Vassily Kandinsky comeza o seu libro Do espiritual na arte co seguinte aforismo: “Cada obra de arte é filla do seu tempo”. Boa mostra disto son os fanzines, uns dos formatos creativos máis peculiares pola liberdade do seu contido e o seu carácter efémero. Atopar unha definición rigorosa deste medio é difícil (a busca no dicionario da Real Academia Galega foi infrutuosa), mais hai consenso sobre tres constantes baixo as que operan: a liberdade creativa das autoras, a distribución fóra das canles comerciais e oficias e a vocación por tecer comunidade con outros creadores e lectores.
A explosión dos fanzines dos anos 60 contribuíu a democratizar o acceso e a creación de cultura, descubrindo novos talentos e formatos e iniciando revolucións no mundo da banda deseñada, a escrita e a música. Mais ten sentido hoxe un formato curto e maiormente físico na sociedade dixitalizada? Vendo a saúde da escena fanzineira en Galiza, atrevémonos a dicir que si. As principais cidades e vilas contan con feiras ou espazos onde mercar ou consumir fanzines e achegarse aos seus creadores, e a variedade de temáticas e formatos fala dunha escena vizosa e dinámica.
Capturar nunha peza deste tamaño a riqueza e diversidade desta escena non faría xustiza ao esforzo das artistas, creadoras e organizadoras de eventos. Así que preferimos falar con algunhas das súas protagonistas para facer unha pequena instantánea (de revelado rápido) do que se está a mover no undeground. Deixámosvos en boas mans e cunha chea de recomendacións para alimentar o maxín. Lembrade, nese recuncho da vosa cafetería ou librería preferidas hai pequenas revolucións agardando por vós.
VAIAVAIA – Fotografía de Noelia Álvarez Penedo
VAIAVAIA: “MOITAS PERSOAS SEGUEN BUSCANDO UNHA EXPERIENCIA ANALÓXICA”
VaiaVaia (Lugo) é un dos encontros de fanzines máis novos. Este setembro celebrou a súa terceira edición, na que, ademais do tradicional mercadiño de fanzines, os asistentes puideron desfrutar de obradoiros de cianotipia e tatuaxe temporal, conferencias, micros abertos e música.
Cómo xorde Vaia Vaia e como foi a acollida da primeira edición?
O festival nace en 2020 entre un grupo de amigxs interesadas pola autoedición que regresaron a Lugo despois de estudar ou traballar fora, con ganas de facer cousas e cansas de sentirse obrigadas a buscar as oportunidades nas grandes cidades.
Estamos moi contentxs coa acollida que tiveron as pasadas edicións. A primeira foi moi especial porque foi no 2020. A pesar de que aínda había moitas restricións pola pandemia foi fermoso levala a cabo e reunirse con vellos e novos amigos, partillando espazos, conversas e intereses despois de tanto tempo de estar distanciadas. Fainos felices coñecer cada ano novas persoas que se implican no proxecto e comparten a nosa ilusión, e esperamos que siga sendo así por moito tempo.
Porque son importantes os espazos de comunidade e actividades que estades a crear?
Unha das cousas máis lindas de facer fanzines é compartilos coas demais e as conversas que xorden ao seu arredor. Apréndese moito. No caso dos fanzines recórtase a distancia entre o escritor e o lector, desdebuxándose os límites entre o produtor e o consumidor. Estes pequenos espazos avogan por actuar a pequena escala e dende o persoal, sen pretender grandes impactos pero resistindo sutilmente dende as marxes.
Como vendes a escena fanzineira e da autoedición en Galiza?
Cada ano hai novas edicións de feiras xa establecidas e tamén xorden novas iniciativas noutros puntos de Galiza. A escena é un mundo inconstante e irregular pola súa propia natureza non-comercial e fóra dos circuítos habituais, pero sen dúbida segue existindo xente con ganas de facer as cousas doutra maneira, coa necesidade de contar o que lles move, de atoparse coas demais en persoa, e amantes empedernidas do papel antes que dunha pantalla.
