PRIMAVERA CLUB GUIMARAES

 


Cun GPS de papel moi ben interpretado polo meu copiloto chegamos a Guimaraes, ao hotel Ibis, co tempo xusto para deixar a maleta e poñernos a buscar os edificios onde se celebraba o festival. 

 

Camiñamos rúa arriba e ao pouco atopamos a Plataforma das Artes e da Creatividade. Pechado, sin xente nas inmediacións. Puxemos a pasear a tarifa de datos do teléfono para localizar os outros recintos e, en vinte minutos, co tema das entradas xa resolto, desfrutábamos, cervexa en man, no Café Concerto do Centro Cultural Vilaflor, da actuación de Sensible Soccers, unha banda portuguesa de electropop psicodélico formada por baixo, guitarra, teclados e efectos. Os catro xoves foron a nosa particular carta de presentación e desfrutámolos consecuentemente nunha actuación de cincuenta minutos onde tocaron temas coñecidos dos seus EP's "Sensible Soccers" ou "Fornelo Tapes Vol. 1", así como outros inéditos. "Fernanda", "Twin Turbo" ou "Missé-Missé" soaron inmensos.

 

Despois, no mesmo lugar, era o turno do estadounidense "moi ben valorado por Pitchfork" Daughn Gibson pero a súa proposta de crooner moderno electro-country-blues non me chegou (a pesares de que no seu disco "All Hell" atráeme máis) nos escasos vinte minutos que lle adiquei. Achegábanse as 22:00h. e unha señorita agardaba por nós no CCVF Grande Auditório.

 

Sharon Van Etten apareceu no precioso escenario con vinte minutos de retraso, algo que nos mantivo un pouco nerviosos pola premura da seguinte cita. Aínda así, tivemos corenta minutos para agasallar aos oídos a fermosa voz da cantautora de Brooklyn. Armada cunha boa banda que lle cubría as costas, a nostalxia, o orgánico, o lirismo, a reflexión pero tamén a forza colléronse da man para mecernos na prácida amargura dun bourbon con ginger ale. 

 

Visita ao WC, bifana e rumbo ao Sao Mamede.

 

Mentres collíamos sitio, preto dunha das barras, e observábamos a chamativa arquitetura da sala, Destroyer desenvolvían as súas primeiras cancións na súa habitual atmósfera de elegancia multiinstrumental. Non houbo sorpresas, con eles nunca as hai, foi outra confirmación (despois da do Auditorio do Mar de Vigo no Sinsal) onde o e Vancouver e compaña demostraron o seu bo facer cos temas do seu celebrado "Kaputt" (2011). Hai grupos que son un seguro de calidade e este é un deles. Non podo estar máis namorado deles.

 

Máis tarde, chegou o pirado de Ariel Pink (bolso ao ombro) cos seus Haunted Graffiti e afundíronme na desatención máis absoluta… e iso é o peor que me podía pasar. O mellor: os seus pantalóns bicolor. O peor: os seus pantalóns bicolor. Nada máis que dicir.

 

Xusto cando o cansancio comezaba a amolarme, apareceuo superhipster de Orlando Travis Stewart co seu proxecto Machinedrum e o ánimo cambiou. A través dos seus inacabables óculos (que parecían parabrisas) e co filtro do seu bigode de cepillo, a sala bañouse en cómodos ritmos que ían do hip-hop ao IDM e que levaban a un a bailes de clube negro. Gracias a ese tipo de movementos e ás poucas persoas que alí estábamos foi como coñecimos aos membros de Taragana Pyjarama. Compartimos co seu líder inquietudes musicais e "espirituais" mentres o baterista se deixaba seducir polas portuguesas e o dos teclados facía flexións no chan e outros pasos dancing do máis surrealista.

 

Sen darnos conta chegaron os reis de Chicago, Dj Rashad e Dj Spinn, con máis rollo hip-hop onde a potencia e o repetitivo dos loops fixeron que a néboa musical baixase ao nivel da audiencia. Só nos faltaban o pantalón ultracaído, a gorra tamaño casco de obra e as xoias de ouro.

 

Eran as 3:30h., xornada concluida para algúns pero non para nós. Tivemos forza (e valor) para deixarnos guiar por un "amigo instantáneo" portugués que bici en man e casco na testa (o noso Contador…) nos amosou un clube nunha urbanización lonxana onde os continuos martelazos e brosazos do hard techno infumable que pinchaba o dj nos fixeron escapar nun taxi á velocidade da luz… made in Portugal.

 

 

O sábado, despois de xantar bacallau nun restaurante moi recomendable do casco histórico da cidade e de descansar un pouco no hotel, comezamos o menú musical coa indixestión que supuxo a falta de aforo para o concerto do meu ansiado de experimentar ao vivo Little Wings. Unha boa cola de xente que aínda tiña esperanza de entrar e outros máis resignados quedámonos sen ver a un dos nomes máis atrativos do cartel. 

