Un mundo onde cabe a experimentación, a diversión e o método; onde cuestionar está a orde do día, pero tamén crear novas realidades a través das narrativas dos seus deseños. Desaprender para volver a aprender é o principio que fai que Cibrán Rico López e Suso Vázquez Gómez fundasen no ano 2008 este inquedo estudo de deseño chamado desescribir. No ano 2012, fundan tamén Fabulatorio, a súa editorial independente especializada en arte, deseño e cultura visual, traéndonos libros tan novedosos como kleinigkeiten/cousiñas de María Reimóndez ou Boas noites de Jesús Madriñán.
Desenvolvendo proxectos de deseño, foron recoñecidos con diferentes premios, como poden ser os seus 14 LAUS do ADG-FAD (Barcelona), 2 D&AD Awards (Londres), 3 Premios Paraugas do Clúster de Comunicación de Galicia e o Premio PhotoEspaña 2014 (Madrid). E tamén sorprendéronnos co “feliz recado” da selección de dous dos seus traballos nos Tokyo Type Directors Awards, en concreto falamos do impactante póster do filme Ons e o increíble libro Towards the sun de Regina Gímenez. Hoxe veñen a contarnos un pouco máis sobre a súa historia e os seus proxectos, deixándonos entrar neste mundo desaprendido.
10º Memorial Manuel Texo. Concurso de grupos de música tradicional. Santa Cruz de Ribadulla, 2007.
Cómo comeza desescribir como estudio?
Desescribir comezou sen decatarnos. Desescribir foi o nome que lle puxemos a unha revista que editamos e deseñamos sendo estudantes de arquitectura, e que recollía inquedanzas moi semellantes as que nos roldan na cabeza a día de hoxe: desaprender para volver a aprender, experimentar con formatos e contidos, investigar sobre o noso contexto máis próximo, poñer en relación diferentes disciplinas e campos de coñecemento… Ao rematar a carreira, e despois de traballar en diferentes estudios de arquitectura, recuperamos esa palabra para poñerlle nome ao noso propio proxecto. E é no ano 2008 onde desescribir se convirte, finalmente, nun estudio de deseño profesional.
Cando comeza a xurdir o voso interese polo deseño?
Ese interese xurde como estudantes de arquitectura, aínda que de maneira inconsciente. Algúns profesores da ETSAC [Escola Técnica Superior de Arquitectura de A Coruña] tiñan unha visión o suficientemente formada, crítica e contemporánea como para entender a arquitectura dunha maneira ampla. Un dos primeiros exercicios que lembramos foi o de deseñar un alfabeto e un logotipo para a universidade. De maneira moito máis consciente, anos despois, un amigo encargounos uns carteis para un concurso de música tradicional en Santa Cruz de Ribadulla… e aí comezamos a deseñar e a estudar de novo.
Sendo os dous arquitectos de formación, como influencia isto no voso traballo actual?
Dende unha perspectiva metodolóxica a arquitectura e o deseño comparten algo fundamental: a capacidade de pensar globalmente para acabar ofrecendo unha solución específica. Son procesos moi semellantes que hai que desenvolver con coñecementos propios de cada disciplina. A nosa preocupación pola construción do libro, polos aspectos máis técnicos e polos procesos de produción —máis alá da cuestión gráfica—, pode ser o resultado da nosa formación como arquitectos. Porén, a día de hoxe, das aprendizaxes que máis valoramos foi a formación en historia da arquitectura e aos profesores que nos fixeron entender a súa importancia.
Máis concretamente, a nosa formación permítenos afondar con criterio nas publicacións sobre arquitectura. En moitos casos, ademais de deseñadores, somos editores ou asistentes editoriais. Así fixemos en publicacións como Altres Glòries para dpr Barcelona, o libro dos Premios de Arquitectura Ascensores Enor, a revista Archives, os libros que deseñamos para Washington University dos EEUU ou o recente libro sobre o arquitecto Fernando Blanco.
Ao longo do tempo conseguistes crear unha biblioteca visual e editorial moi interesante en 80magazine, que vos impulsou a comezar este blog?
