Ánima (2023) é o último fotolibro da fotógrafa Ruth Montiel Arias. A través de dúas referencias centrais da cultura galega, a Santa Compaña e a matanza, Ruth invítanos a ollar ao noso arredor para facermos preguntas incómodas sobre as nosas tradicións, e a cuestionarnos as nosas posicións ética e decisións diarias en relación cos animais. A saída do prelo de Ánima foi posible grazas á laboral de Alauda Negra, a editorial sarriá que está a apostar e reinvindicar, dende as marxes, a produción física de fotolibros e fanzines fotográficas. Charlamos con Ruth e Lois para coñecer máis acerca dos seus procesos creativos do seu compromiso co oficio da fotografía de denuncia e a edición.

Ánima é a continuación de Bestiae, dous proxectos sobre a relación entre o ser humano e os dereitos animais. Antes de falar sobre o libro, como foi a túa chegada ao veganismo e ao activismo animalista?

No meu trinta aniversario recibín un agasallo que cambiaría a miña vida para sempre: o filme documental Earthlings, dirixido por Shaun Monson e narrado polo actor e activista polos dereitos dos animais Joaquin Phoenix. Ao día seguinte, decidín ver a película. Somerxinme nunha viaxe emocional e visceral a través das realidades da explotación animal. Cando rematou, estaba claro para min: xa non podía participar nun sistema que inflixía tanto sufrimento aos animais.

Desde ese momento, eliminei todos os produtos de orixe animal da miña vida. Pero a transición non foi doada. Os primeiros anos estiveron marcados pola loita interna, por procesar a abafadora conciencia da explotación que nós, como especie dominante, infliximos aos animais. Foi un proceso de autodescubrimento doloroso pero necesario, un camiño cara a comprensión da miña propia complicidade nun sistema de opresión.

Necesitei tempo para fortalecerme, para armarme con coñecemento e ferramentas que me permitiran enfrontar as realidades incómodas da nosa relación cos animais; ser consciente do sufrimento que infliximos é só o primeiro paso. O seguinte é atopar as forzas para actuar, para enfrontar a inxustiza e traballar cara a un cambio significativo.

Por iso tardei uns anos en mergullarme completamente na militancia antiespecista. Pero cando o fixen, fíxeno con todo o meu ser; xa non podía quedar en silencio nin ser ser cómplice dun sistema que perpetúa a violencia e a crueldade cara aos seres sentientes que comparten o noso planeta. A miña viaxe cara o veganismo non só foi unha transformación persoal, senón tamén un compromiso coa loita polos dereitos dos animais.

O proxecto levouche catro anos de recompilación de fotos, vídeos e moita investigación, materializándose en 41 fotos. Como conseguiches sintetizar e organizar tanto material? Cal é a importancia dos tempos e a pausa á hora de xermolar un fotolibro destas características?

O fotolibro é unha mestura única de fotografía, narrativa e deseño, un deses proxectos que require paciencia e dedicación. É unha obra de arte en si mesma, que precisa dun proceso meticuloso e reflexivo. Construír un fotolibro destas características é unha viaxe chea de etapas e momentos de reflexión. Non é algo que se poida lograr dun día para outro. De feito, poderiamos dicir que é un traballo que pertence a tempos pasados ou incluso futuros, onde a produción non está ditada pola urxencia do momento, senón pola calidade e profundidade da obra final.

O proceso comeza coa inmersión en espazos emocionais e sociais complexos. Trátase de adentrarse en territorios que desafían as nosas percepcións e nos obrigan a cuestionarnos a nós mesmos e ao mundo que nos rodea. É un proceso que require tempo e espazo para a reflexión, para dixerir as experiencias e transformalas en imaxes e palabras que conten unha historia significativa. A investigación e a busca bibliográfica son compañeiras constantes. Os momentos de traballo de campo son igualmente importantes, pero tamén imprevisibles. Algúns dependen unicamente do propio artista, mentres que outros requiren a colaboración e o tempo doutras persoas.

Finalmente, está a fase de composición e edición, onde se ensamblan todas as pezas. É un proceso delicado e laborioso, onde cada imaxe, palabra e deseño teñen un propósito e un significado. Aquí é onde se busca o apoio de colaboradores e editores, que axudan a dar forma e pulir a obra. En resumo, crear un fotolibro é un acto de dedicación, un proceso que non pode apresurarse. É unha obra de arte que desafía as presas do mundo moderno e nos lembra a importancia da paciencia e a reflexión no proceso creativo.

