Previr e evitar os incendios forestais en Galicia é tarefa de todos. Por iso, queremos darche algúns consellos e mostrarche que tipos de iniciativas se levarán a cabo este ano para evitar o lume.
Sóache a palabra «Pladiga»? Non? Pois inclúea a partir de agora dentro do teu dicionario persoal e axudarache a coñecer moito máis sobre os incendios forestais na nosa comunidade. O «Pladiga» é o «Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia» e ten como obxectivo xeral o de reducir ao máximo posible, tendo en consideración os recursos dispoñibles, as consecuencias ecolóxicas, económicas e sociais producidas polos incendios forestais na nosa comunidade.
O Pladiga 2020 mantén, en liñas xerais, o esforzo en materia de medios e persoal de loita contra o lume, incorporando algunhas novidades importantes, como son a súa adaptación ás condicións establecidas pola emerxencia sanitaria a causa da covid-19 e, especialmente, a implementación dun completo e detallado plan de prevención. Así, o dispositivo humano é moi semellante ao de anos anteriores, pero con maior presenza temporal dos efectivos sobre o territorio, xa que o persoal fixo descontinuo permanece despregado seis meses, un máis que na anterior campaña.
Que canta xente compón este plan anti incendios? Nada máis e nada menos que máis de 7.000 persoas, contabilizando tanto os profesionais propios da Xunta como os adscritos a outras administracións, que disporán de 360 motobombas, entre outros medios, para deter o lume mesmo antes de que se propague. Con respecto aos medios aéreos, o Pladiga ten entre as súas novidades a dotación de maior capacidade de transporte de auga e a mobilización dun total de doce drons, tanto para vixilancia e disuasión como para dar apoio á extinción. Este ano aprobouse un plan monográfico sobre prevención que suporá un investimento de 30,5 millóns de euros para actuar en preto de 46.000 hectáreas e en case 5.800 quilómetros de pistas e estradas
E nós que pintamos en todo isto? O certo é que a nosa colaboración é fundamental para que o traballo dos profesionais do Servizo de Prevención de Defensa Contra Incencios Forestais (SPDCIF) teña sentido e chegue a bo porto. Debemos estar alerta para detectar calquera indicio de incendio e saber como comportarnos antes, durante e despois no caso de que apareza o lume.
Queremos darche algúns consellos sinxelos para que saibas que debes facer e que non debes facer.
Prevención ante os incendios forestais
Que fará o Pladiga?
Un plan monográfico que supón un investimento de 30,5 millóns de euros para actuar, con traballos preventivos en preto de 46.000 hectáreas e en case 5.800 quilómetros de pistas e estradas. Ademais, contempla a construción de 121 novos puntos de auga e o mantemento dos 3.207 xa existentes, entre outras medidas.
Adquisición e mantemento de motobombas, a construción e arranxos nas emisoras e bases aéreas, o aluguer de vehículos para brigadas e axentes e diferentes equipamentos e ferramentas. Tamén se puxo en marcha o Plan de pastoreo de Galicia, co obxectivo de fomentar a ordenación e posta en valor dos pastos da comunidade para un mellor aproveitamento dos recursos naturais, ao tempo que se traballa na anticipación aos incendios forestais.
Que podes facer ti?
- Se se iniciou un incendio, chama ao 018 e segue as súas indicacións.
- Para denunciar a posibles incendiarios, chama o 900 e segue as súas indicacións.
Actuación ante os incendios forestais
Que fará o Pladiga?
Potenciará as aplicacións informáticas coas que conta o persoal do servizo para a loita contra o lume. Así, intégranse novas funcionalidades, como a visualización actualizada de imaxes vía satélite, a compartición de pantalla entre varios usuarios ou a implementación de shapes (formas, siluetas) provisionais de evolución do lume. Ademais, tamén se contará con información en tempo real, para a xestión dun incendio sobre o territorio, nas propias tablets das que dispoñen actualmente os axentes e técnicos.