Na última década a crise económica non so convertiu aos mileuristas no común dos traballadores españois, senón que trouxo consigo outro tipo de cambios. Coma acontecera coa crise do 29, a febre do swing, comezando por Suecia, chegou á Península, e pisando forte.

 

Barcelona, que sempre fora a cidade do jazz do sur de Europa, convertiuse no epicentro dunha pandemia de suor e triple step. Os bailes swing- destacando entre todos eles o lindy hop- comezaron a salpicar a vida social da cidade Condal. Despois, chegaron a Donosti e Madrid non se ía quedar atrás. A afición polo swing invadiu a bailaríns e músicos, e foi pouco a pouco alongando os seus tentáculos a persoas que descoñecían totalmente canto lles molaba mover o esqueleto. Con Barcelona e Madrid á cabeza, expandiuse por Valencia, Zaragoza, Mallorca, Granada, Vitoria, … e así, paseniño, invadiu toda a península. E digo península, porque Portugal, polo seu lado, non nos tiña nada que envexar. En Lisboa e o Porto pronto xurdiu unha escea swing chea de vida, na que proliferan os festivais e encontros- aos que todo lindyhopper peninsular debería asistir polo menos unha vez-, como o Altantic Swing Festival.

E así, invadindo e contaxiándose entre persoas coñecidas e descoñecidas, alén das linguas, relixión e clase social, chegou tamén a Galicia. Porque aquí, na terriña, as cousas seica chegan tarde, pero cando chegan, chegan. E chegaron a un fermoso recuncho das nosas costas, a Bueu, da man de Elena e Jorge, que foran contaxiados polo virus do lindy hop no Porto.  

 

Elena e Jorge comezaron a dar clases, no 2012, en petit comité no Aturuxo Bar, un dos núcleos do swing galego a día de hoxe, e centro da vida cultural nocturna de Bueu. En apenas dous anos, esas clases case ailladas convertéronse nunha escola chamada  Swing On Vigo con sede- dende o 2016- no O Almacén Cultural. vai apenas un mes foi o terceiro Enxebre Swing Festival que, a día de hoxe, organizan os apaixoados e movidos integrantes de Swing On Vigo. O Enxebre Swing Festival leva a seña do que para min é o swing galego: o swing de cerca, de pé no chao, de Estrella Galicia e papeo, de pasalo ben dun xeito libre, promovendo a cultura popular.

 

O Enxebre Swing Festival é un festival onde reina o bo roio. A estética, os anos que leves bailando ou o teu “rol” non contan. O birrolismo, que non é o mesmo que bailar cunha birra na man -aínda que tamén está permitido-, é unha das características do Enxebre e de Swing On. En tódolos festivais de swing hai unha competición de baile chamada Jack&Jill onde se premia á mellor parella. No Enxebre gaña quen o “pete máis”. Nesta edición do Enxebre Swing Festival’18, a Jack&Jill consistía en bailar pasándoo ben e cambiando de rol.

Aquí unha lista dos principais eventos de este verán:

Para que non o coñeza, o lindy hop báilase en parella, e como é tradición na cultura europea, o home leva (leader) e a muller é levada (follower). Na actualidade, esta diferencia de rol segundo o xénero comeza a abandoarse, e escolas como Swing On, promoven absolutamente o chamado bilorrismo, é dicir, que se aprenda a bailar tanto de leader coma de follower, sen discriminación de idade, sexo ou relixión.

 

A segunda característica de Swing On e do Enxebre é poñerse a cresta. Porque é galego e é enxebre, e na terriña, outra cousa non, pero o que é festexar, niso si que o petamos. Se non che da o corpo para bailar unha máis, sempre vas ter un pouco de licor café e a mover o cú. Que se non sabes facer un swing out, pois fais un swing on, e lle das a punkarrada. E se a banda deixa de tocar, xa ven DJ Garbiñe, dende terras vascas, a poñer o Xabarín. Os fin de festas de Swing On rematan, sempre, sempre, sempre, co chamado pogo swing. Os lindyhoppers que chegan ao Enxebre sen antecedentes, normalmente fican abraiados e, pasado o estupor, métense a poguear para queimar as últimas forzas.

 

Pero volvendo ao swing das Rías Baixas. Swing On School non é a única, porque tres anos máis tarde, da man de Lucía e Sergi, nace MayeuSwing. Sergi e Lucía contáxianse do virus do baile en Barcelona que, non esquezamos, é o centro do swing en España. Sergi, catalán de sangue e nome, comeza xa no ano 2000 a bailar claqué, e dende o 2010 o lindy hop entra na súa vida. Coñece a Lucía na prolífera escea swing de Barcelona, e xuntos deciden levar a cabo un proxecto que lles bailaba na mente dende ía moito. Lucía quería levar de volta a casa unha semente que alimentase a escea swing que tanto lle apaixoaba e que na súa cidade natal, Vigo, estaba aínda xurdindo. Sergi levaba tempo querendo montar a súa propia escola de swing e claqué. A Fundación Mayeusis entra na ecuación para poñer o espazo a este proxecto, así, tendo o recipiente, so lles faltan os contidos. Lucía e Sergi encherán de baile o auditorio de Mayeusis, e nese espazo comezará MayeuSwing, Escola de baile e Club social, sendo o primeiro espazo social adicado en Vigo a promover os bailes swing.

Se de Swing On Vigo destaco o sentirse libre bailando sen roles nen fronteiras de estilo nin xénero, de Mayeuswing destaco a súa intercomunicación constante co feito de facer música, xa sexa dende o claqué, coma co diálogo cos músicos.

 

Paralelamente á implantación do Superior de Jazz no Conservatorio de Mayeusis, comezan a xerarse unha serie de sinerxias que abren unha vía de comunicación entre músicos e bailaríns, e iso é único a día de hoxe na cidade de Vigo. Polo de agora, unha das citas obrigatorias para os músicos de jazz das Rías Baixas, e os lindyhoppers ou bailaríns de swing da comarca, son as Double Swing Jam que organizan en colaboración Mayeusis e MayeuSwing. Dende abril, estas jams son punto de encontro cada xoves de algúns amantes do swing sexa coma bailaríns, coma músicos ou coma simples espectadores.

 

E gracias a Swing On School, á MayeuSwing e aos músicos de jazz e swing que cada vez alimentan máis a nosa programación, Vigo e os seus arredores, vanse enchendo cada vez máis dunha infinidade de eventos onde a música e o baile se dan a man. Este verán ven cargadiño de cousas que non deberías perder, aínda que non teñas feito nin un so triple step na túa vida… porque se te atopas nunha festa de swing, xa verás que pronto te sentes mordido polo virus…

Constanza

Constanza

Constanza es filóloga clásica, políglota, bicho escénico y amante de la literatura. Hiperactiva no diagnosticada, le fascinan las actividades que lleven implícita la creación, desde montar una obra de teatro hasta hacerse un vestido. Le gusta escribir en prosa, en verso y en caligrama. Profesora a tiempo parcial, expresiva a tiempo completo. Adicta a las artes escénicas y al swing, ama la música, escucharla, sentirla y moverse con ella. Su proyecto principal es Constance Hurlé, su alter ego artístico, a través del cual desarrolla un lenguaje directo, metafórico pero comprensible, contemporáneo a la vez que clásico.

Leave a Reply