MICHAEL NYMAN EN PONTEVEDRA


O día que me enterei de que Michael Nyman tocaba en Pontevedra debuxei un sorriso no meu rostro primeiro para, acto seguido, coller a miña libreta de notas e enmarcar a cita nun chamativo rectángulo co texto en letras ben maiúsculas. Como quen vai marcando os días no calendario, agardei con ansia a chegada dese día… un día que foi onte.

 

Doce do doce do doce. Esa xornada na que a xente en Facebook se volveu tola co poder da simboloxía (algúns incluso estiveron atentos á hora, as 12:12) para, logo, acabarse dando conta de que o día era como outro. Eso sí, para min foi algo máis especial.

 

Cheguei ao Pazo da Cultura dez minutos antes da hora, acompañado de dous anxos loiros que acababan de chegar do ceo e que se encargaron de recoller as entradas en taquilla mentres botaba unha ollada no merchandising. Non atopei a banda sonora de "Wonderland" pero fíxenme con "The Glare", un álbume "diferente".

 

Sentado xa na butaca 13 da fila 20, contemplei escasos segundos un auditorio que non me gustou por motivos que non teño claros. Abaixo, no escenario, un piano, en soedade, orientábase desde o lateral diagonalmente hacia o fondo. Antes de darme conta, ás 21:20h., baixou a intensidade da luz e proxectábase na pantalla un video duns mozos limpando a area dunha praza de toros mentres soaba unha melodía creada polo xenio de óculos circulares. Cando me comezaba a distraer saiu a escena sixilosamente e púxose mans á obra. Soaba un dos temas de Wonderland. Creo que foi "Debbie". Enfiou seguidamente, con delicadeza, catro ou cinco cancións máis onde me decatei de que algo non me acababa de convencer. Pode que fose que o piano estaba máis baixo do que agardaba… ou que o londinense tocaba cunha sorprendente ausencia de expresividade que non de profesionalidade… ou cecais que o intenso cheiro a perfume de Hollywood Boulevard da veciña me incapacitaba cerebralmente.

Encontrábao apático, actuando automaticamente, como quen fai máis por inercia que por paixón.

Nas cinco secuencias seguintes, a medida que as partituras caían ao chan como as follas das árbores no outono, a música foime chegando máis. Un bo momento chegou cando Nyman tocou ao tempo que na imaxe, un ancián camiñaba polo borde dunha estrada con coches. O que nun principio me parecera soso foise convertindo en algo agradable que chegou a un punto álxido cun video musicado en vivo da unión de dous vagóns de tren ("Love Train"). 

Caeran outras cinco cancións. A pesares de que había uns cantos sentidos postos a traballar, o compoñente sensorial do show non era de destacar. 

Corenta e cinco minutos despois do inicio retirouse con aplausos. Outro video serviu de descanso de cinco minutos ata que volveu ao escenario e tocou sen descanso unha longa peza en comuñón con diferentes imaxes. Ao lonxe vía a un home para quen os concertos son como comer… un feito cotiá sen aparente importancia. Cun son moi lineal, plano, como o tracateo dunha máquina de escribir, con moi pouca carga sentimental.

Por un momento, apreciei unha melodía moi próxima ao "Stand By Me" de Ben E. King (e non fun o único). Mera coincidencia de algunha nota que provocou un cambio de aire.

Pareceume bastante interesante a súa composición que acompañou a un video sonoro doutros anciáns de "mans pasadas polo traballo duro" xogando ao "pedra-papel-tesoiras". Foi unha sensación entre o impacto do paso dos anos, o poder do rural e a forza dun piano engaiolado.

Volveuse ir ás 22:40h. con outro aplauso para volver sen tardar. Como recta final, tocou un fermosísimo tema ligado a dous videos coa pantalla dividida, unha panorámica en barco e outra en avión.

Dez minutos despois erguíase do asento peara expoñerse, de pé, ás loubanzas do público.

 

Como resume e, aínda tendo desfrutado bastante, debo recoñecer que as miñas expectativas non se cubriron todo o que desexaba ou imaxinaba. Digamos que agardaba un plus, algo máis. Tiven sensacións durante todo o concerto de estar escoitando un disco no meu salón, prácidamente, máis sen esa impresión que produce o directo e que fai que te namores dun artista por completo… como me namorei fondamente do grandísimo Ludovico Einaudi en Vigo… ou como alucinei co desfasado (no sentido positivo) Wim Mertens tamén en Pontevedra.

 

 

 

 

FOTO: Jalo Catro.

compartir en facebook
compartir en twitter
Bookmark and Share
PUBLICADO POR Jose Angel Lopez el 13/12/2012
Agenda, Música

La revista Dot: nace como una necesidad de dar a conocer lo más relevante en el panorama artístico y cultural de Galicia. Una guía útil, pero sobre todo eficaz, para los que viven aquí y los que vienen por primera vez, cuya intención es dar a conocer todo lo que se puede hacer y en dónde se puede hacer.  Cada dos meses, os presentamos en una tirada en papel de 12.000 ejemplares distribuidos en casi 1000 puntos de distribución ... leer más

Suscríbete a nuestro boletín semanal y recibe nuestras recomendaciones semanales en tu correo
A Coruña | Ourense | Pontevedra | Santiago | Vigo
DOT MAGAZINE © 2017 · Todos los derechos reservados · Dot: está editada por ChaChaChaStudio | Aviso Legal | Panel de redactores
Irmandiños 8, 4ºA, 36201 Vigo (SP) | T. +34 692 140 602 | info@dotgalicia.com