Chegou o verán e con el acaba o curso. Criaturas que rematan o seu intenso traballo. Por fin teñen un merecido descanso despois de 10 meses pasando 5 horas cada día nunha aula. Estas persoas pequenas teñen agora o tempo para poder botar a andar a súa imaxinación. Iso sí, saben facelo?
A educación básica permite que sentemos as bases do noso desenvolvemento persoal a todos os niveis: comunicación, socialización, razoamento, etc. Pero a escola actual permite que o alumnado poida desenvolver a súa creatividade?
Na etapa de primaria temos dúas materias centradas no desenvolvemento artístico e creativo, ás que lle chamamos Música e Plástica.
Se atendemos á lexislación educativa, estas dúas materias son fundamentais: melloran a competencia comunicatica, facilitan a adquisición de habilidades lóxicas e matemáticas, permiten traballar a creatividade e o sentido artístico… En definitiva, e referíndome outra véz ó texto legal, favorecen o desenvolvemento integral do alumnado.
Velaquí unha pequena táboa que recolle como se reparten as 25 horas semanais de clases.
Para Música e Plástica temos dúas horas por semana. Máis ou menos, unhas 70 horas ó longo do curso. Neste tempo, o alumnado debe recoñecer as diferentes representacións artísticas, técnicas e materiais, nomear diferentes conceptos, experimentar co que vai aprendendo, etc.
E se esas 70 horas non abondan? Daquela, o alumnado con recursos insuficientes para acceder a outros espazos onde poida desenvolver a súa creatividade ten moitas menos oportunidades de poñela en práctica e estar en contacto coa arte.
Isto fai que se me presenten dúas cuestións. Será que, realmente, para a administración a dimensión artística non é tan importante como parecen explicar nas leis educativa? Será que, a pesar de todo, seguimos considerando a arte como algo pouco importante, algo secundario?
E estas dúas cuestións abren a porta doutra, quizáis máis preocupante. Será que estamos asumindo que as materias “importantes” son as que lle van permitir ao alumnado atopar un “traballo bo” cando chegue o momento? Pero, e se dentro de 20 anos os “traballos bos” non son os que esperamos?
Agora que remata o curso, pode ser un bo momento para preguntarnos cal é, ou cal debería ser, o papel da arte na educación. Un bo punto polo que comezar podes ser unhas palabras que o gran pedagogo e artista Francesco Tonucci nos deixou xa alá polo ano 2008:
“A escola debe facerse cargo das bases culturais dos nenos. Antes de porse a ensinar contidos, debería pensarse a sí mesma como un lugar que ofreza unha proposta rica: un espazo placenteiro onde se escoite música nos recreos, que esté inundado de arte; onde se lle lean ós nenos durante quince minutos libros cultos para que tomen contacto coa emoción da lectura”.