Tras unha corentena que pasou de corenta días, vendo a tele e atendendo ás noticias sobre o covid-19, seguramente teñas a cabeza tola ante tanta información e ás veces non saibas que é o correcto e como debes comportarte agora que xa voltamos á rúa.
A nova normalidade dá un pouco de medo, sabémolo. Por iso mesmo queremos que recuperes canto antes as túas afeccións do pasado con sentidiño e bo facer.
Se aínda non estudaches a lección ao completo —e iso que tempo houbo dabondo!—, non te amoles! Traémosche un resumo de dez medidas preventivas básicas que debes poñer en práctica se non queres que a materia da responsabilidade che quede pendente para setembro. Está na túa man.
Algunas medidas preventivas básicas para o teu día a día. Non te líes, é sinxelo:
1. Lava as máns con auga e xabón e usa solucións hidroalcohólicas cando esteas fora da casa.
2. Se vas ao súper e tes que tocar, ponte as luvas! Iso si, evita tocarche os ollos, o nariz e a boca, xa que as mans facilitan a transmisión.
3. Manten sempre a distancia de seguridade ante outras personas. Dous metros serán suficientes para ter o virus baixo control!
4. O uso de máscaras é obrigatorio na vía pública e en espazos pechados sempre que non se poida garantir a distancia de seguridade. Tamén o é no transporte público e no coche, cando as persoas que viaxan non son conviventes. Se non a levas posta, cubre as vías respiratorias cun pano desbotable ou co antebrazo ao tusir ou esbirrar e desbótao de xeito adecuado.
5. Na casa, limpa frecuentemente espazos de uso común e coida a hixiene de roupa de cama, panos e toallas.
Fin do teletraballo? Todo o bo remata, socio! Quita o pixama e volve á oficina:
6. Tes que dispoñer de solución hidroalcohólica, luvas e panos desbotables para o uso público na entrada e no interior da oficina. Ademais, evita compartir comida, bebida, equipos, dispositivos e material de oficina.
7. Valora a necesidade de fixar quendas, limitar as actividades presenciais ou utilizar a flexibilidade horaria para evitar a coincidencia de persoas en reunións ou formacións. E non saias se tes máis de 37º de febre, síntomas respiratorios ou contacto próximo cunha persoa infectada!
Os comercios volven a vida. Podes ir mercar sen cita previa e respectando as limitacións de aforo. Apoia a apertura do comercio local, con cabeciña!:
8. Evita tocar pomos, mostradores e outros obxectos que non vaias mercar. Non é necesario e non facelo minimizará riscos.
9. Respecta as marcas de sinalización das distancias no chan e sitúate no teu posto tanto antes de entrar como no interior da tenda.
E lembra…:
10. Cumprir e difundir estas recomendacións é a túa responsabilidade. Que ninguén quede fóra!
Lección aprendida? Coida de ti e dos teus e segue colaborando. Sairemos desta. Contamos contigo!