ENTREVISTA A RUXE-RUXE

Unha boa nova! Os Ruxe teñen un novo fill@, unha nova colección de cancións e de emocións que compartir con tod@s nos. Non se podía perdela oportunidade de falar con eles para comprobar que hai de novo no seo da banda. Pasen e lean...

1.- Ola! Teño que cambiar a pregunta á vista do voso comunicado, moi contentos coa nova gravación, e cheos de positividade, credes que os temas transmitirán esas sensacións ou hai un pouco de todo?

Coma en todos os traballos do grupo imos ter un pouco de todo. Nestes dous últimos anos vivimos experiencias persoais boas e malas. O disco fala diso: de amor, de amizade, de felicidade, de angustias e decepcións e de vivir no mundo que nos tocou con todas esas cousas malas pero tamén con moitas boas.

2.- Como se titula o novo traballo e cantos temas o conforman? Para cando estará dispoñible?

Pois finalmente xa podemos decir o título do novo disco: “Máis cancións sobre toxos, cardos e silveiras” … Finalmente e despois de varios descartes no local de ensaio o disco estará formado por 17 cortes e o título coido que responde moi ben ás intencións das cancións.

Estará na rúa o 31 de marzo.

3.- Que poderemos atopar no novo traballo, algunha sorpresa sonora, segue a liña do anterior a nivel musical...?

En canto a concepto o disco é moi punk e entendendo sempre o punk como liberdade total de ideas, de estéticas e de estilos á hora de compoñer o traballo. En canto ás sonoridades deixámonos levar polo que o corpo nos pideu e o resultado parece un disco máis crú e escuro que os anteriores. En canto a sorpresas hainas e ademais disas que nos puxeron a pel de pita en canto a colaboracións.

4.-Coa que está caendo a nivel económico e político, crise, paro...pode que todo iso se filtrara a nivel lírico no novo traballo, que me podedes dicir sobre a temática das novas letras?

Nós nas pezas sempre falamos do noso mundo. Da maneira de ver a vida dende a aldea de Aríns e as conexións que creamos co resto do mundo. As nosas vivencias, o amor, a amizade, a vida, a morte, a crise, a política, as inxustizas, os conflictos sociais e toda a realidade que nos rodea sempre está implícita na nosa música.

5.- Este será o voso oitavo traballo discográfico. Como vedes a vosa traxectoria? Estades contentos e con gañas de ir a por outros 15 anos(ou 16)?

Sen ningún tipo de dúbida estamos vivindo un dos mellores momentos da historia do grupo tanto no eido musical como no persoal. A vida dá moitas voltas pero agora mesmo a nosa intención é ir por outros 16 ou polos que fagan falta. Mentres teñamos xente que se achegue á nosa música e nos encha coa súa enerxía e entusiasmo continuaremos a desfrutar desta aventura tan máxica para nós.

6.-Contádeme quen colabora no disco e por que? Pódese falar dalgún xeito dunha gran familia do rock galego?

Pois no disco colaboraron Bocixa Zenzar e Esteban Skacha na peza”rock do país” unha canción que pretende ser a nosa pequena homenaxe a todas as bandas que fixeron, fan e farán música, rock e punk en galego. Nós estámoslles agradecidos e sentímonos en débeda con todas esas formacións que sempre nos deron e dán enerxía para patear o camiño e bourar con forza … e Zenzar e Skacha ademais son dúas das nosas bandas de cabeceira.

Roi Quempallou tocou o acordeón en varias pezas do disco e vaia luxazo poder contar con tremendísimo crack tanto no persoal como no musical ao igual que con Xabier Díaz do que somos fans absolutos e tivemos o privilexio de que nos viñera a meter percusións tradicionais ó disco así como algunha voz aloumiñante de auténtico luxo.

Dios ke te crew ó completo fixéronnos un agasallo que cada vez que o escoitamos xa nos dá para pensar que todo esforzo de todos estos anos valeu a pena. Ademais de ser uns animais de talento sobresaínte son desa xente coa que é un regalo tropezar con eles polos camiños do mundo.

Cando metemos colaboracións nos discos temos que decir que o facemos para mellorar a proposta e facémolos currar a esgalla, non son simplemente colaboracións de figurar nos créditos senón que están aí para poñerlle calidade ó traballo. Estámoslles moi agradecidos a todos e si, musicalmente son a nosa grande familia ademais de moi bos amigos.

