O Kiosko Alfonso acolle ata o día 25 de xullo unha retrospectiva do artista coruñés Emilio Celeiro (A Coruna, 1928). Na exposición un pode desfrutar de 117 obras dun artista con querenza polos formatos mixtos e cun universo visual e unha ollada ao mundo únicos. Celeiro forma parte dunha xeración de artistas galegos que desenvolveron a súa carreira na emigración, no seu caso en Venezuela. Durante a súa carreira transitou os camiños do realismo, o surrealismo e o expresionismo, evolucionando constantemente.
A súa historia fainos lembrar que, se a arte acaba impoñéndose ás dificultades da vida, é grazas ao esforzo e ilusión das artistas. Emilio e a súa familia recibíronnos nunha mañá chuviosa de domingo no seu estudio. Cando chegamos, atopanmos a Emilio repasando coa vista o estado do taller. Unha luz tenue baña os obxectos que captan a súa atención: as máscaras e figuras de escaiola, o tórculo e as probas de cor de varias litografías. Sentámonos nunha banqueta de traballo e arrancamos unha conversa sobre a súa carreira artísticas e a súa traxectoria vital, mentres Emilio nos mira atentos cos seus ollos azuis da cor do Atlántico.
Dot Galicia (DG): Desculpa por adiantado se digo algunha barbaridade. Non teño formación en arte.
Emilio Celeiro (EC): Tranquilo, un sempre está a tempo de aprender de arte.
DG: Como foron os teus comezos no mundo das artes? Comenzaches realmente como ilustrador ou deseñador gráfico.
EC: Empecei a traballar con 13 anos na ferretería El Pote. Cando o meu xefe soubo que eu debuxaba, preparoume unha mesa no almacén e pediume que debuxara as ferramentas para os catálogos dos vendedores. Algún coleccionista terá eses debuxos (risas). Por ese traballo recibín un premio da fábrica de ferramentas Irimo.
Polas noites ía á Escola de Artes e Oficios, na praza Pontevedra, pero alí aburríame e o deixei. Mais tarde Mariano Garcia Patiño puxo unha academia de balde, na que cada un faciamos o que nos daba a gana (risas). Os domingos organizabamos excursións polas aldeas para debuxar. A miña nai contaba que de pequeno xa me gustaba debuxar arbores, dicía que era un xenio (risas). Co premio e algúns cartos que me prestaron embarquei cara Venezuela. Moitos amigos tiñan familia alí, olo que fun cargado de agasallos para levarlles, entre eles algún traxe.
Tiven moito medo durante a viaxe. Pasei a travesía no cuarto piso do barco, case estabamos na quilla. Durmiamos dúas persoas na mesma padiola, separados por apenas unha táboa. Cando chegamos ao porto da Guaira tamén tiven medo de baixar do barco, estaba só nun país descoñecido. Un grupo de galegos díxome que ian a unha pensión, asi que unínme a eles. A pensión estaba no que era antigamente o Country Club, nunha zona de chalés con piscina. Dividiran as habitacións en habitáculos pequenos de cartón pedra. Naquela pensión morreu un compañeiro. Non sabemos se viñera enfermo no barco ou lle dera algo alí.
Empecei a repartir os agasallos a todo o mundo. Regalábanme unha Coca-cola por cada entrega, para calmar a sede, pero non foron de moita axuda para atopar emprego. Fun rondando ata que acabei nunha empresa que facía bolsas de plástico para tendas. Parecía que había moita demanda de debuxante, porque aos dous días saíume outro emprego (risas). A última empresa na que traballei estaba rexentada polo fillo dun dos líderes nazis xulgados no xuízo de Núremberg.
Coa caída da ditadura militar de Pérez Jimenez, Venezuela experimentou unha apertura cultural incrible. Por exemplo, no anfiteatro da Concha Acústica das Colinas de Bellomonte había teatro todos os días. Antonio de Paz [directo nado en Ponferrada e coruñés de adopción] presentaba obras de García Lorca e outros bos escritores.
DG: Como era a relación do emigración galego co mundo da arte?
EC: A Venezuela os galegos non fomos facer arte. Alí fomos traballar.
DG: En Venezuela continuaches formándote noutras técnicas.
EC: Sí. Aprendín a traballar coa escaiola, a fundir e un montón de cousas que nas escolas oficias de España non se ensinaban. Interesábanme todas as artes: a escultura, o gravado… Axudeime de todas elas para expresar os temas que quería trasladar. O medio axuda a resaltar a idea.
DG: Segundo lin no material da exposición, continuaches formándote ata vai ben pouco.
EC: Cando volvín a Galicia metinme na Escola Pablo Picasso (A Coruña) para aprender cerámica, xa con oitenta e tanto anos. O ceramista que tiñan na escola facía unhas cousas marabillosas.