Fotografía de Leira Haus

Na obra enfrontas dúas das tradicións máis arraigadas do noso país: a Santa Compaña e a matanza. Como xurdiu esta idea?

Xurdiu de maneira orgánica, converténdose no eixe central para construír a obra. Recorrer a todo o folclore e imaxinería que rodea á «compaña» (ou «santa compaña»), e utilizalo como metáfora do camiño que percorren os animais (neste caso os porcos), ata o día do seu sacrificio, permitiume alcanzar certos estados emocionais que necesitaba e buscaba co meu traballo.

Ánima converteuse nunha viaxe tanto persoal como artística, onde cada elemento do folclore tradicional se entrelaza coa crúa realidade da matanza. Explorar esta dualidade entre o ancestral e o contemporáneo permitiume profundar nas complexidades da nosa relación cos animais e a natureza. Ao enfrontar a superstición coa tradición, mergulleime nun proceso de reflexión profunda sobre as nosas prácticas culturais e o seu impacto no mundo que nos rodea. Ánima converteuse así nunha expresión da miña busca por comprender e cuestionar as normas establecidas, desafiando a percepción convencional do que é aceptable ou moralmente xustificable.

O libro foi prologado pola filósofa Susana Monsó e ven acompañado dun texto teu no que lanzas moitas preguntas ao lector sobre a nosa relación coa tradición e os dereitos animais. Atopaches respostas no proceso de creación?

Existen preguntas ás que logrei atopar resposta pero moitas outras permanecen sen resolver. Con todo, o realmente relevante non é se eu atopei respostas, senón se aqueles que se mergullan no fotolibro atopan as súas propias preguntas ou formulan novas cuestións que nin sequera imaxinaran. Ao final, o propósito do meu traballo é incitar a que as preguntas se convertan en detonantes e motores de mobilización. É comprender que o simple feito de que alguén se enfronte a Ánima, cuestione o que se lle presenta e xurdan máis interrogantes, xa o converte nun axente activo e disposto a que o narrado no fotolibro deixe unha pegada profunda no seu interior.

Na entrevista con Gustavo Bravo para Jardín remoto, falabas do impacto do primeiro día de traballo retratando o método máis tradicional de matanza, a coitelo. Como viviches persoalmente estar exposta á esa violencia durante tanto tempo? Ten que ser duro distanciarse do sufrimento que un está a presenciar e activar o ollo de fotógrafa ou artista.

Efectivamente, non foi nada sinxelo. Como lle comentei a Gustavo, estou habituada a enfrontarme á explotación animal, xa que tamén traballo no ámbito da investigación fotoxornalística. Ao longo do tempo, fun desenvolvendo unha serie de recursos que me axudan a encarar este tipo de situacións. Con todo, debo admitir que o primeiro día, por un intre, perdín esas ferramentas de distanciamento ante o que estaba presenciando. Foi a primeira vez que tiven que deixar a cámara, retirarme a un lugar apartado para estar a soas e recompoñerme, co fin de poder continuar traballando. Pero, sinceramente, o sufrimento ao que eu mesma me enfronto non é o que máis importa. O realmente importante é o sufrimento que padecen os animais que retrato.

Unha das premisas coas que traballaches foi non retratar os rostros dos participantes na matanza. Como foi a túa relación con eles durante o proceso?

Esta premisa é fundamental no meu facer e constitúe un distintivo do meu traballo. Non busco apuntar a unha persoa en particular, senón ao sistema en xeral. Ao longo do desenvolvemento de Ánima, así como en outros dos meus proxectos, a miña relación coas persoas é totalmente respectuosa. Para min é crucial establecer unha conexión próxima con cada unha delas, pois todo o que poidan aportar é esencial para comprender as súas accións e para consolidar a solidez do meu traballo.

O libro dividise en dúas partes cunha estética oposta, unha primeira parte onírica ou fantasmagórica sobre a Santa Compaña e outra más realista sobre o proceso da matanza. Que técnicas empregaches en cada unha delas e como traballaches a composición? No primeiro hai varias composicións a dobre páxina, mentres que no caso das fotos da matanza dáme a impresión de que elixiches deliberadamente un estilo máis descritivo e achegado ao fotoxornalismo.

A idea de traballar con dúas linguaxes tan marcados foi unha elección moi consciente, xa que se pretendía levar ao lector a dous estados moi concretos. Na primeira parte o espectador desempeña un papel protagonista, sendo inmerso na propia acción que relata o inicio do libro e interpelado directamente. Na segunda parte, pasa a ter o rol de espectador, sen capacidade de acción, o que o leva a desexar recuperar ou non, esa capacidade de interacción que tiña inicialmente. Para tentar acadar este relato e levar ás persoas a estes estados, todo está meticulosamente pensado, como se pode sentir cando tes Ánima entre as túas mans.