Que espazo teñen as publicacións físicas no mundo dixital?
Cremos que un moi importante. Á vista está que moitas persoas seguen buscando unha experiencia analóxica en canto a publicacións tanto de fanzines como de discos, casetes, etc… Séguese editando deste xeito porque segue habendo xente á que lle interesa. Non é incompatible unha cousa coa outra, nin teñen que estar enfrontadas. É unha sorte ter acceso a un fanzine dixitalizado en Internet que doutro xeito sería complicado conseguir. Pero sempre nos quedaremos coa experiencia física, sobre todo porque implica unha interacción persoal e habitualmente dáse en contextos de feiras ou contornas parecidos, o que propicia atopar a a xente cos mesmos intereses ca ti e aos que lle moven cousas parecidas.
Que fanzines ou autoedicións recomendariades aos lectores?
Esta é sen dúbida a pregunta máis difícil de responder, sobre todo se non queremos que a lista se volva quilométrica. Cada ano temos a sorte de descubrir novas publicacións marabillosas e de tipoloxía moi diversa. Quedarse cunhas poucas vai contra a nosa natureza recompiladora e coleccionista, pero imos tentar ao menos que sexa unha mostra da diversidade que puideron atopar xs asistentes desta última edición:
- A publicación Man do colectivo Cadela Negra, que xurdiu este ano.
- Ánima, a última publicación de Alauda Negra.
- O fanziniño My silly little favourite things de Lili Algo, que é riquiñísimo, como todo o que fai.
- Una niña con tetas de Teresa Larios, a nosa poeta.
- Furancho, unha publicación editada por Búnker 24 en colaboración con Vaia Vaia, que acolle banda deseñada de debuxantes xeniais como son Anabel Colazo, Luis Yang, Julia Lago, Nico Ben, Chano Ripio, Iván McGill e Pablo.
Autobán BD – Fotografía de Daniel Graña
AUTOBÁN (A CORUÑA): “A ESCENA É UNHA DAS MÁIS ACTIVAS DO PANORAMA ESTATAL”
Autobán BD é un dos eventos veteranos da escena, co dezaseis edicións ás costas. A edición deste pasado verán, na que participaron oitenta creadores e creadoras, supuxo un pulo para o evento tanto a nivel loxístico como a nivel organizativo.
Cómo xorde Autobán e como foi a acollida da última edición?
O Autobán apareceu hai 9 anos (o ano que vén será o noso 10º aniversario), e neste tempo puidemos organizar oito edicións de verán, sete de inverno e unha edición en liña por mor da pandemia. Xurdiu case espontaneamente, sen planealo moito. Un grupo de autores e debuxantes da Coruña que non acababan de atopar un oco para os seus fanzines no festival de cómic da súa cidade pensaron en crear o seu propio evento paralelo de autoedición, seguindo o modelo doutras citas que proliferaban polo Estado na mesma época. Todo moi DIY, tirando da xenerosidade dos colegas para compensar a falta de medios. En poucas semanas argallouse un modesto festivaliño cun mercado onde se presentaron unha vintena de publicacións e actividades como charlas e o popular Combate de Debuxantes. Dende entón foise repetindo a fórmula, mellorando e medrando aos poucos, ata que o parón do COVID obrigou a reconsiderar como facer as cousas.
Esta última edición de agosto foi a máis ambiciosa. Organizámola constituídos como Asociación Cultural, con convenios públicos e privados que permitiron multiplicar as actividades paralelas. Houbo un récord de 78 participantes no mercado, dos cales o 63% nos confirmaron posteriormente que tiveron vendas moi boas (houbo milleiros de visitantes pola Praza de San Andrés ese día, e moitos expositores esgotaron as existencias que levaban). Distribuímos moitos máis fanzines e camisetas que outros anos… En xeral non podemos queixarnos de nada, o único medo sería morrer de éxito e non dar xestionado as expectativas que poden ter de nós sendo un evento por e para amateurs.
