DISCOS GALEGOS PARA ESTE VERÁN


"Violentos anos 10" - ATAQUE ESCAMPE (2012).

 

A min Ataque Escampe reláxanme… non sei, é como escoitar a radio a primeira hora da mañán. 

Primeiro foi "Galicia Es Una Mierda" (2008), logo veu "A Grande Evasión" (2009) e o ano pasado publicouse "Violentos Anos Dez", un traballo cento por cento galego, música galega feita en galego… así me gusta! (aínda que só fose para variar…). 

Explícome. Fan música ao estilo da raiz americana (rollo country-soul indie) pero co neo folk presente (acordeón e rap, por exemplo). As letras son un dos fortes da banda, críticas, con sentido reivindicativo, metendo tamén eses recurrentes diálogos de filme e achegadas á nosa realidade. 

"Segunda División" (sobre o Celta), "Once Upon A Time: A Terra Cha", "Curtis Mayfield", "Esparadrapo" ou "Festa Melandrómica" son algúns dos divertidos temas que podemos experimentar.

Parece que esto comeza a escampar.

 

 

 

"Peace Of Mind" - WATIOS (2013).

 

Por medio dun amigo de Facebook descubrín a estes galegos devotos da rima e das bases elegantes propias do soul mainstream. 

Son doce cortes producidos case na súa maioría por Judah, coas colaboracións do catalán Jay Calabria e do coruñés D.L. Blando, acompañados na parte vocal por Ponte e o vigués Elecesar. 

A dicir verdade, na primeira escoita, "Peace Of Mind" (2013) non me entrou de todo, probablemente polo "soft" da proposta, mais a medida que repetía co disco, íalles collendo o punto e, agora, recoñezo que non está nada mal.

Letras afiadas, de actualidade, globais e locais, pegadizas e para todos os públicos.

Watios é hip-hop nacional sen complexos, directo pero amable, dese que provoca movementos de cabeza lentos e pouco violentos… nin rastro das americanadas tipo Odd Future e resultantes.

Máis Galicia!

 

 

 

"Alfabeto Eléctrico" - TORA! TORA! TORA! (2011).

 

Creo que xa ninguén debería ter dúbidas a estas alturas do tremendo e plural auxe da actual música galega (e non falo de folk), un auxe e unha explosión que se cultiva e vive nos diretos de cada rincón da nosa xeografía. Van moitos descubrimentos, moitas sorpresas… e iso non é casualidade… en Galicia hai moito talento… agora só falta aumentar as oportunidades.

Tora! Tora! Tora! (nome tremendo, por certo) son uns pontevedreses que veñen cheos ata arriba de forza e ruidismo (ou será mellor dicir boureísmo aquí?) coa súa maqueta de catro temas "Alfabeto eléctrico" que espero sexa a letra maiúscula que comeza unha longa frase, un inicio dunha carreira interesante.

Subide o volume e… atentos, que logo acaba!

 

 

 

"4.0" - SUMRRÁ (2010).

 

Sumrrá non son máis que unha excelente banda de jazz que se sitúa no máis alto do panorama estatal… e son de aquí, de Galicia. 

Levan xa máis dunha década dando mostras da súa calidade e con este "4.0" (2010), con seis longos desenvolvementos instrumentais (sen nome, só numerados) de duración diferente, volven a facer apoloxía do bo gusto e mostran aos oíntes o que é soar moderno hoxe en día.

Manuel Gutiérrez (piano), Lar Legido (batería) e Xacobe Martínez Antelo (contrabaixo) exploran todos os terreos (ocultos e visibles) do jazz a través de lindas deconstrucións rítmicas, lirismo, ímpetu sonoro e estilístico e paixón pola música.

Sen lugar a dúbidas, un discazo!

 

 

 

"1ª Demo", "Baboom" e "Puchao" - SRASRSRA (2012).

 

"1ª Demoª, "Baboom" e "Puchao" son os avances que Srasrsra (nome de difícil pronuncia que se simplifica en 'señoraseñorseñora') nos presentan para demostrar todo o seu potencial… que non é pouco.