Libro de ánima, fotografía de mans sobre un animal á dereita, pes sobre o barro á esquerda.
Fotografía de Leira Haus

Un dos detalles que fai do fotolibro unha experiencia é o listado musical que preparaches. Cal foi o papel da música á hora de preparar o libro? Que lecturas, películas e libros nutriron durante o proceso creativo?

A música foi unha ferramenta imprescindible na construción formal do fotolibro. Gústame dicir que Ánima é unha peza sonora. A profundidade que podes alcanzar cando te mergullas nas súas páxinas será completa se a acompañas coa música coa que foi creada. Outras das fontes das que bebín foron os libros La zarigüeya de Schrödinger: Como viven y entienden la muerte los animales de Susana Monsó, Nacer en otra especie» de Ruth Toledano e Marta Navarro García, e películas como El caballo de Turín de Béla Tarr ou Last and First Men de Jóhan Jóhansson, así como o fotolibro Nemini Parco de Jesús Monterde.

Cales son os seguintes pasos na vida de Ánima?

Ademais de chegar ao maior número de fogares posíbeis, é o momento de que Ánima atope o seu espazo a través de presentacións, librarías, convocatorias e, se algunha institución ou curadoría lle ofrece un lugar, tamén podería estar nun espazo expositivo.

Durante a presentación en Leira Haus organizouse un coloquio no que saíron temas moi interesantes: as experiencias das asistentas coa matanza, o paso ao vexetarianismo e veganismo, o futuro da matanza e do rural, etc. Como foi a acollidas do libro noutras cidades na xira de presentación? Nalgún deles incluso puideches preparar unha intervención con outros medios.

A resposta foi tremendamente positiva, mesmo en cidades fóra de Galiza e a pesar da aparente desconexión coas nosas tradicións, estase a xerar un intenso debate e un renovado interese pola reflexión en torno a el. Durante as presentacións en Madrid, tiven a oportunidade de pechalas cunha breve peza audiovisual, permitindo que o público se achegase á obra dende outra perspectiva.

A fotografía, igual que o arte, segue sendo un mundo moi masculinizado. Que fotógrafas che inspiran e recomendarías aos nosos lectores?

Pois moitísimas, pero gustaríame destacar a Lúa Ribeira, Sabela Eiríz, Ariadna Silva Fernández, Laure Mojo, Vanessa Casteleiro, Bego Antón, Cristina de Middel, Alessandra Sanguinetti, Leslie Searles, Florence Goupil, Gloria Oyarzabal e moitas máis.

Ánima naceu como un proxecto para o festival de fotografía FFoco organizado na Fundación Luis Seoane. Unha vez publicado o libro, presentastelo no propio festival. Como se sinte un ao pechar o círculo? Cal é a importancia destes espazos para o fotoxornalismo e a fotografía artística?

Que Ánima se presentase en FFoco foi algo tremendamente simbólico tanto para min como para Lois (fundador e editor de Alauda Negra). O festival é casa, e foi onde nos coñecemos e Lois decidiu embarcarse na edición e publicación do fotolibro. Espazos coma este son tremendamente importantes para as persoas que utilizamos a linguaxe fotográfica nas nosas creacións, non só para crear un entorno que atraia a compañeiros e profesionais, senón tamén para convidar ao constante enriquecemento persoal e profesional a través de diálogos, exposicións, axudas, etc.

O que as institucións públicas deberían ter en conta é a promoción, xeración e fortalecemento da rede fotográfica de Galiza e das persoas que a construímos. Se pensan que Galiza só é o “novo cinema galego”, deberían ver que na fotografía tamén temos un peso e identidade propias que son valoradas moito fóra da comunidade, polo que tamén sería positivo apoiar a “nova fotografía galega”.

Noutras entrevistas comentas que “A fotografía é militancia” e que “As artistas traballamos duro para que a nosa época quede ben retratada na historia”. Nun tempo no que estamos inundados por fotografías nas redes sociais, cal é o papel do fotoxornalismo e da fotografía artística?

O papel é o de resistencia constante ante a linguaxe visual á que estamos sometidas, unha linguaxe claramente marcada por códigos capitalistas e, sen dúbida, heteropatriarcais. Polo tanto, temos que estar en constante aprendizaxe e ser moi analíticas co que facemos, o cal non é nada doado.

