Hai unha conta de Instagram chamada @rosal.ia_galic.ia que comparte referencias á cultura galega creadas pola intelixencia artificial. O administrador da conta é o mestre de secundaria Pablo Montaña do IES Valadares que aplica esta tecnoloxía na aula. O seu último proxecto cos estudantes de terceiro da ESO é un libro ilustrado con IA chamado “Máscaras literarias”.
Son as 10:30 na biblioteca do IES Valadares e escóitase: «O interesante é que saibades como beneficiarvos desta tecnoloxía, e logo reivindicar tamén a intelixencia humana, pois é a verdadeira artífice de que isto exista» O alumnado está en silencio, crúzanse miradas hoxe toca falar de Intelixencia Artificial.
Cando comezo a preguntarlles, algúns a consideran unha tecnoloxía amigable, outros a ven aplicable en política para a creación de discursos. Cando pregunto por hobbies que lles gustan a algún lle custa pensar que sexa unha tecnoloxía tan transversal, aplicable por exemplo ao pádel ou á danza.
Con todo hai outros que xa escoitaron en TikTok as cancións que viralizáronse imitando a voz de Quevedo ou outros artistas famosos como Michael Jackson. En definitiva, algúns mostran certo temor a esta tecnoloxía e outros non a ven tan desenvolvida como para realmente cambiar o modo de vida que coñecen ata o de agora, ainda que xa saben da súa existencia e potencial de primeira man.
De camiño á presentación
Era un 19 de Xuño de 2023 pola mañá, o ceo estaba algo nubrado, diríxome desde o centro de Vigo á presentación do libro “Máscaras literarias” ilustrado con axuda da Intelixencia Artificial e cuxos relatos realizou o alumnado de 3º da ESO do IES Valadares. De súpeto noto un estraño desnivel no coche e decido parar a medio camiño. Sorpresa, desinfláraseme unha roda, ademais comezaba a chispear e a presentación ía comezar en 15 minutos. Comunícome con Pablo Montaña, profesor do instituto Vigués con quen me citaba por redes sociais, coméntolle que chegarei uns minutos tarde. Non hai problema, me responde, achéganse as vacacións e tras finalizar os exames o alumnado xa non ten a presión de semanas atrás.
Imaxes creadas con IA no instagram
Pablo e mais eu comezamos a falar por instagram, a rede social fotográfica por excelencia. A pesar de que o vídeo acapara cada vez máis este tipo de plataformas, as creacións con Intelixencia artificial enseguida cóanse no canal de contidos en diversos formatos, texto, imaxe, vídeo, son…
Cando contactei con Pablo non sabía que era el quen estaba detrás da conta de instagram @Rosal.ia, en referencia clara á escritora galega por excelencia.
Resulta que un día apareceume unha publicación dun can de cor amarela que pronto asociei ao mítico festival de Cans, emblemático polo seu arraigamento galego cuxo nome non ten nada que envexarlle ao famoso festival de cinema celebrado na cidade francesa de Cannes.
Á esquerda o logotipo oficial do festival de Cans. Á dereita a recreación de Pablo Montaña con IA.
Era tan orixinal ese post, que decidín seguir vendo as súas publicacións. Noutras imaxes publicadas representábase gráficamente o banquete de Conxo, persoalmente nunca oíra falar deste evento histórico, e mira por onde grazas a isto entroume a curiosidade.
O banquete de Conxo fai alusión a unha reunión que tivo lugar en 1856 preto de Santiago de Compostela e nela uníronse en confraternidade estudantes da Universidade, traballadores, campesiños e burgueses ilustrados. Asistiron figuras intelectuais do momento como Eduardo Pondal, o poeta local Aurelio Aguirre e, segundo afírmase, a mismísima Rosalía de Castro.
O acto suscitou o enfado dos sectores máis poderosos da Compostela daquela época pois rompía co esquema social tradicional preconcibido compartindo mesa naquel acto diferentes clases sociais.
Grazas á IA, Pablo recrea o que puido ser ese banquete histórico incluíndo personaxes galegos emblemáticos como Rosalía ou facendo chiscadelas á política dunha maneira distendida incluíndo ao expresidente Mariano Rajoy.
Á esquerda un mosaico conmemorativo do banquete de Conxo, obra de Pancho Lapeña, Antón Pascual e Xosé Vizoso. Á dereita as recreacións de Pablo Montaña con IA.
O auxe da IA vai ligado ao uso da lingua predominante dos seus programadores e bases de datos, que é o inglés. Como me comentaba Pablo, se preguntas aos alumnos que idioma asocian á IA poucos ou ningún asóciao ao galego, e isto non debería ser así.
Non só temos unha historia que pode ser contada a través de imaxes artificiais, tamén podemos comezar a crear unha cultura galega usando estas ferramentas. Para iso, Pablo fíxose diversas preguntas:
Como podemos crear unha imaxe de Rosalía de Castro con IA?
Sabe a IA quen é Rosalía de Castro? Que sabe de Galicia? Que trazos adquiriu da nosa cultura?
Por exemplo, a plataforma de creación de imaxes con IA: Midjourney non recoñece á poeta galega, tampouco a Castelao. Con todo, as cidades galegas si que as sabe representar aínda que non deixan de ser recreacións estereotipadas dunha cidade mariñeira no caso de Vigo, cun terreo elevado central (Monte do Castro) e un par de edificacións características da urbe galega que destacan sobre o resto de vivendas (Antigo Hospital Xeral, tamén coñecido como “O Pirulí” actualmente reformado para albergar a cidade da Xustiza).
Á esquerda Vigo e á dereita a cidade de Santiago. Recreacións de Pablo Montaña con IA.
Nun mundo globalizado no que impera o cinema de Hollywood ou os artistas estadounidenses é normal que haxa culturas minorizadas. Pablo fai entón unha formulación moi interesante. Quizá non tanto por unha cuestión comercial, pero si de ética: “que así como recoñece a estas, tamén debería recoñecer calquera figura importante de galicia, desde un xogador de fútbol a un político ou a un escritor.”
Ao fin chego á presentación do libro
Ao comezo do artigo comentaba que me dirixía ao Instituto Vigués IES Valadares para cubrir a presentación dun libro inédito nos arquivos da biblioteca do centro. O alumnado de 3º da ESO estivera traballando durante o último trimestre do curso, nun libro moi especial, o primeiro exemplar con imaxes xeradas con intelixencia artificial.
Como era entroido cando comezaron, Pablo pensou que sería interesante aproveitar a idea de máscaras, analizando estes símbolos desde un punto de vista antropolóxico e folclórico, tamén desde a literatura, e sempre cuestionando: Por que se usan? Para que? En que contextos?
Estas cuestións axudarían a introducir ao alumnado dunha forma moito máis didáctica ao teatro de grecia, roma, a literatura renacentista, barroca.Ademais á hora de expor a creación das súas historias para o libro aprenderon a facer un guión literario. Tamén puideron tocar a creación dunha nota de prensa, a súa difusión e comunicación con algúns medios e finalmente a entrevista cando vin eu a preguntarlles polo seu proceso creativo, medos e predicións sobre esta tecnoloxía de cara ao futuro.
Grazas
Foi un pracer falar con eles, e sen dúbida espero que nun futuro este proxecto escolar lles vaia a servir para ser conscientes do potencial da IA en diferentes campos da súa vida desde un punto de vista responsable e potenciador da cultura galega como asi quíxolles transmitir o seu profesor Pablo.
Nota final: Para realizar este artigo non se empregou IA.