Receitas… de rechupete!

Unha das aportacións online en alza nos últimos tempos, son os blogs gastronómicos, unha sorte de revistas en rede, recetarios, rede de experiencias culinarias para todos os rangos de experiencia nos fogóns. E como non podiamos ser menos, os galegos temos unha representación ben xeitos no xénero.

A revista Dot comeza a súa investigación da gastroblogosfera para traervos ás persoas que deixan a súa pegada culinaria no xénero con Recetas de Rechupete, un blog ben feito, ben cheo de contidos e con poucas pretensións: só a de ir aprendendo mentres se ensina, de xeito fácil e caseiro, a cociñar un pouco de todo.
A mente pensante e cociñante desta experiencia é Alfonso López, ourensán residente en Madrid, que nada ten que ver profesionalmente co mundo da cociña, por moito que isto poida sorprender ao ver o magnífico blog gastronómico que é Recetas de Rechupete.

Para Alfonso, a cociña é un hobby, pero un hobby moi ben levado, a verdade. O seu blog rezuma profesionalidade e ofrece información de interese non só para os doctos na materia, senón para calquera que se queira achegar aos fogóns para dar os primeiros pasos.

En Recetas de Rechupete podemos atopar datos sobre produtos, avisos e información sobre os talleres que o cociñeiro ofrece a cotío (xeralmente de empanadas, unha deliciosa especialidade) e, sobre todo, receitas. Receitas ben explicadas e accesibles, aptas para todos os niveis de habilidade e gustos e que poderedes descargar por capítulos para facervos un libro de cociña máis que innovador e en constante actualización.

Recetas de Rechupete, de Alfonso López
- O teu prato favorito: parece mentira pero non teño, varía pola temporada, aínda que agora mesmo teño antollo de ovos rotos con xamón, un prato que ten de todo, ovos, patacas, cebola e xamón. Delicatessen pura!!
- A receita que mellor che sae: Unhas filloas recheas, ricas ricas
- O teu blog gastronómico de cabeceira: Uff!, teño unha morea deles, os mellores no blogroll do blog.

Recetas de Rechupete é un dos blogs gastronómicos galegos mellor posicionados, e iso en menos de dous anos de andadura, non é?
Sí, en maio facemos dous anos de blog e vai moi ben. En febreiro tivemos 300.000 visitas e 700.000 páxinas vistas. Ademais, no ránking de Wikio, en blogs gastronómicos nacionais, estamos mantendo a 12ª posición.

Que te levou a crear o teu propio blog?
O blog que leva a “culpa” de engancharme a isto do 2.0 foi o de Javirecetas, que me animou sobre todo por un dos seus primeiros posts no que di “Este será un blog sin pretensiones, soy cocinero aficionado y aquí no se sienta cátedra. Pero creo que estaría bien que entre tú y yo aprendiésemos poco a poco y paso a paso a realizar recetas cada vez más elaboradas y sabrosas. Para conseguir ésto tengo un plan, ir publicando recetas sencillas de preparar y revisar las técnicas básicas de cocina, incluyendo muchas fotos paso a paso para que nadie se pierda.”. Iso era exactemente o que eu quería facer co meu e así empezou todo.

Pero ti adícaste a outra cousa, isto é só un hobby
Efectivamente, é un hobby, e imos pouco a pouco, aprendendo cousas todos os días, intentando cousas novas para non quedar nos pratos de sempre.

Pero aínda que sexa un hobby, Recetas de Rechupete destaca, iso si, non só polos contidos, senón tamén polo seu deseño, que non só é bonito senón claro e accesible
Si, iso é cousa de Jimena, a miña parella e a que se encarga do tema informático. Ela é o 50% do blog, aínda que estea “na sombra”, isto non sería posible sen ela. Ás veces incluso me ten que vir dar un toque de atención para que publique, xa que ela é máis constante ca min, e grazas a ela hai moitos cambios cada fin de semana no blog que se cadra non se ven pero axudan a que todo funcione mellor.

Cal é o espírito de Recetas de Rechupete?
O de aprender tódolos días algunha cousa, sexa no blog ou para o blog no tema da cociña como na miña vida persoal e profesional. Un espíritu practico e sobre todo moi positivo, hai que tomarse a vida con ledicia, toda a que sexa posible.

