O camiño para expresar a propia identidade no propio idioma

A linguaxe inclusiva é un tema cada vez máis recurrente e, aínda que non aceptadas polas Reales Academias, que parecen esquecer a realidade de que a linguaxe evoluciona, avanza e se reinventa cando as necesidades das persoas cambian, igual que o fan as leis. Non hai espazo suficiente para explicar en profundidade os mecanismos de opresión que operan nestas decisións. Eu son desas optimistas que opinan que hai forzas e avances contra os que poden loitar pero non poden gañar. Pegarémoslle unha morea de patadas ó dicccionario e será xusto. Non escaparon de “almóndiga”, non van escapar de “todes”.

Durante a escritura do meu anterior artigo para esta revista, alguén me sinalou un posible erro na miña gramática neste aspecto. De súpeto, o meu grupo de amigues e mais eu comenzamos a facernos preguntas sobre cales eran os pronomes e terminacións morfolóxicas inclusivas a usar en galego. Non tiñamos nin idea, a pesar de comunicarnos en galego e dicir sempre amigues, todes, xuntes… Ningunhe dos integrantes dese grupo de whatsapp é non binarie: todes nós nos sentimos cómodes e nos identificamos cun xénero binario, sexa masculino ou feminino. Unha morea de dúbidas comezou apilarse ante nós.

A flexión e reflexión do xénero na lingua galega

A linguaxe moldea a maneira en que pensamos, isto é xa unha obviedade e existen evidencias científicas. Varios estudos internacionais amosaron as diferencias que a linguaxe pode ocasionar en función da existencia ou non de xénero gramatical nelas. Os estudos conclúen que os idiomas que o posúen son máis favorables ó emprego de expresións discriminatorias e que o emprego de xéneros e pronomes neutros favorece unha conciencia maior sobre a discriminación e unha mellor atitude cara ás realidades LGTB, en xeral, e non binaries en particular.

Carla Míguez Bóveda, no seu artigo Ti, eu, ele e a linguxe non binaria na tradución entre inglés e castelán, fala de defender “un cambio lingüístico que xa está a ocorrer e que consiste en flexibilizar os dous xéneros gramaticais das linguas romances co fin de dar cabida a todas as persoas”. Denuncia mesmo a definición de masculino xenérico da RAE (a máis do uso): colectivos mixtos, xenéricos ou inespecíficos; adxectivos nada definitorios das persoas non binarias. O mesmo ocorre cos desdobramentos de tipo alumnos e alumnas ou co feminino xenérico, menos común pero persistente en determinados ámbitos. Ás persoas non binarias estamos faltándolles ó respecto; á poboación no seu conxunto estamos a ofrecerlle información falseada ó ignorar a realidade da súa identidade de xénero.

No artigo de Míguez Bóveda descríbense dúas maneiras de empregar a linguaxe non binaria en galego e castelán (no caso concreto da tradución dende o they/them inglés): a indirecta e a directa. A indirecta emprega termos neutros e evita o xénero (cidadanía, alumnado); a directa moldea a forma da linguaxe para nomear esa realidade (cidadanes, alumnes). A directa refírese ó famoso emprego do morfema -e, ó que en castelán comezamos a estar acostumades- é empregado por multitude de asociacións, colectivos e incluso partidos políticos e o seu uso foi moi debatido durante o proceso de aprobación da Lei Trans. Lei que, aínda que garantiu moitos avances para o colectivo LGTBQ, non conseguiu incluír ás persoas non binarias.

E a lingua galega, as inclúe?

No Portal da Lingua Galega, atopamos varias guías de linguaxe inclusiva. Ningunha, non obstante, indica os termos preferibles ou unha clara explicación dos pronomes a usar nos casos de persoas de xénero non binario. “Xénero non binario” e “linguaxe neutra” non ofrecen resultados na busca. “Linguaxe non binaria” outorga un só resultado. O título é “A linguaxe non binaria no caso das linguas minorizadas, o caso do galego” e vai acompañado dun link a un obradoiro dado uns días atrás, de novo, por Carla Míguez Bóveda. Este é o fío do que comezamos a tirar.

Non existe a día de hoxe unha proposta estandarizada ou con algún tipo de autoridade sobre o emprego da linguaxe non binaria, ningunha “preferida polas persoas galegofalantes”. Míguez Bóveda asegura que os recursos para unha linguaxe non binaria existen, só necesitamos potencialos e chegar a unha opción consensuada á que es galegofalantes se poidan adaptar con facilidade. Aproveito para recomendar dende aquí a lectura da súa.