Fotografía de Leira Haus

Queríamos aproveitar tamén para que nos falaras da iniciativa Fotos por Palestina.

Como se ilustraba nas súas redes, #»Fotosxpalestina2024″ é unha iniciativa de venda solidaria de fotografías impulsada por un grupo de #fotógrafas, á que xa se sumaron máis de 150 artistas internacionais, destinada a enfrontar a urxente catástrofe humanitaria en #Gaza. Os ingresos serán destinados a Médicos Sen Fronteiras España, que ofrece atención médica vital en Palestina. Para min, foi todo un honor ser convidada a participar e poder aportar o meu gran de area. Ante o xenocidio que o estado de Israel está a exercer sobre Gaza, sentimos que, por pouco que poidamos facer, iniciativas como esta son moi necesarias.

Xosé Lois Gutiérrez: “Alauda naceu da miña necesidade de atopar un espazo de normalización para a creación fotográfica contemporánea en Galiza”

Alauda Negra nace no 2019 como editorial independente. Como valoras estes case cinco anos de traxectoria? Cales son os retos aos que vos enfrontades como editorial independente e localizada, se mo permites, “na periferia da periferia”?

Permítoche, con moito gusto, que advirtas a condición orgullosamente local e periférica de Alauda Negra… como non! Alauda naceu da miña necesidade de atopar un espazo de normalización para a creación fotográfica contemporánea en Galiza, partindo inicialmente da miña propia experiencia no medio. Naceu para publicar os meus propios traballos, pero co paso do tempo foron incorporándose ao catálogo artistas que teñen a imaxe fotográfica no seu horizonte estético: Rosendo Cid, Misha Bies Golas, Iván Nespereira, Tere Fernández, Luis Díaz… Nese tránsito a través de distintos proxectos, sempre cunha vocación experimental e táctica, foise compoñendo o carácter desta editora pequena e eminentemente local, case subalterna; pero ben consciente da necesidade de conformar un espazo de visibilidade para uns traballos artísticos certamente extraordinarios.

Fotografía de Leira Haus

Unha editora pequena e subalterna que debe que lidiar coas condicións da propia industria gráfica galega, coa falta dun tecido editorial forte (a pesar da extraordinaria calidade das publicacións de Fabulatorio, Dispara ou Estraperlo, todas editoras galegas de fotolibros) e cunha audiencia incipiente que precisa a nosa atención e a nosa interlocución. Aínda así, o proxecto editorial sostense na súa parte estratéxica: na lexitimidade que outorgan os traballos que publicamos nun contexto naturalmente deficitario… e non falo unicamente de Galiza, senón de todo o Estado español.

Ánima é a segunda referencia fotográfica longa tras o ‘O Desengano’ de Julián Barón, sobre a catástrofe do Prestige. Apostades forte pola edición en papel e por temáticas sociais, con vida máis alá do propio libro. Porque apostades por este formato? Cal é o papel do fotolibro hoxe en día?

Certamente non hai un sesgo de publicar cara aquilo que nomeas como “temáticas sociais”. Os traballos das artistas que publicamos compoñen de maneira orgánica unha mirada moi orientada cara unha serie de realidades e narrativas que son aquelas que nos definen como persoas que viven e interactúan nun espazo territorial, económico ou culturalmente específico, por dicilo dalgún xeito. Os traballos de Julián e Ruth están impregnados de fortes conviccións consubstanciais á súa propia natureza estética e ideolóxica. Tratan de feitos que nos incumben e nos afectan e que, dunha ou outra maneira, atopan como mellor medio de expresión e comunicación o soporte editorial.

Cos libros podemos realizar outro vínculo co real que pasa por unha relación material cun obxecto deseñado, pensado e creado cunha intención. Un libro xera un espazo de recepción certamente singular. A creación dese espazo de lectura, de vínculo co libro, paréceme que alberga unha certa promesa de esperanza contra a ignominia, a indiferenza ou a pura e evidente bulimia visual que hoxe nos afecta.

Cal foi o teu papel como editora na produción de Ánima?

Como entenderás, cada proxecto editorial depara a súa propia peripecia ata saír do prelo. En Alauda Negra tentamos que todo o proceso editorial atenda á traza orixinal de cada novo proxecto. Mais tamén mantemos a convicción que ten que producirse unha achega propia e honesta que poida completalo dentro da especificidade do propio medio. E entendo que cada unha das outras partes que compoñen o obxecto-libro final deben orientarse no mesmo sentido (deseño, pre-imprensión, impresión, etc).

