Unha casa da praza do Concello de Navia de Suarna está habitada dende hai mes e medio por un grupo de xente que anda a entrevistar a toda canta persoa atopan. Chegaron cunha idea entre mans, pero tamén co convencemento de que alí estaba todo por definir.
A comarca dos Ancares está formada por 6 concellos: Navia de Suarna, Becerreá, As Nogais, Cervantes, Baralla e Pedrafita do Cebreiro. En cada un destes lugares, o equipo formado por José Díaz, Iria Acevedo, Marcos PTT, María Lado, Aser Álvarez, Avelina Pérez e Clara Gayo está construíndo unha historia.
“Audiopaseo rima con museo” di José Díaz. É verdade. Non é unha guía o que pretenden facer, nin un traballo científico. En cada unha das localizacións escollidas para xerar estas pezas amoréanse séculos de historia. Pero sobre todo de memorias, sensacións e vivencias persoais das habitantes deste recuncho de Galicia que non deixa de perder poboación.
“Se a tendencia demográfica non muda, en 30 anos non quedará niguén na comarca”. O illamento da zona ata os anos 60 xerou un xeito de vida comunitario, que hoxe cobra aínda máis sentido ante a necesidade de manter unha rede de coidados a medida que as veciñas van desaparecendo. Son estes coidados, entre persoas e coa natureza, unha parte primordial da identidade da comarca. As historias persoais, as alegrías e as perdas que a veciñanza está a compartir co equipo serán a base para construír estes itinerarios emocionais.

Os Andares

A memoria que están recollendo “é moi longa”. Igual que a historia natural que explica este territorio. Os Andares lévannos a camiñar, pero tamén a diferentes capas. Capas de altura física, algo moi acaído nunha paisaxe de montaña; e capas de Historia, nas que a presenza humana é so unha pequena parte. Dende un lago glaciar en Pedrafita ata a xente nova con proxectos de futuro nas aldeas de Navia, os andares convidan a un percorrido no espazo e no tempo. Intentando fuxir de todo pensamento colonial e exotizador, os itinerarios están configurados arredor da historia dos habitantes, pero recollidos e procesados por poetas e dramaturgas, co obxectivo de xerar un produto artístico no que a xente se vexa recoñecida.

 

“Vimos do mundo da arte. A nosa idea é que toda a xente se sinta representada e lanzar unha mensaxe positiva, esperanzadora ou polo menos interrogativa positivamente. Sabemos facer dramaturxias, temos unha conciencia de cultura contemporánea non afirmativa, senón interrogativa. Non queremos dicirlle á xente o que pensar, senon que plantexamos preguntas das que moitas veces nin sequera nós temos a resposta, pero que é importante que todo o mundo se pregunte.

Non temos intereses económicos, nin políticos nin empresariais. Temos interese artístico. Móvenos o discurso e cremos que realmente as emocións poden xerar vínculos.”

Fin de ciclo

“Estamos atopando, en xeral, unha sensación de fin de ciclo, de que algo esmorece”. O paradoxo de que o progreso chegou para mellorar a vida da xente, pero que ao tempo leva á extinción dunha comunidade e modo de vida atravesa todo o proxecto. Pode parecer derrotista, pero a conciencia desta perda é tamén o pulo para evitar o esquecemento.

Está extendido o concepto de que, se os humanos desaparecemos, a natureza poría todo no seu lugar, mais nos Ancares da a sensación de que a presenza humana é igual de importante que a do lobo, os paxaros ou as abellas. “Temos a sorte de estar facendo isto antes de que cheguen os macroparques eólicos e as plantacións de eucaliptos”. Cando non haxa labregas e gandeiros nos Ancares, os intereses económicos non terán depredador.

Facer lama

Aínda que ao comezo a finalidade das entrevistas era complicada de explicar, pronto os informantes entenderon a utilidade do proxecto, para rematar relatando historias de vida cunha xenerosidade sorprendente. Son conscientes da implicación que o equipo ten con eles, e a sensación en todo momento é de reciprocidade. “Iso é o que a xente aquí lle chama facer lama”.

Facer lama é fundirse, mesturarse e rematar sendo a mesma cousa. Darlle o mesmo valor aos saberes de cada unha, por seren diferentes.

Este proxecto está financiado polo programa Territorio Cultura, cos fondos Next Generation da UE e co apoio da área de turismo da Deputación de Lugo. Como ben sabemos, os prazos administrativos pouco teñen que ver coa realidade dos procesos creativos e culturais, e esta inmersión nos Ancares terá que rematar en xullo. Pero non a presenza e implantación do proxecto. Haberá unha fase de probas, da man dos participantes, previa á presentación dos itinerarios en agosto.

Os vínculos xerados trascenderán no tempo, e a comunidade apropiarase destes paseos, que son seus, para dicir: aquí estamos, aquí estivemos.

Leave a Reply