Hai máis de dez anos da afirmación da escritora Teresa Moure no seu ensaio Queer-emos un mundo novo que “a literatura galega é unha literatura queer, unha literatura que ocupa un espazo de fronteira”. Non é cousa da última tempada nin una moda pasaxeira que o galego vaia da man co compromiso coas disidencias sexuais e de xénero. En 1959 Eduardo Blanco Amor xa publicara A esmorga, primeira novela galega onde a homosexualidade está presente sen ambaxes no personaxe do Milhomes. Na relación mesma entre o galego e o castelán semella axeitado sinalar a analoxía existente coas identidades sexuais diversas e mais a heterosexualidade hexemónica. Do mesmo xeito que a comunidade LGBT, o galego sempre sobreviviu grazas á resistencia activa dos galegofalantes, que loitaron por acadar os mesmos dereitos e a mesma presenza na sociedade e nas institucións dos que dispoña a lingua hexemónica. Os galegofalantes e a as persoas LGTB sempre viviron, e se cadra sempre haberán vivir, na primeira liña de batalla. E neste espazo compartido ambas as dúas cohabitan e se apoian coma irmás.
O que si cambiou dende que Blanco Amor escribira A esmorga no exilio en Bos Aires por mor da súa homosexualidade e a represión franquista, os autores e autoras actuais que profesan unha identidade sexual o de xénero diversa comparten as súas historias ceibes de prexuízos, ou polo menos ao abeiro dunha sociedade un pouco menos hostil. Os personaxes que habitan o panorama literario galego actual saen da escuridade para ocupar editoriais, librarías, bibliotecas, festivais e premios literarios sen medo nin vergoña. Orgullo é o que caracteriza a prolífica produción literaria do momento no tocante á representación queer.
O vindeiro 2 de xullo celébrase en A Coruña a cuarta edición do Atlantic Pride, festival cultural organizado pola asociación Orgullo Coruña e o Concello de A Coruña, coa finalidade conmemorar o Día Internacional do Orgullo LGTBI+ en Galicia. Un dos eventos sinalados é a segunda convocatoria do Certame de Literatura LGTBI+, co que se pretende dar visibilidade e vivenciar as experiencias minorizadas da comunidade LGTBI+ premiando o mellor relato curto que estea escrito preferentemente en lingua galega.
Seis integrantes do club de lectura Queeruña farán de xurado no certame. Este club de lectura, impulsado pola Rede de Bibliotecas Municipais do Concello de A Coruña, leva dende o ano 2016 creando un espazo para o gozo, a análise e a divulgación da literatura LGTB, e que é, de feito, o primeiro en facerse en Galicia.
Outra iniciativa con vocación de servizo é a que promove a Rede Galega de Estudos Queer, dedicada ao análise transdisciplinar dos estudos de xénero a medio camiño entre o activismo e a academia. O pasado ano 2022 os seus integrantes ampliaron os seus horizontes coa organización xunto co Centro de Estudos de Xénero e Feminismo da Universidade da Coruña do I Congreso Internacional Corpos, xénero e sexualidade no Centro Universitario de Riazor, cunha motivación similar á que tiveran en 2011 as xornadas organizadas pola Fundación Vicente Risco, e coordinadas polo profesor e presidente da Mesa pola Normalización Carlos Callón baixo o lema “A marxinalidade na cultura: a homosexualidade”, nas que a mesma Teresa Moure falara la relación entre a literatura galega e mais a literatura queer.
O premio “Pinto e Maragota”, convocado pola Deputación de Pontevedra en colaboración con Edicións Xerais de Galicia tamén naceu coa finalidade de crear novos espazos de expresión literaria. María Reimóndez, gañadora da segunda e por agora última edición, acaba de publicar Multitudes, continuación de Cobiza, novela de ciencia ficción que garante a boa saúde da literatura de xénero en galego e, ademais, expande horizontes sendo traducida ao castelán pola mesma autora para a Editorial Dos Bigotes. O Premio Blanco Amor 2020 As malas mulleres de Marilar Aleixandre (Editorial Galaxia, 2021) é outra novela orixinal en galego publicada en castelán pola editorial Xordica e que mereceu o recoñecemento do Premio Nacional de Narrativa do ano 2022.
Mais non só hai editoriais foráneas interesadas na tradución da literatura en galego, tamén existen editoriais galegas que traballan para achegar a literatura doutras latitudes ao galego. É o caso de Rinoceronte Editora, que publicara no ano 2021 Campo de plumas. Poemas LGBT+ para a mocidade dende a Antigüidade ata hoxe, antoloxía poética na que Jesús Castro Yáñez compila unha selección de poemas que dan conta da diversidade sexual e de xénero dende a Antigüidade ata hoxe.
O interese das editoriais galegas nas temáticas LGBT+ é manifesta e constante. A nova editorial Cuarto de inverno non dubidou en acoller no seu catálogo a obra gañadora do V Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil, Non estamos quebrades de Nee Barros, que achega á mocidade lectora a historia dunha rapaza na procura da súa identidade de xénero e sexual coa axuda de amizades e familia.
A riqueza la literatura queer en galego está no seu mellor momento. Así e todo, a loita por espazos seguros aínda segue vixente. E a resistencia só pode facerse máis forte cando o galego e o queer van da man.