A arte da tatuaxe superou os estigmas e saíu do underground grazas ao esforzo e paixón dos seus artistas. Falamos con David Diz, un dos tatuadores máis respectados do país, quen vén de celebrar os dez anos do seu estudio, Secret Bridge, cunha exposición colectiva na Escola de Artes e Superior de Deseño Antonio Failde (Ourense).
Como foron os teus comezos no mundo da tatuaxe?
O estudio cumpre 10 anos pero levo tatuando uns 16 anos. Cheguei a ela a través da escena underground do punk e o hardcore. Os músicos e organizadores ían cheos de tatuaxes, igual que as bandas do hardcore de Nova York ou Oi! que escoitaba. Nas fotos dos setenta e oitenta tamén vía aos skins tatuados. Iso animoume a facerme a miña primeira tatuaxe.
Como foi o camiño ata dedicarte profesionalmente a isto?
Din un pouco de voltas antes (risas). Ata os 19 anos competín en natación a nivel nacional e aínda que estudei o bacharelato artístico, acabei facendo un ciclo superior de deporte e logo INEF en Pontevedra. Alí deixei o deporte e comecei a ver e montar concertos e viaxar para ver a grupos e formar parte de festivais. Tamén creei vínculo coa Vigo Hardcore Crew e comecei tatuarme con Nortes no seu estudio, Costa Oeste. Trabei amizade con el, o que me permitiu pasar alí moitas horas, aínda que non tivera vez para tatuarme. Fotocopiaba libros de deseños para copiar e aprender na casa. Pouco a pouco empecei a tatuar a amigos mentres Nortes me aconsellaba, ata rematar traballando con el. Costa Oeste foi un lugar de formación no que aprendín sobre a maquinaria, agullas e materiais, e no que me presentaron a moitos tatuadores que hoxe en día son moi bos amigos.
Fotografía de @antía_cid
Eres coñecido por traballar o estilo old school ou tradicional. Dende o principio o tiñas claro ou exploraches outros estilos?
Empecei e sigo facendo de todo. Isto tamén teño que agradecerllo a Nortes. Inculcoume que un tatuador é como un artesán e ten que estar aberto a calquera tipo de estilo. Se unha persoa entra na tenda e pídeme unhas letras chinesas, fágoas. Se prefire algo en branco, negro e grises, tamén. Por suposto, sempre que sexa algo no que me poida defender. Ás veces a xente ven con referencias que se che escapan a nivel de debuxo, técnica ou tamaño, e creo que é mellor non facelas. Pero se creo que a podo defender, dáme igual o estilo. Vou desfrutalo e traballar co mesmo cariño. Outra cousa é é o estilo co que máis me identifico e me sinto máis cómodo, e no que me gusta debuxar cando teño máis liberdade, que a tatuaxe tradicional.
Cales foron os teus artistas de referencia, tanto clásicos como contemporáneos?
Cando empezas fíxaste nos clásicos como Mike Malone, Sailor Jerry ou Ed Hardy, nomes que lle deron unha volta aos deseños máis clásicos, ou xente como Dan Higgs que os adaptou á psicodelia. Por outro lado, teño a sorte de que moitos dos meus referentes actuais son hoxe amigos cos que comparto proxectos, algo que para min é todo un orgullo. Por exemplo, The Old Way é unha serie de libros nos que colaboro con Gonzalo, Sergio Garrido, Cardo e Kuru (que ten a miña idade pero que leva o dobre de anos tatuando). Outra referencia é Bara, co que puiden facer guest tres ou catro veces no seu estudio.
Xusto quería preguntarche por The Old Way. É unha edición preciosa. Como xurdiu a idea?
Entablamos unha amizade moi forte e empezamos viaxar nunha furgoneta todos os veráns, visitando os estudios de varios amigos, como se fora unha xira dunha banda de punk. Un verán xurdiu a idea de preparar un set de flash para tatuar durante a viaxe. Ao ano seguinte, pintamos 15 láminas cada un, editamos o libro e percorremos nunha autocaravana o Norte de España. Enchemos as ventás e paredes con fotocopias dos deseños e paramos por campings e praias, tatuando a xente que nos contactara por Internet ou que pasaba por alí e lle interesaba.
Tendes esgotadas todas as edicións do libro.
Sí. Fixemos dous volumes, e cando o editamos o segundo reeditamos unha pequena tirada do primeiro. En total, vendimos unhas 600 ou 650 copias do primeiro e unhas 500 copias do segundo, e xa estamos pintando láminas para o terceiro.
Ademais do bacharelato artístico, pasaches polas Escola de Belas Artes. Como inflúe a preparación académica á hora de enfrontarse a un lenzo como a pel?
Canta máis base artística, máis facilidade tes á hora de encaixar os deseños na pel. Pero onde máis se nota a formación ou o toque innato de creatividade é nos propios deseños. Non é o mesmo revisitar flashes antigos cambiando unhas cores que facer deseños con ideas e posicións novas. En carreiras como Belas Artes ou Deseño gráfico aprendes sobre proporción e o control do espazo, o que che da un montón de recursos, especialmente coas novas ferramentas dixitais. Os deseños son o que fai que un tatuador sexa único e que o seu traballo o sigan miles de persoas.
A tatuaxe tradicional naceu do folclore norteamericano pero ti a levas a temas e motivos galegos. Nas peles das túas clientas podemos ver pantallas ou cigarróns. É doado pasar dun folclore ao outro?