Porque son importantes os espazos de comunidade e actividades que estades a crear?
Facer un fanzine pode ser unha actividade solitaria e esixente. Coñecer en persoa a outros creadores ou aos lectores sempre vai ser beneficioso, sentirse parte dunha escena e que xordan relacións de apoio mutuo ou iniciativas en común. No noso festival tentamos fomentar a interacción entre todo o mundo e organizar actividades como faladoiros ou obradoiros para que calquera aprenda a facer fanzines, nunca é tarde para empezar. E Autobán lévase moi ben cos demais eventos de autoedición de Galiza, tentamos promover a participación dos autores e intercambiar información e recursos entre todos, así como xerar vasos comunicantes con outros axentes culturais da Coruña e Galizaa (músicos, festivais de cine, librarías, etc). En xeral, crear e dinamizar unha comunidade sempre é beneficioso para esa escena artística, e xa que logo para o resto da sociedade.
Só hai que botar a vista atrás para comprobar os bos froitos desta estratexia: moitos dos que hoxe en día son artistas profesionais e destacados como David Rubín, Emma Ríos, Miguel Porto ou José Domingo veñen dun ambiente fanzineiro moi dinámico nos anos 80 e 90, en torno ás desaparecidas Xornadas de Banda Deseñada de Ourense.
Como vedes a escena fanzinera e da autoedición en Galiza?
A escena fanzineira local é moi activa e vizosa, unha das más destacadas do panorama estatal, polo que nos conta a xente que nos visita de fóra. De feito, este ano tivemos que pechar a convocatoria da inscrición antes da data prevista porque xa non podiamos acoller máis participantes. Tamén salientariamos que é unha escena moi variada, tanto nos creadores (hai case unha paridade total entre autores e autoras) como nas temáticas tratadas (cun importante e cada vez máis forte núcleo de fanzines LGBTQ) e nos formatos escollidos, desde o máis profesional ao máis underground. Oxalá as industrias da edición profesional fosen tan diversas como o que se ve no mundo dos fanzines…
Que espazo teñen as publicacións físicas no mundo dixital?
Somos optimistas e pensamos que as publicacións físicas nunca van desaparecer; poderán ser minoritarias, pero sempre haberá lectores fieis e irredutibles. No mundo dixital todo é moi rápido e perecedoiro. Sobes un cómic a redes sociais e ás poucas horas xa caducou e se esquece, custa volver atopalo. A principal vantaxe do papel é esa, a súa permanencia. A outra é a súa fisicidade: a textura das páxinas, as tintas impresas, os distintos formatos e as modalidades de publicación (por exemplo, un troquelado, un despregable ou un acordeón) nunca se apreciarán igual de ben dende un navegador de Internet.
Pero físico e dixital non teñen que ser mundos antagónicos e a súa colaboración é beneficiosa. Hai moitos creadores que prepublican as súas historias na web e logo as recompilan en fanzines físicos, e as imprentas dixitais e moito software facilitaron e abarataron a autoedición. Ademais, os blogs e redes e tendas online permiten a moitos fanzineiros darse a coñecer e vender as súas obras en lugares onde non poderían facelo en persoa. Os únicos inimigos reais da arte, física ou dixital, serían as intelixencias artificiais que atentan contra os dereitos dos creadores.
Que fanzines ou autopublicacións recomendariades aos lectores?
Facer unha lista destas sempre é complicado, porque nunca lembras ou tes espazo para falar de todo o mundo que debería estar (é unha escena súper cambiante!), ou queda feo promocionar as obras dos propios membros do noso colectivo. No último fanzine da Autobán (o Autozine, descargable desde a nosa web) tentamos ofrecer unha panorámica da escena galega actual, onde mencionamos a Edicións Baixo Terra, Luis Yang ou Paz Rodríguez, entre outros moitos. Tamén lles lembraríamos aos lectores que en moitas bibliotecas se poden consultar fanzines galegos non tan recentes, como os premiados Barsowia ou BD Banda, que foron a inspiración da actual xeración de fanzineiros.