DG: Ademais de aprender, tamén che gusta formar a novos artistas.
EC: Abrín o taller para todo o mundo, e organicei varios obradoiros no verán coa axuda da miña neta. Ao taller a xente viña de balde e facían cousas moi interesantes. Gústame moito ensinar, axudar ao alumno a ver todas as posibilidades que teñen de mellorar e expresarse. Moitos viñan onde min porque eu facía monstros (risas).
DG: Como chegaches a esas formas e temas máis escuros e industrias? Por exemplo, nos anos oitenta, con O home oprimido falas xa da relación entre as máquina e o home.
EC: Nesa peza unha máquina pecha os seus brazos sobre un home que queda atrapado, escravizado pola maquinaria. Intente reflectir a presión da maquina contra o home. Dende a casa dunha amiga vin a fábrica de Cervezas Caracas, o que me serviu de inspiración figurativa para a fábrica e as máquinas do cadro.
Sophia, a neta de Emilio, pasa as páxinas do catálogo da exposición para ver os cadros mentres falamos. O dedo de Emilio sinala para que se pare en Nacimiento de Venus II.
EC: Nesta outra peza falo do cuarto día da creación, cando Deus creou aos paxaros. Fixen as figuras dos animais en releve e, en vez de empregar escaiola, reproducín as figuras en resina de poliéster.
DG: Que artistas che inspiraron ao longo da túa carreira?
EC: Alberto de Paz y Mateo fixo en Venezuela cousas moi interesantes no teatro. En escultura gustábame moito Henry Moore. A Venezuela chegaba o máis novo do mundo do arte. No Museo de Arte Contemporáneo de Caracas podes atopar obras de Vasarely, Botero ou Mondrian. Había moitos artistas aos que imitar (risas).
DG: Nos teus cadros repítense unha serie de iconas ou elementos, como os ollos e as mans.
EC: Sí, por exemplo, en A morte do poeta vense un ollo na parede. Chamábanme o pintor das mans. Son moi expresivas, din moito.
DG: A tecedora da noite foi o cadro no que mais tempo pasei mirando e que máis me impacto. É hipnótico e inquietante.
EC: Ás veces a inspiración ven de dentro de nos. As pernas son miñas (risas).
DG: A finais dos oitenta volviches á túa terra. Como che afectou a volta a nivel artístico? Predominan máis os temas marítimos: o mar, os peixes, etc.
EC: Volvín a casa co peto cheo de billetes (risas). A familia Arismendi [vinculada a Juan Bautista Arismendi, líder da independencia de Venezuela] encargoume os retratos da familia dende 1830 e o escudo de pedra da fachada da Casa Arismendi.
Á volta a España fixen unha exposición en Valencia adicada á miña nai titulada, titulada Bajo el signo de Piscis. Ela era de signo Pisces e tivo unha peixería. Tamén fixen dúas series sobre o Tarot, debuxando as 22 cartas completas: o colgado, o mundo, a xustiza…
Sophia: Porque o Tarot?
EC: Gustábame todo o esotérico, tiña moito libros do tema. De feito metinme na escola do gurú Maharaji, onde xa naquela época falaban de vexetarianismo. Fixéronme unha festa en Asturias e non puiden comer nada, todo era xamón e outras carnes (risas).
DG: Outra das pezas máis visuais da exposición é A fronteira, no que empregas tamén técnicas mixtas.
En A fronteira reflexo o mundo en guerra. Abrín o mundo en dous. Cada bando ten unha lanza coa que agredir ao outro.
DG: Rescatando outra das pezas que máis me gustan da túa obra, pero non está na exposición, quería que falaras de O éxodo. Unha peza na que un grupo sen caras avanza uniformemente, en contraste cun neno en tons claros que mira cara a dirección contraria.
Toda a xente vai cara a o mesmo lado, crendo nunha única verdade. O neno simboliza a inocencia e a dúbida, a capacidade de ir por outros lados e non seguir á maioría.
DG: Para finalizar, que consello lle darías a alguén que esta empezando e ten que enfrontarse a dificultades para ser artistas, como che pasou a ti?
EC: Diríalle que fixera o que lle dera a gana, custe o que custe. Probablemente entre o publico non vai gustar, pero chegara un momento no que aprendamos a vivir asi.
Despois de visitar o segundo andar do estudio para ver algunhas das súas obras, recollemos a mochila e disparamos as últimas fotos. Emilio despídese de nós:
EC: Aquí tendes o estudio, aberto sempre para o que necesitedes
Agradecemos a amabilidade de Emilio e a súa familia. As imaxes que acompañan á entrevista foron tomadas no estudio. As fotos da exposición foron cedidas polo Concello da Coruña. Podedes desfrutar da obra na súa páxina web: www.emilioceleiro.com/ e seguir as novidades sobre as súas exposicións nas súas redes sociais @emilioceleiro.