E famose autore Nee Barros afirmaba nunha entrevista en O Salto que os pronomes non binarios en galego serían “elu” e o seu plural “elus”, “común para o galego normativo e a norma reintegrada”. O pronome “ele”, como aparece na proposta de Míguez Bóveda, é rexeitado por Barros que afirma que se utiliza como pronome masculino nalgunhas variantes dialectais de Galiza e no galego reintegrado. É certo que no galego reintegrado é necesaria a búsqueda doutra fórmula, mais nos documentos ofrecidos pola Xunta sobre as diferentes variedades dialectais, non achamos ningunha na que se dea esta situación. O que si acharíamos é, én todos os casos, un problema no plural, que de decantarse por “ele”, sería coincidinte. Elus, que sería a forma importada do portugués, é unha das variables posibles ofrecidas xa na proposta de Míguez Bóveda, que tamén recolle a posibilidad de “elis”, pois existen referencias en castelán do emprego de “ellis”. As fórmulas como o @ ou o x, común no seu momento para substituír ó masculino xenérico, presentan problemas máis alá da súa pronuncia, senón na lectura en diferentes soportes para as persoas con algunha clase de discapacidade sensorial.

Parece que o galego sofre novamente de intentar escoller entre importar a forma castelá ou a portuguesa, pero non ten que ser así. Como apunta Míguez Bóveda “non debemos caer na solución nugallá de copiar algo que forza a naturalidade da nosa lingua, senón botar mans dos recursos que esta ten”. Temos a posibilidade de inventar palabras novas, propias. E lingüiste Daniel Amarelo atopa unha conexión entre o neofalantismo e a disidencia de xénero, pois en ambos casos hai un desprazamento dende un lugar de maior poder e menos violencia a outros máis incómodos. Nas súas palabras, existe una intersección entre ambos fenómenos, que non cumple as condicións do “hablante nativo ideal” e “alteran el orden sociolingüístico hegemónico”. A lingüista e doutoranda en sociolingüística crítica do galego, Vera Santomé expresa o seu asombro: “paréceme unha pasada como son as persoas non binarias quen están producindo este cambio alén das institucións”. A nivel lingüístico, Santomé ten claro que as institucións van por detrás. É crítica con este proceso. Afirma con contundencia que “unha institución non pode decidir que a túa existencia non conta, aínda que ó final as gramáticas e os diccionarios en moitas ocasións sirvan para iso nunha lingua minorizada”. Santomé califica de “fascinante” a nivel gramatical a aparición de novos pronomes, procesos que normalmente levan anos; ó tempo que confirma que é totalmente normal que se dean cambios nunha lingua motivados por cuestións sociais.

Institucionalización e normalización: traballos pendentes

A estandarización ou normativización de novas palabras e formas de expresarse aparecerán pola man do seu uso, da insistencia en falar dunha maneira que nos inclúa a todes, aínda se ten que ser a contracorrente… As normas lingüísticas terán que adaptarse á sociedade e non ó revés. Como di a canción des rapeires O Rabelo e Nadie González, podemos facer “xuntadeira pra’ mudar vellos pronomes con arte”.

A linguaxe non binaria aparece e a usamos porque os dereitos e as identidades das persoas que falan sempre serán máis importantes que os papeis que recollen as normas sobre como deben facelo. Anxo Barbosa, dende a experiencia como persoa non binaria e en calidade de politólogue, cre na necesidade de que a Xunta de Galicia cree políticas que promovan a utilización da linguaxe non binaria e que ensinen a utilizar pronomes neutros. Afirma que “para que a cidadanía se sinta máis cómoda, non debe quedar nun tema tabú o feito de que unha porcentaxe bastante grande da poboación galega se indentifique como xénero non binario”. Santomé sinala, nesta liña, que as institucións son unha moeda de dúas caras en canto á súa función, e unha delas é “a opresión de moita xente”. Como Amarelo, a quen cita como referente neste campo, sinala esta función sobre as persoas falantes de linguas minorizadas, neste caso o galego, que poden atopar que palabras que empregan “non existen” dacordo coa RAG. Tamén como Amarelo, identifica o mesmo fenómeno coas persoas non binarias e engade “que cando ocorre coa existencia das persoas é aínda máis flagrante. É un tipo de violencia simbólica moi chunga”.