Entre os tres, sobre dezaoito minutos de duración (unha media de 45 segundos por tema), o perfecto para unha espera nas colas de Correos, unha brevidade en tempo que contrasta coa súa alta tensión rítmica, coa franqueza en actitude e co seu salvaxismo desmedido.

Estes dous rapaces de A Coruña, estes dous pirados mellor dito, Zippo (tamén membro de Triángulo de Amor Bizarro) e Víctor, fan metralletazos de punk-rock-noise que veñen en cápsulas de acción e que provocan o empalme celular ao instante. Darlle ao "play" supón un sen descanso que non ten comparación hoxe en día. 

"Putos señora", "Come bolsas", "Sonido loco", "Felatio", "Lista de la compra", "Bueno sí, no" ou "Chaqueta de droga" son tales petardazos que matarían a trinta elefantes.

Chistosos! Divertidos! Asasinos sonoros! Pluripsicopatolóxicos!

Miña nai que tolemia!

 

 

 

"Shy Little Jane Presents: The Dramatic Tales Of Her Animals" - JANE JOYD (2012).

 

Non vou ser eu o que lle tire pedras encima a Russian Red pero comparala coa nosa fantástica Jane Joyd… por favor! A galega nunca diría aquelo de "es un placer tocar con esta playa al lado" no porto de Vigo cando Lourdes Hernández se deixou caer polo Transforma.

Tanto o seu primeiro EP coma este "Shy Little Jane Presents: The Dramatic Tales Of Her Animals" (2012) demostran que estamos ante unha grande artista que, aínda que polo seu acento pareza unha crooner anglosaxona, é de aquí, da terra, Elba Fernández, unha rapaza que ven a refrescar notablemente o panorama suoroso de cantautora con guitarra e que gañou en 2011 o Proxecto Demo que organizan RNE3 e o FIB.

Folk enjazzado, dunha delicadeza asombrosa, unha sensibilidade única, un talento evidente e uns vogais marabillosos ao longo de catro cancións sobre animais, un paxaro enxaulado, un cabalo descorazonado, un peixe morto e un raposo gavacho... Jane e as súas mascotas. 

Este EP ven nunha caixa preciosa con catro postais feitas con agarimo pola propia artista que o convirten nun agasallo perfecto para un ser querido.

Longa vida á señorita Joyd!

 

 

 

"Salmonete" - MULLET (2011).

 

Óscar Vilariño (Burger), Raúl Gracía (El Ano) e Olalla Caamaño (Bragochas) son a banda galega Mullet, un desfase en clave de revolta irmandiña musical. 

"Salmonete" é o seu excéntrico álbume de debut que chega para convertilos noutro dos grupos que poñen Galicia no mapa español sen complexos. Áspero, fresco, sinvergoñas, maleducados, irreverentes, politicamente incorrectos, punkismo ilustrado, humor intransixente e xusto, insultante… son algúns dos calificativos que lles veñen ao pelo.

Entre a broma de bo gusto, a falta de seriedade e os ritmos áxiles da xuventude, estes rapaces bailan sobre tumbas de corta duración como "Curas + mierda = 2", "Pelo o camiseta", "Vaya si entiende" ou "Congelados y mascotas".

Do máis divertido que escoitei en moito tempo!

 

 

 

"Dous" - 2US (2012).

 

O dúo galego 2uS (que se le "dous") é un dos nosos maiores expoñentes musicais. O clarinetista Fernando Abreu e o guitarrista Pablo Carrera firman un segundo disco, "Dous" (2012), dunha calidade suprema, unha xoia que afonda en novas sonoridades, jazz dos anos vinte e trinta, pop, world music, o Caribe, oriente… 

Cancións debuxadas con música popular e de cámara, un encontro entre o academicismo e a tradición, unha achega de Galicia a outras culturas de latinoamérica e centroeuropa.

Entre tanta euforia de bandas galegas ruidistas (que desde aquí celebro) non debemos esquecer estas propostas tan enriquecedoras.

 

 

 

 

"Uno" - LENDRONE (2013).

 

Galicia en modo explosión. A cantidade de bandas interesantes no noso horizonte é máis que sorprendente. Hoxe máis que nunca, Galicia é sinónimo de calidade musical.

