Corría 2014 cando no noso vocabulario cotián se infiltrou unha palabra que –si, claro- xa estaba no dicionario, pero da que rara vez botabamos man: “emprender”. Fai só unhas décadas, emprendiamos unha ruta, unha nova vida noutra cidade, unha reforma integral dun edificio. Hoxe, emprendemos aventuras profesionais. Bendito eufemismo.
Porque unha crise económica e financeira mediante e cunha recesión ao rabo que semella ternos collido cariño (ai!), a vella aspiración dos nosos pais e nais de colocarse ben –na acepción laboral, non naqueloutra que empregara un día o xenial alcalde madrileño Tierno Galván- e levar unha vida acomodada… marchou co vento. E se as ofertas de traballo non veñen a nós e as empresas apertan o cinto e espremen ata límites insospeitados o seu capital humano para conxelar a inversión en contratación e estímulos salariais… sempre queda a posibilidade de poñernos pola nosa conta. Benvid@s á era do “juanpalomismo”aplicado ao traballo. Ou “juanapalomismo”, pois elas pintan moito no auxe do emprendemento. E non están soas.
Un artigo publicado recentemente na web TICPymes baixo o título “Radiografía de la mujer emprendedora en España”, estimaba que por cada 10 homes que botan a andar un negocio, 9 mulleres fan o mesmo. Viva!, a fenda de xénero parece estreitarse neste terreo. E o ritmo de crecemento do número de autónomas en 2018 foi do 2’6%, máis do dobre do de autónomos (1’2%), segundo datos da Seguridade Social. Cifras cegadoras que teñen as súas sombras: a presión que as cargas familiares seguen a exercer sobre o desenvolvemento profesional delas, a falla de políticas feministas no sector privado, a invisibilidade das mulleres paradas de longa duración dentro do sistema. Emprender non é sempre un proceso luminoso, a materialización dun proxecto longamente acariñado, senón un flotador nun vasto océano sen ondas.
A independencia de criterio que procura, a autonomía de decisión son a outra cara do risco inversor e da pesada soidade á que o emprendemento expón. Unha carga que o asociacionismo tenta aliviar. Porque a unión fai a forza, e o intercambio de vivencias persoais a miúdo adoza o camiño.
Despois do verán de 2018, naceu Somos emprendedoras, unha plataforma en liña que aspiraba a converterse no acubillo das mulleres autónomas españolas. En Galicia, a rexión con maior número de traballadoras por conta propia, viña de botar a andar a comunidade de Mulleres Atlânticas, iniciativa de colaboración en versión “desvirtualizada” dirixida a galegas e portuguesas.
Para as súas fundadoras, Gabi Otero e María Gómez, ía sendo hora de proporcionarlles un espazo de posta en común de ideas e coñecementos. E de facelo de xeito itinerante, promovendo reunións en distintas cidades para estimular as conexións xeográficas. Todo iso, aderezado cun formato de inspiración mariñeira e un plan de prezos orientado a captar distintos perfís. O tan amentado networking cun twist.
Mercaron unha pasaxe para as súas travesías mulleres de eidos tan diversos como a cesteira Idoia Cuesta, a tradutora Iria Carballo, a produtora audiovisual Clara Figueroa (Argadela), a bordadora Minia Banet (Variopinto) ou a deseñadora de bolsos Lara Santomé (Mundaya). Ademais de buscar o conforto dun círculo de profesionais afíns, nas súas travesías intercambian saberes, consellos e aprendizaxes.
A eclosión en 2018 dunha nova vaga feminista no noso país trouxo consigo aires de diálogo sororal. Atrás quedou o absurdo clixé da antediluviana inimizade feminina…