7.- Cando será a presentación do disco? Tendes xa datas para presentalo?

31 de marzo na Sala Capitol e acompañados de MEDOMEDÁ, uns irmáns ós que moito aprecio lle temos e que ademais son un grupazo que mete medo, que soan potentísimos e que presta moito velos e escoitalos.

Agardamos xuntar alí naquela noite a un bo feixe de amig@s abaixo do palco para que nos den esos aloumiños que tanto solaz nos dán e que tan ben nos veñen.

8.- Editades o novo traballo con Lobicán Records, é un selo propio? Como vedes o camiño da autoedición con respecto a ter o respaldo dun selo(que saiba o que se fai e o que ten entre máns, claro)?

Lobicán Records é o noso selo. Xa levamos moitos anos sendo os únicos xefes e culpables das nosas produccións e ata o de agora non nos foi mal nese sentido. Continuaremos por ese camiño e cada vez máis convencidos de que atinamos na decisión.

9.- Como vedes a música galega(sobretodo a cantada en galego) actual en comparación con cando comezaches a vosa andadura? Credes que a música en galego ten unha demanda ascendente ou máis ben ao contrario?

Sempre decimos o mesmo: o único que necesita a música galega é que os medios do país lle den espacio e lle presten a atención mínima necesaria para que @s galeg@s nos enteremos do tremendo tesouro musical e cultural que temos.

10.-Como percibides o relativo auxe do vinilo, poderemos ter a curto prazo un vinilo de Ruxe-ruxe entre as mans?

Ó final sempre andamos cos presupostos curtos para facer esa edición en vinilo pero agardamos próximamente facer unha edición en vinilo dun disco noso. Farianos ilusión e sabemos que tería boa acollida. Igual o próximo disco.

11.-Dicídeme algúns dos últimos traballos discográficos(ou bandas) a nivel global que vos haxan impactado de algún xeito?

No grupo somos cada un de súa nai e de seu pai e para poñernos ós seis de acordo igual tes que tirar de clásicos dos Clash, de Motorhead, dos Pogues … e últimamente no local de ensaio escóitase moito o nome de Foo Fighters.

12.- Brevemente, que pensades de:

-A unión europea: Un gran cristo.

-Un galego na Moncloa: Mariano Rajoy. Si, tamén seica hai un galego na lúa.

-O punk: Liberdade e actitude. O punk mola.

-La Polla Records: Non se pode decir nen máis alto nen máis claro. Non somos nada.

-A música(sobretodo a galega) nos medios de comunicación públicos: Nos públicos non se lle fai caso dabondo e nos privados tampouco o cal é un atentado cultural sen ningún tipo de sentido.

13.- Engadide o que queirades.

Pois darvos as grazas e convidarvos a que pasedes por Aríns un día destos para convidarvos a uns tróspiros e tamén lembrarvos que vos agardamos na Capitol para axudarnos a botarlle uns berros e espantar as pantasmas ruíns do noso carón.

Forza irmáns !!

Máis info: http://www.ruxeruxe.com/

 

compartir en facebook
compartir en twitter
Bookmark and Share
PUBLICADO POR Jorge Rodríguez el 25/02/2012
Música

La revista Dot: nace como una necesidad de dar a conocer lo más relevante en el panorama artístico y cultural de Galicia. Una guía útil, pero sobre todo eficaz, para los que viven aquí y los que vienen por primera vez, cuya intención es dar a conocer todo lo que se puede hacer y en dónde se puede hacer.  Cada dos meses, os presentamos en una tirada en papel de 12.000 ejemplares distribuidos en casi 1000 puntos de distribución ... leer más

Suscríbete a nuestro boletín semanal y recibe nuestras recomendaciones semanales en tu correo
A Coruña | Ourense | Pontevedra | Santiago | Vigo
DOT MAGAZINE © 2017 · Todos los derechos reservados · Dot: está editada por ChaChaChaStudio | Aviso Legal | Panel de redactores
Irmandiños 8, 4ºA, 36201 Vigo (SP) | T. +34 692 140 602 | info@dotgalicia.com