Dito isto, a miña acción en Ánima reduciuse a afinar un bloque de traballo que previamente xa viña moi acabado. Ruth presentara Ánima fai tres anos ao Premio Editorial de Fotografía Documental Galega na súa primeira edición no festival FFoco, onde eu participaba como parte do xurado. Xa daquela entrevín a posibilidade de levar este traballo ao noso catálogo. A principal tarefa nos 18 meses de traballo deste fotolibro foi axustar a secuencia e ritmo dos repertorios de Ánima á singularidade do discurso estético e político do traballo artístico de Ruth; sen perder de vista certa marca de estilo coa que calquera pode identificar o noso selo. En boa medida, creo que este fotolibro acadou ese equilibrio grazas á confianza e a enorme xenerosidade que Ruth amosou (e segue amosando) en todo momento cara Alauda Negra.

Finalmente, creo que todas as autoras do noso pequeno catálogo compoñen unha comunidade de fortuna en torno a Alauda que fan do traballo de edición unha acción máis dentro dun entorno aberto, horizontal e cooperativo. Non entendo ningunha decisión editorial en calquera publicación na que traballo que non pase con ese compromiso co común dos distintos intereses que se concitan nel.

No coloquio tras a presentación comentabas que, dentro da precariedade das industria cultural galega, seguramente a fotografía sexa o arte que máis necesita un proceso de normalización. Como valoras a nosa escena fotográfica e que nos falta para chegar a esa normalización?

Creo firmemente que a fotografía é o medio máis minorizado da creación artística en Galiza. Tomamos calquera ámbito do medio fotográfico galego (educación, distribución e musealización, conservación, investigación…) e non veremos nada moito mellor que os esforzos que o Arquivo da Imaxe e a Fotobienal desenvolveran nos primeiros dez anos de administración autonómica. Grandes proxectos máis recentes (Casa da Foto) teñen fracasado por mor das delirantes inercias da política cultural da nosa administración máis local xunto a unha canonización banal de certos autores perpetrada por centros institucionais como o CGAC ou o MARCO.

Estas circunstancias non teñen axudado á normalización do medio fotográfico galego contemporáneo. Tan só a brillante acción subalterna e illada de axentes non institucionais deixan entrever outro tipo de prácticas que, aínda que resultan esperanzadoras, non son suficientes para chegar a aquelo que podemos entender por entorno estable e normalizado. Nunha conxuntura así, a existencia de proxectos como Dispara de Tono Arias (a mellor libraría de fotografía no estado español); a encomiable resistencia do festival FFOCO na Coruña ou os premios e recoñecementos dunha editora como Fabulatorio son acontecementos virtuosos que non podo deixar de poñer en valor, malia todo.

Por último, sempre gústannos darvos espazo para que recomendedes unha artista o proxecto galego que recomendedes aos nosos lectores.

Ruth: Pola miña parte, e como xa recomendei nunha pregunta a algunhas compañeiras de profesión, comezando polas autoras galegas, gustaríame aproveitar agora para presentarvos a Animal’s View, unha asociación que utiliza a fotografía e o audiovisual para falar sobre a relación do ser humano co animal dende unha posición antiespecista e que inclúe o traballo de autoras galegas.

Lois: Vou a ser recorrente. Se revisamos os catálogos de editoras como Fabulatorio e Estraperlo (e o noso mesmo, con licencia!) e botamos un pouco máis de atención ao traballo de Tono Arias en Dispara podemos obter un bo diagnóstico do pulso que o medio fotográfico galego poida ter agora mesmo. Fora do estritamente fotográfico, gustaríame poñer en valor o extraordinario momento que vive a esceba artística e cultural da cidade de Lugo coa extraordinaria actividade de espazos como Leira Haus e a Solaina, a consolidación da feira de autoedición Vaia Vaia ou a creación de novos espazos galerísticos como Néboa. A conformación dun entorno cultural descentralizado e vizoso como é agora ó que se está a xestar en Lugo paréceme digno de toda a nosa atención.

Podedes coñecer máis a fondo a traxectoria e traballo de Ruth Montiel (@ruthmontielarias) a través da súa web persoal. Ánima e o resto da produción de Alauda Negra (@alaudanegra_libros) están á venda na súa loxa virtual. A súa última publicación é Man, Lois Cid e Antonio Cortés, gañadora do III Premio Editorial de Fotografía Documental Galega do Festival Ffoco. Agradecemos a amabilidade de Ruth e Lois durante o proceso de entrevista, e a Leira Haus (@leira.haus) polas fotografías da presentación do libro nas súas instalacións.

Leave a Reply