80magazine é un proxecto case da nosa «prehistoria». A idea fundamental era compartir o coñecemento acumulado das cousas que iamos descubrindo no proceso de formación e investigación sobre a historia do deseño. Ese interese pola historia do deseño levounos, case de maneira accidental, a acabar conformando unha colección de pezas de deseño, humilde, pero con varias pezas moi singulares. Por desgraza, a falta de tempo e a caducidade dos formatos na rede, fixo que 80magazine esmorecese. Esa vontade de divulgación tentamos continuala de vez en cando con pequenos fíos na nosa conta de Twitter e con futuras publicacións sobre deseño que verán a luz na nosa editorial Fabulatorio o ano que vén.
Cal é o voso deseño editorial máis experimental, ou o qué máis sae de norma?
En todos os proxectos que desenvolvemos no estudio sempre hai algo de experimental, no sentido de búsqueda, de investigar en novas ideas. O contexto sempre varía —aínda que sexa só en matices—, e sempre temos a sensación de ter algo novo que resolver. Dende esa actitude afrontamos todos os proxectos. Ben é certo que en Fabulatorio somos máis libres porque somos os editores —ademais dos deseñadores—, e os recursos para a produción dos libros son os nosos. Sempre decimos que Fabulatorio é o laboratorio de desescribir.
Se poidérades redeseñar calquera libro ou saga de libros, cal escolleríades?
Fantaseamos con dous escenarios. Por unha banda, encantaríanos poder deseñar unha colección de libros de peto de literatura galega. Noutro ámbito, e agora que os nosos nenos están comezando na escola, temos a impresión de que imos sentir unha certa frustación cos seus libros de texto.
Cal foi o voso experimento en deseño máis divertido ou co resultado máis curioso?
No estudio sempre nos divertimos traballando. Gústanos o noso traballo e gozamos con el. Sempre que chegamos a un resultado, a un deseño determinado, facémolo pensando na persoa que se vai a enfrontar a el. Tentamos que o noso deseño sempre teña vontade de comunicar algo, de interpelar á lectora ou ao lector. Esa comunicación agocha sempre algo de lúdico, de xogo.
Isto fíxose moi patente nun folleto que deseñamos para o Festival Jazz Mariñas no ano 2009. Seguindo unhas doadas instrucións e só pregando o papel do folleto, calquera podía construír unha trompeta… que soaba! Nunha pequena charla, repartimos os flyers entre os asistentes e tocamos todos como unha Big Band!
Carteis SELIC. Semana do libro de Compostela. 2018
Voltastes a deseñar a identidade visual do SELIC (Semana do Libro de Compostela) este ano 2021, cales foron as vosas inspiracións para esta proposta?
Este ano, a SELIC mudou de fórmula e, baixo a dirección de Camilo Franco, o festival deixa de centrarse no libro coma obxecto para focalizase no proceso de lectura. Para o deseño da gráfica, traballamos coa idea da lectura «activa», emprengado como referencia visual as marcas e garabatos que facemos cando queremos remarcar unha frase, párrafo, palabra, idea, etc. A SELIC é un traballo ao que lle temos un afecto especial: arrancamos con el dende a súa primeira edición e sentímonos moi identificados coa vontade do Concello de Compostela de organizar un festival que transcenda o formato máis convencional de feira. Cando comezamos, na primeira encarga do ano 2017, propuxemos editar uns libriños de peto moi humildes para agasallar aos visitantes, tomando como referencia uns libros que editaba Alianza cando éramos mozos e que valían 100 pesetas. Ao longo de varias edicións imprimíronse miles de exemplares nun esforzo de difusión da literatura galega pouco común. A SELIC é un traballo, ademáis, que nos ten dado moitas alegrías profesionais. As gráficas de diferentes edicións teñen sido galardoadas en varios certames de deseño, e os carteis que deseñamos para edición do 2018 foron recoñecidos cun LAUS de ouro nos Premios Laus que organiza o ADG-FAD.
Cando e por que nace a necesidade de fundar Fabulatorio?