Neste caso, falo de Lendrone, grupo de A Coruña (non "La") formado por Jorge García (baixo e sintetizador), Andrés Satué (guitarra, teclados e programacións) e Juan Alvedro (batería), que a través do selo Matapadre, presentan un disco de rock instrumental entre o krautrock e as matemáticas sonoras.

"Uno" (2013) é un álbume arriscado, escuro, bravo, fresco, poderoso, na liña de Battles, Don Caballero, Holy Fuck ou The Redneck Manifesto. Un álbume con once cortes tremendos onde a experimentación manda e onde os impulsos cerebrais se disparan (eu quédome con "Misa en Detroit").

Poido dicir, ademais, que o seu directo é arrebatador, electrizante, unha chuvia de semibrutalidade psicodélica. 

Unicornibot xa ten irmán pequeno...

 

 

 

"Fantasmage" - FANTASMAGE (2012).

 

Doce temas e potencia dabondo para parar un tren. Fantasmage é un dúo de garage vigués, Daniel Nicolás (de March) e Andrés Magán (de Anenome) que está levantando moito pó alí onde pisan. Voz, guitarra e batería chegan para armar todo este lío musical galaico que tanta expectativa xera. Son unha ledicia, un despropósito de enerxía supérflua, un torrente de sensacións, unha descarga de humanidade, un ataque de potencia ben controlada, a demostración de que aquí tamén se pode. Uns minutos intensísimos de ritmos xuvenís, rebeldes, que saben a moito. O ambiente escuro da man do mundo salvaxe, a luminosidade da cor negra. Nunha liña entre No Age e os xeniais Japandroids pero cunha voz un tanto máis pop... uns curmáns lonxanos de Triángulo de Amor Bizarro.

 

 

 

"Buon Giorno" - MÚSCULO! (2011)

 

"La pólvora ya está inventada, Músculo solo va a ponerla en tu reproductor.

Somos cinco. Somos de Galicia. Somos rítmicos y melódicos. Somos ruidosos y bailones. Somos guitarreros y electrónicos. Somos distorsión y bombos machacones. Somos sintetizadores y bajos pesados. Somos voces agresivas, letras directas y mensajes incómodos. Somos Músculo!".

Desta forma tan directa se presenta a banda no seu perfil de bandcamp. Ademais, amplío, son de Pontevedra (tamén!), fixeron o seu debut no festival Mundo Vermello de Vilagarcía fai uns anos e agora van madurando en diferentes salas patrias.

"Buon Giorno" (2011) é unha demo alucinante composta por catro cortes de indubidable forza, "Mercado", "Panzer", "Autoestima" e "Sed". Músculo precisamente é o que non lles falta, un nome que lles vai ao pelo…

A min encántanme e se tivera que poñerlles una pega, esta sería o idioma. Sería a hostia que se animaran con letras en galego, sería unha boa forma de potenciar o noso… e a diferencia doutras comunidades con lingua propia, aquí seguimos sen enterarnos do tesouro que temos entre as mas.

 


FOTO: Jalo Catro

compartir en facebook
compartir en twitter
Bookmark and Share
PUBLICADO POR Jose Angel Lopez el 10/07/2013
Música, Danza, Humor, Hip hop

La revista Dot: nace como una necesidad de dar a conocer lo más relevante en el panorama artístico y cultural de Galicia. Una guía útil, pero sobre todo eficaz, para los que viven aquí y los que vienen por primera vez, cuya intención es dar a conocer todo lo que se puede hacer y en dónde se puede hacer.  Cada dos meses, os presentamos en una tirada en papel de 12.000 ejemplares distribuidos en casi 1000 puntos de distribución ... leer más

Suscríbete a nuestro boletín semanal y recibe nuestras recomendaciones semanales en tu correo
A Coruña | Ourense | Pontevedra | Santiago | Vigo
DOT MAGAZINE © 2017 · Todos los derechos reservados · Dot: está editada por ChaChaChaStudio | Aviso Legal | Panel de redactores
Irmandiños 8, 4ºA, 36201 Vigo (SP) | T. +34 692 140 602 | info@dotgalicia.com