Xa sabemos que o verán acabou e que asumir a perda é complicado un ano máis. Con todo, as vacacións nunca terminan e os días libres que trae o Nadal están ao virar a esquina. Para superar a depresión postvacacional e ter éxito na volta ao cole, propoñémosche un exercicio de imaxinación. Porque, aínda que os teus soños non se materialicen tan facilmente, imaxinar é gratis e sempre nos fai sentir un pouco mellor.
Imaxina un destino perfecto para pasar as próximas vacacións. Apetécenche sol e praia? Seguramente esteas a pensar nalgunha das nosas illas, Canarias ou Baleares. Es máis de montaña? Supoño que están xa na túa mente os cumes nevados dos Pireneos. O teu é a cultura? Entón morres de ganas por pasar uns días percorrendo os corredores do Prado, en Madrid. O turismo gastronómico tampouco está nada mal, e matarías por unas boas fabes en Asturias ou, se es máis o a vida sa, por un gazpachito andaluz baixo a sombra das oliveiras. E, claro, se o que queres é un pouco de todo, estarás xa buscando uns billetes de avión para voar ata a azul Barcelona. Con todo, prefiras praia, montaña, cultura ou gastronomía… como é que non se che ocorreu Galicia como primeiro destino?
Por se aínda non o sabías, queriamos contarche que Galicia é sinónimo de turismo de calidade e que a súa oferta hostaleira crece como a escuma. É certo que quizá pola dicotomía entre os capítulos máis negros da nosa historia —cando quixeron roubarnos todo, ata a nosa lingua e cultura— e por esa hospitalidade que levamos de serie, somos á vez celosos e orgullosos do noso. Gústanos abrir as nosas portas, pero tamén sentimos certa aversión ao cambio. Con todo, parece que, dun tempo para acó, as nosas portas están máis abertas que nunca. Só fai falta botarlle un ollo aos datos que se reflicten no informe da Xunta «Dinamismo do sector hostaleiro en Galicia 2009-2019» para ver que no últimos dez anos o número de hoteis galegos creceu máis dun 8%; pasando de 839 en 2009 a máis de 900 en 2019. Ademais, ao longo deste tempo o número de turistas aloxados en establecementos hostaleiros aumentou un 23%, pasando de 3,4 en 2009 a 4,2 en 2018. Os destinos preferidos, que, por suposto, tamén multiplicaron a súa oferta nesta última década, son Sanxenxo, Santiago de Compostela, Vigo, A Coruña e O Grove. E, entre toda a comunidade, Mondariz segue sendo o destino favorito por todos para unha boa xornada de relax e para investir en saúde.
Este aumento das cotas, con gran repercusión directa na nosa economía, veu en parte catalizado polo Plan MAT. Non che soa de nada? Por resumilo de forma sinxela, diremos que, aínda que sexamos tan celosos do noso algunhas veces, quixemos optar por un turismo controlado e ben atendido. Evitándonos problemas de masificación e tratando que quen veña a Galicia con curiosidade, volva visitarnos porque ficou namorado da riqueza da paisaxe que ofrece. Este Plan MAT de Mellora de Aloxamentos Turísticos baséase nunha serie de axudas convocadas neste mesmo ano e valoradas en 1,2 millóns de euros, que foron destinadas a 70 establecementos para que puidesen modernizarse, investir en accesibilidade e aliarse co aforro enerxético. Está moi ben que podamos ofrecer a quen veña a coñecernos un servizo amplo, para todos os gustos e que estea en sintonía coa modernidade e co medio, non vos parece? Sobre todo se pensamos que dentro de moi pouco, no 2021, volveremos vivir de novo outro ano Xacobeo que se prevé exitoso. Estaremos preparados! Por se fose pouco, a Consellería de Economía, Emprego e Industria habilitou, como parte do programa Reforma Tur, 3 millóns de euros dirixidos a 500 instalacións. Con todo iso, desde 2018 está a colaborarse na renovación de 635 establecementos. Se rexentas algún, suxerímosche que che informes e deixes que che boten unha man. Á fin de contas, ti es un dos motores da nosa economía e queren recompensarcho. Non é menos do que mereces!
Doutra banda, poderiamos pensar que os destinos descritos e preferidos céntranse en turismo de verán, nuns días sobre a area e noutros investindo na hostalería das grandes cidades da comunidade. Esto non é certo, xa que a Xunta, co seu plan estratéxico, quere que a influencia do turismo traspase o ámbito da urbe e que non estea centralizada. Tamén desexa que non sea estacional, sendo todo o ano a época perfecta para vir a Galicia. Así, óptase por beneficiar ao ámbito rural para que non quede atrás nestes avances de mellora e accesibilidade. Actualmente, o 81% dos concellos galegos conta con hoteis ou pensións no seu territorio. Non sería xusto que o peso da infraestrutura nas cidades escureza a beleza da terra máis virxe. Se temos presente a afluencia de peregrinos que veñen todos os anos a coñecer o noso Camiño, coidalos e facerlle a andaina o máis levadía posible é case unha obrigación. Manter a tradición viva pasa tamén por facer que pernoitar nos nosos albergues, pensións e hoteis sexa unha experiencia positiva e memorable.
Con todo, se aínda es celoso ou sofres de turismofobia aguda, abre a túa mente e aprecia o cambio. Trata de fomentar a túa localidade abríndoa ao mundo e ofrecendo unha estancia de calidade a todo aquel que queira pasarse a saudar. E, se ti tamén queres contribuír, optar por lugares descoñecidos á beira da túa casa nunca está demais. Ás veces non fai falla marchar demasiado lonxe para coñecer novos mundos. Confía en nós e empeza a aventura. Verás que sabe a mar e a montaña, a tradición e a modernidade.