Barbosa afirma que a estrutura binaria que constrúe a sociedade fai máis complexo que a xente empregue os tres pronomes coa mesma normalidade ou frecuencia, a pesar de que haxa persoas, concretamente o 35% das persoas non binarias do estado español, que utilizan de maneira “indiferente” os tres pronomes, segundo un estudio do Ministerio de Igualdad do ano 2022. Ese indiferente vai entre comiñas por diversas razóns. De todas maneiras, como ben expresa Anxo, “ser unha persoa non binaria é máis ca utilizar uns pronomes ou outros. É romper un molde e uns roles binarios arraigados a unha sociedade ultra machista, xenófoba, tránsfoba, homófoba…”.

«De todo color y fantasía nace tu oscuridad»- Ángel Román

A loita por romper os moldes

Aínda que é difícil establecer con exactitude unha porcentaxe de persoas disidente de xénero, o dato máis fiable que tempos pertence ó Estudio sobre las necesidades y demandas de LAS PERSONAS NO BINARIAS en España, que da unha cifra de un 4% de persoas non binarias en España. Este informe destaca as situacións de vulnerabilidade “no acceso a oportunidades sociais” que sofren debido ás condicións derivadas da “invisbilización, o descoñecemento, as respostas de odio e a discrecionalidade” de vulnerabilidade no “acceso a oportunidades sociais”.

Antón, Anxo e Morgan (nome outorgado por min para protexer esa identidade falsa do DNI) están nesta reportaxe para aportar testemuño en primeira persoa de como é vivir e definirse como persoa non binaria neste mundo e neste idioma no que vos escribo. Todes sinalan, como sinala o informe, que a súa presentación como persoas non binarias é dependente do contexto e certos contextos invitan a esconder a súa identidade. O estudio di que en España
ata un 97% das persoas non binarias empregan estratexias de passing 1 nalgún ámbito da súa vida e un 60% na maioría deles.

 

Morgan coincide con Anxo en que, a diario, persoas refírense a elus con pronomes tanto masculinos como femininos. Morgan di que no seu caso, é algo do proceso que “no considera relevante”, pero que tamén é consciente de que esa afirmación pode ter máis capas das que parece a simple vista. Pregúntase: “no utilizo el lenguaje no binario en mí porque “no lo necesito” o “no me sale” realmente, o porque la sociedad me acostumbró TANTO a lo binario que fuera de esos términos todo se siente “raro”?

Anxo afirma que hai contextos onde se sinte máis comodu que noutros e pon a universidade como exemplo: empregar os seus pronomes neutros cun profesor resultaríalle difícil, coas súas amigas emprega maioritariamente o xénero feminino, o masculino ou neutro “non lle sae”. Non obstante, en situacións como a primeira, tende a utilizar “o pronome que se lle asocian por socialización binaria, que é el”. Reflexiona acerca das situacións nas que emprega o pronome elu e asóciao a “cando fala directamente da súa identidade de xénero”. O contexto debe ser tal que “sabe que a outra persoa o toma totalmente en serio, porque aínda que as túas amizades utilicen os pronomes el ou ela máis indistintamente, é unha sociedade binaria. Utilizar elu, ou elle en castelán, ou ele en galego…Non está tan ben visto”. Morgan pregúntase como sería a súa vida se tivesen empregado a linguaxe non binaria con ele dende pequene, “¿sería la misma persona que soy hoy si hubiese tenido información y educación sobre identidades de género a una edad temprana?”.

Morgan é das nosas tres testemuñas a única que pertence á xeración millenial e a súa identificación fóra do binario é recente, “un claro ejemplo del mal que puede llegar a hacer a una persona la invisibilización de su identidad y la falta de información al respecto”. Percibe unha gran falta de interese social e o mundo parécelle un entorno hostil fóra do seu círculo máis íntimo para expresarse coma quen realmente é “porque todo lo que no encaje en sus estándares de binarismo es motivo de burla y de negación”, ata o punto de que incluso se se acepta o non binarismo parece que existe certa expectativa e, enfadade, sentencia que “la gente no binaria NO te debe androginia ni te debe nada”.

