depois comezamos a traballar no deseño dixital. É certo que unha vez que o deseño está definido escollemos os caracteres nos que vai a traballar cada un. A tipografía é un pouco dar moitas voltas ao que xa tes creado para poder perfeccionar. É moi importante escoitar ao outro e así entender as súas decisións de deseño.

Como comezaches ti no mundo da tipografía?
Ainda que estudei publicidade, cando comecei a traballar foi en deseño. Na carreira, segundo iban xurdindo diferentes asignaturas vinculandas ao deseño, dinme conta de que era o que máis me gustaba. Traballei en varios estudios, fixen publicidade, web, gráfica, identidades… E traballei moitos anos nunha editorial, estando sempre en contacto coa tipografía, e o certo é que era o que máis me gustaba. Isto serviume moito para comezar a formarme xa cun transfondo de usuaria habitual da tipografía. Na propia editorial comecei a buscar, ler libros, tutoriais online, e comecei a experimentar e a facer o que eu chamo os meus primeiros “monstruos tipográficos”. Ao final era un pouco ir buscando por Internet onde poder aprender máis. E así tamén foi como atopei o camiño para o meu cambio de traxectoria profesional.

Que é para ti tipografía?
A tipografía para min a nivel persoal supuxo un cambio, decidín deixar o meu traballo e comecei de cero outra vez. É unha paixón e unha forma de vida, unha descuberta. O que significa para min a tipografía a nivel xeral é que é algo esencial nas nosas vidas. Estamos rodeados de tipografía en todos lados. Ao final é unha canle de comunicación e tamén a forma que adoptan os textos. Creo que debería haber máis educación en canto a tipografía, porque é algo imprescindible para a comunicación pero tamén para a sociedade.

Eres máis de traballo en dixital ou de traballo en analóxico?
Teño un vínculo especial co analóxico, preciso facer os meus bosquexos a man, e penso que é por como medrei, unha infancia e adolescencia sen apenas contacto co dixital. O ordenador foi unha ferramenta que comecei a usar aos 16 anos. Creo que facer as cousas a man permíteme ter unha conexión máis directa co que estou facendo. O dixital ten unha parte moi matemática que para min non permite a fluidez do feito a man.

No mundo da tipografía hai nomes masculinos moi coñecidos, pero non tantos femininos, cres que o feito de ser muller afectou dalgunha forma a túa traxectoria profesional?
O certo é que ainda estou nos comezos da miña carreira profesional como tal. Pode que no futuro isto sexa diferente, pero afortunadamente ser muller non supuxo ou non percibín grandes trabas. O desequilibrio de xénero, que obviamente existe, tamén en tipografía, vese reforzado senón pola maior visibilidade que teñen os homes. As mulleres temos que facer un esforzo extra para facernos visibles. Tiven sorte tamén de encontrar Alphabettes, unha comunidade de mulleres que traballan en tipografía, caligrafía, lettering… Axudoume moito dende o comezo porque compartes experiencias con mulleres que viven en moitas partes diferentes do mundo, con outras perspectivas. Ao igual que esta iniciativa existen moitas outras, imos gañando visibilidade, pero aínda queda moito por facer. Agardemos que isto supoña un cambio e un xiro para que dentro dunha década non teñamos que falar desta diferencia.

Ao longo da túa carreira, cal foi o proxecto que máis desfrutaches?
Eu diría que, polo que supuxo, a máis especial para min foi Kinetic, foi un proxecto que fixemos con moito mimo, e ainda hoxe a vexo e sigo vendoa como un bo proxecto. Fixemos moito empaquetado da propia tipografía, a páxina web, unha aplicación, a peza móbil que representaba a inspiración…

Como definirías o teu cliente ideal?
Penso que para estar a gusto con un cliente e sacar o maior rendemento dun proxecto, é esencial que tanto ti coma o cliente saibades escoitar. O cliente tamén ten que saber comunicar e axudarche a procurar o camiño, tendo en conta as súas necesidades e o que quere contar. Ten que ser un proceso de aprendizaxe mutuo. Ao final cando estás cómodo traballando nun proxecto este vai mellor.

A finais de 2020 anunciabades catro tipografías que sairían no ano 2021. Cómo fas para compaxinar os proxectos de NM Type e os teus propios proxetos?
Estas catro tipografías en realidade foron proxectos de longo tempo de desenvolvemento. Eran proxectos de 2019 a 2020. Por exemplo, no caso de Holmen desenvolveuse en dúas partes (porque fixemos dous pesos diferentes para a tipografía). Unha primeira parte foi en 2019 e a outra en 2020, entón houbo moito parón polo medio. Digamos que o anuncio foi máis no sentido de “por fin podemos publicar estas tipografías”.

Para organizarme a nivel de traballo, teño que priorizar en determinados momentos certos proxectos, ter constancia e tamén traballar pola mañá e pola tarde en cousas diferentes, así durante o descanso ao mediodía podo cambiar o chip. Escribo moitas notas, listas, cousas por facer…

Terías algunha recomendación de curso ou medio para xente que está comezando na tipografía?
Se algo axudou a pandemia foi a que xurdiran moitos máis cursos online, o cal posibilita que moitas formacións e profesorado ao que antes non tiñas acceso sexa agora accesible. O que suxeriría sería moita lectura, por exemplo Cómo crear tipografías de Laura Meseguer, Cristóbal Henestrosa e José Scaglione ou Diseñar tipografías de Karen Cheng (que é máis unha referencia visual). Pero non só lectura de libros, senon que tamén podemos atopar blogs, páxinas web, ou seguir a xente que está no mundo da tipografía. Hai moitas canles polas cales aprender tipografía. Non existe unha única vía.

Como última reflexión dicir que nunca se deixa de aprender, e isto aplícase a moitas disciplinas diferentes, pero o mundo da tipografía é unha constante aprendizaxe. Hai que seguir aprendendo de diferentes partes, seguir practicando e coñecendo. Nunca sabes suficiente.

 

O certo é que ningún camiño é sinxelo (menos gañar a lotería), pero para a maioría de humanos o traballo, a constancia e tamén un pouco de sorte son esenciais para poder atopar o teu lugar. En cada tipo hai unha persoa, e non pararán de surxir novas. Esperemos que moitos outros tipógrafos atopen o seu camiño entre letras e nos sorprendan cos seus proxectos, como María Ramos.

 

Mariana Aravena

Mariana Aravena

Mariana Aravena

Nací en el 97, en el limbo de millennials y centennials, mi superporder por ello es tener un humor que, por momentos, solo yo entiendo. Como todos los niños, pasaba el día con un lápiz y papel en la mano, La única diferencia es que nunca lo solté, y con el hago muchas cosas como dibujar, diseñar o escribir. Trabajo en el mundo del diseño y la ilustración, la gran consecuencia es que siempre juzgo los libros por sus portadas.

Leave a Reply