 

Tomamos unhas cervexas ata que apareceu o dúo Tropa Macaca coa súa escuridade electrónica de sintetizadores e loops industriais. Un experimentalismo crúo complexo para ese momento. Vinte minutos despois do comezo, saímos para o auditorio grande en busca de Sir Richard Bishop

 

O guitarrista experimental (membro fundador de Sun City Girls) elaborou todo un tratado de virtuosismo ao instrumento no que a pluralidade estilística (progressive folk, jazz, flamenco, étnica, finger-picked, new age…) foi a protagonista. Intenso, ambicioso, enigmático, cerebral, exótico… pero tamén unha aposta arriscada para un festival co tag "club" no seu nome. De todos xeitos, foi algo interesante no que non acostumo profundizar. 

 

E logo desto, os Gran Reserva do cartel, Swans, o show con máis audiencia con moita diferenza. A miña primeira vez cos "cisnes" capitaneados polo lendario Michael Gira, unha especie de Conan o Bárbaro do rock experimetal. 

A sensación que tiven ao longo de todo o concerto foi un difícil de describir con palabras. Foi unha das experiencias máis "diferentes do resto" que tiven musicalmente na miña vida (algo similar ao que me sucedeu no Primavera Sound 2011 con Animal Collective… estilos a un lado). Os climas sonoros que creaban os veteranos músicos andaban entre o medo, a angustia, a brutalidade, o maníaco e o "conto que non remata nunca". Creo que non estou preparado para tal mostra de experimentalismo e de arte conceptual. Alégrome de telos visto pero non repetiría. O posterior silencio do edifico ao salir aínda creaba unha sensación máis inusual. 

Con todo, hai opinións para todos os gustos e, incluso a un amigo meu, parecéronlle unha boa opción para iniciar unha doce sesta.

 

Xa en Sao Mamede, cita coas melodías desérticas de Tinariwen. Bastante expectación para ver aos músicos do Tuareg. Non vou dicir que non o esperase pero o certo é que me encantaron. Esa suavidade, esa delicadeza, ese son tan agradable, parente de Ali Farka Touré e de Femi Kuti, esa vontade de fusión de estilos, de culturas, ese espíritu blues-rock, eses punteos de guitarra, as excitantes percusións e o "multiprotagonismo individual compartido"… ou o "protagonismo de bloque", esa proba de que hai moitas linguas nas que se pode crear e en definitiva, o feito de que a apertura cultural e o compartimento das mesmas só leva a positivismos.

 

Turno, despois, para os nosos colegas daneses de Taragana Pyjarama e o seu ambient techno sintético. Estábamos pendentes do que podían dar de si aqueles tres rapaces e deron cal e area. Os sons, bastante atractivos, con climas entre o tropical e a escuridade de clube que lembraban a uns mini-Delorean de baixa intensidade, cun baterista un tanto empanado que golpeaba coa levedade dun bebé, cun Nick Kold concentrado e cun "algo" máis chill que animado. Creo que unha comparación xusta sería un avión que percorre a pista de aterrizaxe a cincocentos quilómetros/hora pero que finalmente non despega, sigue avanzando por terra. Algo agradable, máis deixando un pouso de que podería ter sido máis e mellor. A ver o futuro como os trata…

 

E logo, palabras maiores aos mandos, todo un referente da comunidade electrónica xermana, Robag Wruhme e o seu microhouse sofisticado. Foi unha hora e media de sesión na que repartiu clase en elevadas doses. Sen pamplinas, nin estridencias, nin efectismo barato, acudiu ao núcleo do minimalismo para lograr uns ritmos expansivos, exercicios de estilo que provocaban o cambio de estado anímico. Na segunda metade do concerto unha voz en claro discurso social de igualdade, respeto e recuperación do poder do pobo fixo de fío de unión entre os distintos tracks. Vir do baño escoitando de fondo ese remix de James Blake non ten prezo.

 

E cos da organización meténdolle presión para que rematase en contra do seu desexo nos despedimos desta edición portuguesa da vertente club dun dos festivais máis alternativos de Europa, unha edición de ecléctica programación, con certa complexidade de propostas pero sempre con ese marcado tinte enriquecedor.

 

 

Unha hora máis tarde, con imaxe en branco e negro, entrábamos en calzóns no hotel e o recepcionista, un tal Manuel, logo de ameazarnos con chamar á policía, acababa charlando con nós mentres papábamos uns bocatas. Un soño divertido, este último, que nos colleu xa na cama.

 

 

 

 

FOTOS BORROSAS: Jalo Catro.

 

compartir en facebook
compartir en twitter
Bookmark and Share
PUBLICADO POR Jose Angel Lopez el 04/12/2012
Agenda, Música

La revista Dot: nace como una necesidad de dar a conocer lo más relevante en el panorama artístico y cultural de Galicia. Una guía útil, pero sobre todo eficaz, para los que viven aquí y los que vienen por primera vez, cuya intención es dar a conocer todo lo que se puede hacer y en dónde se puede hacer.  Cada dos meses, os presentamos en una tirada en papel de 12.000 ejemplares distribuidos en casi 1000 puntos de distribución ... leer más

Suscríbete a nuestro boletín semanal y recibe nuestras recomendaciones semanales en tu correo
A Coruña | Ourense | Pontevedra | Santiago | Vigo
DOT MAGAZINE © 2017 · Todos los derechos reservados · Dot: está editada por ChaChaChaStudio | Aviso Legal | Panel de redactores
Irmandiños 8, 4ºA, 36201 Vigo (SP) | T. +34 692 140 602 | info@dotgalicia.com