 De onde veñen todas estas receitas de rechupete?
As receitas veñen un pouco de todos lados, de miña nai, miña avoa, de cando me independicei como universitario, de amigos ou mesmo doutros blogs. En xeral, son receitas de fórmulas tradicionais… pero cun toque novo.

Vén de familia, entón…
Claro que si… Gardo grandes recordos na cociña, sobre todo de miña avoa, á que axudabamos todo o verán meus primos, miña irmá e eu, na aldea, na Ribeira Sacra, polo menos un mes, facendo pratos de sempre, a comida dos domingos, amasando pan, sobre todo, de aí a miña afección pola empanada galega. Sobre todo collía truquiños, mesmo cando aínda non me deixaban cociñar.

Cando che picou de verdade o gusaniño de cociñar?
Xa viña da familia, pero ao marchar estudar a Compostela xa tiña que cociñar máis asiduamente e, cos amigos, íamos facendo receitas. De feito, no piso, chamábanme “Coci”...jeje

Un gran aporte do blog son os recetarios para descargar…
Si, é unha forma sinxela de compartir as receitas, así pódense enviar por correo, ou mesmo imprimilos e gardalos coma un libro de cociña. Actualmente hai varios dispoñibles, de chocolate, de cociña galega, de nadal, biscoitos, ensaladas e, como non, de receitas para tempos de crise. A verdade é que leva bastante choio, pero penso que merece a pena.

E agora non só pos a man de cociñeiro no blog, tamén impartes cursos de cociña.
Dou obradoiros sobre todo de empanadas, na escola Apetit’oh, de Madrid. A verdade é que teñen moi boa aceptación e as prazas énchense enseguidiña. Toda a comida galega chama moito na capital, a cociña galega de calidade está de moda.

O das empanadas é a túa especialidade…
Pódese dicir que si, pero a cousa empezou ao vir a Madrid. Eu estaba afeito a Galicia, que vas á panadería co teu compango e alí póñenche a masa e cócena, pero ao chegar aquí e botalas de menos, tiven que aprender a facelas, ir recuperando receitas e logo evolucionando a empanadas un pouco máis complexas as que chamo de autor, imaxinación o poder sen deixar as receitas tradicionais.

Formas tamén parte de Tapas&Blogs, de que vai esta iniciativa?
A cousa consiste en xuntanzas de blogueiros gastronómicos. Foi unha idea que surxiu no twitter nunha conversación con outro amigo blogger, Daniel do Monstruo de las galletas. Poco a pouco vai gañando forza, de feito, no último, xuntámonos 40 bloggers gastronómicos, algúns de Madrid, ao ser alí, e a sorpresa e que moitos do que nos xuntamos somos galegos, así como si estivemos na casa, falando galego.

Que novidades e actividades tes preparadas para os vindeiros meses?
A verdade e que moitas, aínda que vou a deixalas en sorpresa. Convidovos a que paséis polo blog nos próximos meses, xa veredes :)

Para rematar, que receita do teu blog nos recomendas?
Unha tapa das de quedar coma unha raíña nunha cea cos amigos/as, ademais é super sinxela: Tosta de gulas, pulpo y langostinos.

Consulta esta receita e moitas máis en www.recetasderechupete.com.

compartir en facebook
compartir en twitter
Bookmark and Share
PUBLICADO POR Sabela González el 04/04/2011
Gastronomía, Entrevista

La revista Dot: nace como una necesidad de dar a conocer lo más relevante en el panorama artístico y cultural de Galicia. Una guía útil, pero sobre todo eficaz, para los que viven aquí y los que vienen por primera vez, cuya intención es dar a conocer todo lo que se puede hacer y en dónde se puede hacer.  Cada dos meses, os presentamos en una tirada en papel de 12.000 ejemplares distribuidos en casi 1000 puntos de distribución ... leer más

Suscríbete a nuestro boletín semanal y recibe nuestras recomendaciones semanales en tu correo
A Coruña | Ourense | Pontevedra | Santiago | Vigo
DOT MAGAZINE © 2017 · Todos los derechos reservados · Dot: está editada por ChaChaChaStudio | Aviso Legal | Panel de redactores
Irmandiños 8, 4ºA, 36201 Vigo (SP) | T. +34 692 140 602 | info@dotgalicia.com