O seu percorrido é inevitablemente moi parecido pero completamente diferente ós das seguintes xeracións. O seu proceso partiu dunha saída do armario en canto á súa orientación sexual que, afirma, parecía que para todo o mundo explicaba de súpeto o por que os seus gustos e comportamentos non se adaptaban ós do xénero que lle adxudicaran. Todo tiña sentido e podía explicarse para a súa familia a través da súa sexualidade, pero non era así: “Esta nueva situación me enfadaba mucho, me molestaba que todo tuviese sentido para todos menos para mí”.

A ruptura dos moldes… En galego

Anxo opina que en galego o menor emprego da linguaxe non binaria “é máis complicado levar ou utilizar pronomes neutros en galego moitas veces por non saber como utilizalos”.
Antón atopa tamén esas dificultades, que diferencian a experiencia en ambas as linguas oficiais de Galicia e aporta que “para o uso do neutro en galego tivo que basarse moitas veces no portugués, que se constrúe con elu” o cal implica que, en canto á lingua, “polo xeral síntese máis cómodo en castelán”. Anxo afirma que tende a empregar o máis posible palabras neutras.

Morgan destaca a falta de palabras ou pronomes máis concretos para falar das e, sobre todo, con, as persoas que non encaixan no binarismo imposto. Sinte que en inglés, para expresarse (tamé no ámbito artístico) é máis “cómodo” e percíbese máis “orgánico”. No día a día ve que “por suerte, en el caso del castellano se está luchando por una adaptación del lenguaje que nos pueda incluír a todes”, aínda que esteamos lonxe de alcanzar os obxectivos. No caso do galego xúrdenlle máis dúbidas e considera que criarse e vivir nun entorno castelán parlante, aínda que sexa en Galicia, non ten o coñecemento necesario para expresarse neste sentido. Nas súas palabras, aínda o sinte un proceso (lingüístico) “menos completo”.

As propostas de Anxo para a normalización desta linguaxe pasaban sobre todo pola súa promoción e institucionalización, de maneira que a poboación cis saiba tamén como empregala para falar coa xente non binaria sen faltarlles directa ou indirectamente o respecto. En canto ó seu uso, Antón sinala que “sinte que nos espacios galego falantes aínda non está moi desenvolta a realidade non binaria”, mais remata con algo de optimismo, pensa que “é cuestión de tempo que haxa máis personalidades coñecidas dentro da cultura galega que a poñan de manifiesto para novas xeracións e que se misture coa lingua”, poñendo como exemplo a Mondra.

Parece existir unha sensación xeneralizada de que, como xa dixera Santomé, están encargándose soes de levar a cabo os cambios que precisan. Morgan resume un sentimento que parece común a moitas persoas consutadas: “siempre he notado esa falta de terminología, te lleva a estar constantemente en situaciones que te hacen sentir fuera de lugar”. É momento, xa vamos tarde, de que ese lugar exista.

Momento de mirarse ó espello

Acabamos de facer un repaso pola situación da linguaxe non binaria e topamos unhas dificultades que non son nin de lonxe as únicas ás que a xente non binaria tense que enfrontar. Aínda que saibamos que é unha violencia estrutural como tantas outras, hai que comezar atallar o problema dende a casa. Ou, neste caso, dende os medios. Os libros de estilo dos principais xornais galegos que publican algo en galego non abordan o tratamento das persoas non binarias. Non parece que o teñan tampouco para cando empregan o castelán. Carla Mañas, redactora de Educación en Faro de Vigo, afirma que “non hai nada “oficial” respecto ao estilo”. Comenta que ela e as súas compañeiras intentan “utilizar o masculino xenérico o menos posible”, pero tamén “porque todas somos mulleres e nos toca máis”.

Esta humilde xornalista nesta humilde revista quería mirarse ó espello e atoparse as súas costuras binarias ou, incluso, nonbinariefóbas(?)- todes temos. Só podo concluír que dende a profesión debemos facer autocrítica e intentar incluír estas realidades de maneira transversal nas nosas reportaxes e empregar esta linguaxe para falar de todos os temas, non só dos que atañen á poboación non binaria. Iso intentarei facer de agora en adiante, sempre aberta ás críticas. Comezando por aquí, se vos apetece facer click.

1 Proceso polo que unha persoa de xénero non conforme, non binaria ou trans é lida socialmente como una
persoa cis (é dicir, cuxo xénero se corresponde co que se lle asignou ó nacer). Falando mal e pronto, que se a
vises pola calle “non te decatarías”.

Leave a Reply