En realidade a tatuaxe tradicional é unha forma de debuxar na que simplificas os elementos do folclore da túa zona, sexas galego ou americano, para que funcione nun formato con moitas máis limitacións que o papel, como é a pel. Se ti colles un cartaz ou unha máscara do entroido e lle quitas todo o que non funciona na pel, o que che queda é un deseño tradi para ser tatuado.
En Galiza temos artistas potentes traballando na tatuaxe old school, como o propio Nortes ou Pérez. Podemos falar dunha escena de tatuaxe tradicional en Galiza?
Eu creo que non. De feito, non é o estilo que máis se traballa a día de hoxe. Pero no día a día, probablemente o noso xeito de funcionar segue pegado ao subcultural. Fai vinte anos nas cidades había cuadrillas de heavies, rapeiros ou punkis. Hoxe a xuventude perdeu ese rollo. Por suposto, tamén hai xente nova no estilo, pero os que levamos máis tempo vimos dun xeito ou doutro dunha escena musical. Algúns veñen do rap e o graffiti, mentres que outros vimos do hardcore, que tivo unha escena moi potente nos anos 2000 en Galiza. Hai un montón de rapaces que hoxe teñen 30 anos e que viviron a explosión desa escena, arredor do Resu, a Vigo Hardcore Crew e This world promotions. Moitos deles dedícanse hoxe a isto. No tradicional tamén temos ese rollo de grupo pequeno, no que todos nos coñecemos e intentamos ter unha relación estreita máis aló do respecto polo noso traballo, montando exposicións ou concertos.
Fotografía de David Diz, modelo @s.selas
Para celebrar o aniversario do estudio preparaches a exposición Peles de 7» para Escola de Belas Artes de Ourense. Cal foi a idea detrás do proxecto?
Quería sacar unha exposición que unise a música e a tatuaxe, as miñas dúas paixóns e os dous motivos polos que funciona Secret Bridge. No estudio podes facer unha tatuaxe, pero tamén mercar ou intercambiar discos e pillar un fanzine. Falei con varios dos tatuadores cos que compartín camiño, ben porque pasaron polo estudio ou porque trabei amizade con eles nalgún tour, convención ou exposición colectiva. Inviteinos a pintar unha funda de cartón dun vinilo de sete polgadas, sen que souberan o que ía ir dentro.
A xente pintou cunha técnica e estilo totalmente libre. Algún incluso nunca vira vira un sinxelo de 7» (risas). A medida que me ían chegando as fundas metía un disco da miña colección dentro. Nalgúns casos guieime pola composición ou a cor do deseño, mentres que noutros foi pola relación con esa persoa. Algúns lle botaron máis valor e pintaron referencia específicas, como Jaime Negro cos Madness ou Carlos Inferno cos Misfits… e resulta que eu non tiñan ningún sinxelo dos Misfits! Nese nese caso xa me coñecen e saben que tipo de música colecciono (risas). Son da vella escola e gústame ter as cousa en papel (risas), así que a idea é levar a exposición a un libro no que as fotos das capas vaian acompañadas con datos dos sinxelos, o artista e a técnica empregada, e de incorporar fotos destes dez anos no estudio.
Como cambiou a profesión dende que comezaches e como vives a explosión actual da tatuaxe?
Isto medrou moito e, como todo o que medra, ten cousas boas e cousas malas. É semellante ao lle que pasou á escena musical da que falabamos antes. Pasamos de festivais nos que eramos 1.000 persoas e nos que predominaban os grupos locais, con apenas dúas bandas americanas, a festivais de gran formato. Na escola de Belas Artes eu era o único que se quería adicar a isto. Hoxe en día, dunha clase de 25 alumnos probablemente 15 ou 20 estean interesados. Xosé M. González, actual director da Escola, fixo a súa tese doutoral sobre o estado do oficio en Galiza xusto no momento no que eu empecei nisto e apenas había seis tatuadores. En Secret Brigde actualmente tatuamos catro persoas. Hoxe hai moito máis onde escoller. As redes sociais son as responsables de que todo vaia máis rápido. Ou tes Instagram ou non existes. Antes a tatuaxe era algo máis underground, do teu barrio ou da túa cidade. Se eras de Ourense como moito ías ata Vigo. Grazas ás redes sociais, globalizouse e atopas xente que viaxa ata Estados ou Xapón para tatuarse.
De aí a importancia, como comentabas antes, de facer dos estudios un espazo que constrúa comunidade local.
É importante non perder o norte e ter en conta que seguimos sendo xente rara. A música que nos gusta non é o que escoitas todos os días na radio, nin nos bares ou as discotecas. Temos poucos sitios onde desfrutar dela, mercar discos ou ler publicacións que falen desta subcultura. Por iso me gusta que Secret Bridge sexa un punto de reunión, un recuncho para frikis desta subcultura no que poder facerte unha tatuaxe mentres falas do grupo que fixo unha versión da canción que está soando. Evidentemente, temos clientes moi diversos e acabas falando tamén de natación ou crossfit. Pero moitos deles forman parte deste mundo. É de agradecer que che descubran novas bandas ou poder falar de xente en común doutras cidades. Son cousas que ao final che enriquecen como persoa.
E se queres estar ao día do estudio podes seguir as súas redes!
Fotografías de David Diz : @david_diz
Instagram de Secret Bridge: @secretbridgetattoo
Instagram de The old way book: @theoldwaybook