Malafera – Fotografía de Adrián G.
MALAFERA (VIGO): “O FANZINE É UN TERREO DE EXPERIMENTACIÓN”
Malafera é unha das editoriais que está a renovar o panorama editorial galego de poesía, coa aposta por novos talentos e formatos. ‘sacrificio’ é o quinto volume da súa ZinesFera, un fanzine cuxa tema foi “Contra a poesía”.
En Malafera editades obras baixo formato tradicional, mais mantendes unha colección de fanzines, a ZinesFera. Porque apostades por este formato?
Fixémolo pola liberdade que permite, por unha parte no formato, e pola outra por estar á marxe da burocracia e dos circuítos de distribución e venda de libros. Tendo en conta que tamén facemos edición tradicional, agradecemos moito saír un pouco de aí e traballar tamén a (aínda a máis) pequena escala. Cando creas un fanzine pensas no que che apetece, en se queres falar do teu can ou do cambio climático, en se o queres montar en acordeón ou pop up, en tamaño xigante ou diminuto. Non estás tan suxeite a orzamentos, podes imprimir 1.000 exemplares ou 1. Iso que nós non nos sentimos tan creatives como outres fanzineires neste terreo, xa que somos xente de literatura e non controlamos tanto de deseño gráfico. Pero si, o fanzine é un terreo de experimentación máis que nada, no que te sentes moi realizade. Sempre ten algo especial poder intervir en todo o proceso, ir á copistería e grampar ti os exemplares na casa en vez de agardar a que cheguen da imprenta.
Este ano participastes en varios principais eventos de autoedición do país. Como foi a experiencia?
Sempre é un gustazo participar neles. A nivel de vendas, funciónannos sorprendentemente ben, pero sobre todo podemos coñecer outra xente da escena fanzineira, tecer redes e facer festa. Moitas colaboracións xurdiron destes encontros. Para nós foi moi especial o Vaia vaia (Lugo) porque foi o primeiro festival ao que fomos. Sentímonos moi acollides e desvirtualizamos xente que coñeciamos por redes desde hai anos!
Como vendes a escena do fanzine galego?
Desde o noso punto de vista, está nun momento moi bo. Hai iniciativas que levan anos sen perder forza, e seguen xurdindo editoriais e fanzines individuais moi interesantes. Tanto en número como en calidade, cando imos ás feiras quedamos abraiades co que fai a xente. Sempre descubrimos algo novo e acabamos destinando boa parte do que gañamos a ampliar a nosa fanzinoteca.
Vaiavaia – Fotografía de Noelia Álvarez Penedo
AS MIL E UNHAS VIDAS DOS FANZINES: DERRUBANDO OS MUROS DA ACADEMIA
O interese polo mundo da autoedición vai máis aló da mera publicación e consumo por parte dos lectores, chegando recentemente ao mundo académico. En Galiza están xurdindo iniciativas que, dende distintas ópticas, están a reivindicar os fanzines como patrimonio cultural, facendo un necesario labor de recompilación, catalogación e interpretación deste medio. Ramón Mariño ven de publicar Fanzines en Galiza. Unha breve e intensa historia da autoedición galega (Edicións Laiovento), unha crónica sobre a autoedición galega baseada na súa tese doutoral de Ciencias Políticas na Universidade de Santiago de Compostela (O fanzine e a ruptura do monopolio da mensaxe. Uso dos fanzines como medios informativos e de expresión en Galicia. 1990-2005). No campo da Socioloxía, Estefanía Tarrío (Universidade da Coruña) está a realizar a súa tese doutoral sobre as escenas da música undeground en Galiza. Como parte da tese está a recopilar e dixitalizar os fanzines da escena. A través de Proxecto Rizoma, o seu proxecto de divulgación en redes sociais, Nía ten a disposición doutros investigadores, lectores e da propia comunidade os exemplares dixitalizados.