Fabulatorio nace na primavera do 2012 por diferentes motivos. Mesturábanse, por unha banda, as ganas de poder desenvolver con máis profundidade a nosa faceta de editores e de experimentar na relación contido-forma do libro. Queriamos comprobar tamén que resultados poderíamos acadar pensando os libros dunha maneira transversal, dende a súa concepción ata a súa produción final. Tiñamos, por último, a vontade de publicar a profesionais do noso arredor cun traballo de gran calidade. Facer libros de «cultura visual» como non se tiñan feito aínda no noso país. Todo isto, producindo de maneira responsable sempre en Galicia.
Boas Noites. Jesús Madriñan. Fabulatorio, 2015.
Iremos al sol / Towards the sun. Regina Gimenez. Fabulatorio, 2021. O libro Iremos al sol foi recentemente seleccionado nos Tokyo Type Directors Awards de Xapón ao mellor deseño de libro do ano 2021.
Cal foi o libro máis desafiante que deseñastes ou editastes?
Cada novo traballo, polo de agora (e por sorte), segue sendo un desafío. Por falar do último traballo que sacamos do prelo, vimos de editar en Fabulatorio, en colaboración coa Fundación Luis Seoane, o catálogo da exposición TAPAS, unha selección de cubertas singulares de libros editados nos últimos anos en Galicia e España, cun foco especial en libros de fotografía e libros de artista. Os catálogos sobre libros teñen, case sempre, o problema de que os libros se mostran «desnaturalizados», a un tamaño reducido. Pensando na maneira de solucionar iso, e investigando nun formato de impresión económico, ocorreusenos a idea de imprimir o catálogo en rotativa, en formato tabloide —o mesmo formato que o New York Times ou o do antigo The Guardian— para que os libros aparezan reproducidos ao seu tamaño real. Dalgunha maneira, cando adquires o catálogo, é como levar a exposición para a túa casa.
Qué libros recomendáriades a persoas apaixonadas polo deseño editorial?
Recomendaríamos ler. Ler todo tipo de libros. Ter a maior bagaxe posible coma lector ou lectora. A partir de aí, tentar facerse con libros dos deseñadores que supuxeron algo na historia do deseño, para estudalos, ou case máis ben escudriñalos. Catro títulos que nos parecen imprescindibles: Canon de Massimo Vignelli (editado por Lars Müller); Designing Books: Practice and Theory de Jost Hochuli (editado por Hyphen Press e con edición en castelán publicada por Campgràfic); Typographie de Emil Ruder (editado por Niggli e publicado en castelán por Gustavo Gili na fantástica colección que impulsou Yves Zimmermann, un antigo alumno do propio Ruder en Basilea) e Tipografía Moderna de Robin Kinross (editado por Hyphen Press con edición en castelán tamén en Campgràfic).
Tendes algún novo proxecto entre mans do que nos poidades compartir un adianto?
No 2022 imos publicar con Fabulatorio o noso primeiro título sobre deseño, en concreto, sobre a historia do deseño en Galicia. É o resultado dun proxecto de investigación de varios anos sobre a nosa historia gráfica e que desenvolvimos, dende o comezo, en colaboración con Marcos Dopico. O certo é que estamos moi ilusionados con este proxecto porque, ademáis do libro, o proxecto adoptará tamén un formato expositivo. Cremos que xa en breve poderemos compartir máis información e detalles. Estamos ademáis rematando de deseñar un catálogo, que tamén publicaremos en Fabulatorio en colaboración coa Sala do Canal Isabel II, para acompañar a exposición retrospectiva da obra do fotógrafo Vari Caramés que terá lugar en febreiro do ano vindeiro, en Madrid. A Vari, ademáis de admiralo moitísimo, únenos unha relación de afecto de moitos anos. Sempre dicimos que con Vari aprendimos a mirar a fotografía. É un proxecto moi especial para nós.
Arquitectos de formación, deseñadores de profesión e desescritores de vocación. Este dúo de deseño danos a oportunidade de observar a través de perspectivas inimaxinadas grazas aos seus traballos, abrindo así as portas da experimentación a todos nós, que debemos e deberíamos cuestionar e explorar, coma se nunca deixásemos de ser nenos.